7 de dec. de 2011

UNHA NOTA DE ULTIMA HORA DO REFUXIO ACUSA A JORGE DOMINGUEZ DE FALSIDADE

Jorge Dominguez Rosal
A derradeira hora da tarde de onte o Refuxio de Animais de Cambados sacou unha nota informativa na que acusa o deputato provincial, vicepresidente da deputación e Alcalde de Meaño polo PP Jorge Dominguez de falsear a verdade, na nota tamén se di que o Refuxio ten estudado perfectamente que o proxecto presentado é autofinaciabel, e que o único incribel  e que se faga un novo concurso, lembra tamén entre outras cousas o Refuxio de que  o proxecto da Mancomunidade é un logro a longo prazo de Olga Costa. Cada vez reafirmome mais na idea de que o Alcalde Cambados, e o PP tanto a nivel local como provincial estiveron utilizando politicamente o Refuxio, o PP, nunca dou........

puntada sen fio. Lembremos que o PACMA (PARTIDO ANIMALISTA) obtivo en Galicia a nada desdeñabel cifra de 7.085 votos dos cales 2.855 foron conseguidos na Provincia de Pontevedra, foi a provincia de Galicia onde mais votos obtivo este partido i eso o millor o PP non o perdona.
Aquí vos deixamos íntegra a nota do Refuxio:

"""Contestación ao Deputado provincial sobre o novo centro de exterminio do Salnés 

En contestación ás declaracións do deputado provincial D. Jorge Domínguez publicadas no Faro de Vigo do día 6 de decembro de 2011, por parte do Refuxio de Animais de Cambados, por alusións, respondemos que non é certo que coñezamos dabondo o apoio do Sr Domínguez ao proxecto do Refuxio. Soamente coñecemos o que el nos di, pero é falsa a afirmación de que, como textualmente afirma, o proxecto sexa inviable por ser excesivamente caro; elude o Sr Domínguez, mencionar que o proxecto que presentou o Refuxio de Cambados prevé a autofinanciación nun prazo de 24 meses, é dicir, sen necesidade de subvención das administracións e iso polos ingresos derivados da explotación da incineradora (que non pode obviar o Sr Domínguez, que foi a propia Protectora de Cambados quen instou á Mancomunidade que solicitase a tramitación da subvención para a súa adquisición, así como que foi a Protectora de Cambados a que buscou o modelo economicamente idóneo para a Manconunidade, segundo as súas esixencias e necesidades), por medio dos ingresos derivados da explotación da residencia canina e a través doutros servizos desenvolvidos no proxecto. 
Tampouco é certo que sexan poucos Concellos os interesados no proxecto do Refuxio, porque todos cos que contactou a Protectora de Cambados, pareceulles asumible o custo, tendo en conta que non só os Municipios que forman parte da Mancounidade do Salnés están dispostos contribuír á explotación das instalacións da Armenteira, senón que Concellos que non están incluídos na Mancomunidade mostráronse favorables a formar parte e contribuír na posta en marcha deste proxecto. 
É sorprendente que o Sr Domínguez diga que non se pecha a porta á posibilidade de que a Protectora de Cambados sexa a que xestione as instalacións da Mancomunidade ?se recapacitan e barallan outras cifras?. Das múltiples solicitudes tramitadas para manter unha reunión coa Deputación de Pontevedra e Mancomunidade para saber cal era o estado da concesión da explotación das instalacións, non se obtivo resposta algunha e sempre se evitou manter un encontro cos representantes do Refuxio de Cambados a fin de que dese algunha explicación ou pedirlle algún tipo de modificación, adaptación, ou desenvolvemento do proxecto. 
O Refuxio de Cambados foi a única entidade que presentou un plan perfectamente desenvolvido e detallado economicamente por capítulos, indicando exactamente cales eran os gastos e ingresos da actividade e que a mesma sería viable e autofinanciable en 24 meses eludindo mencionar que os 140.000 euros brutos anuais de custo aos que se refire o Sr Domínguez sería no caso de actividade da Protectora a pleno rendemento e cun persoal de traballadores composta por tres operarios, veterinario e adiestradores traballando a xornada completa. No entanto non se alude en ningún momento a que deses custos brutos teríanse que detraer os ingresos xerados pola actividade anteriormente mencionados. 
Baste como exemplo que algún dos Concellos que están interesados en participar no proxecto da Protectora da Mancomunidade, están asumindo custos só en concepto de sacrificio de cans e gatos por importe de 24.000 euros anuais (non se ten en conta gastos de recollida, manutención, esterilización, desparasitación, veterinarios, cirúrxicos, etc.). 
O proxecto do Refuxio de Cambados é pioneiro en España e é un referente estatal no tratamento de cans abandonados que está sendo imitado no territorio nacional por infinidade de asociacións que constantemente se interesan pola fórmula de traballo que estamos levando a cabo en canto á recollida destes cans e unha solución á problemática que supón o seu abandono. 
É dabondo coñecido polo Sr Domínguez en particular, e polas Administracións Públicas, en xeral, que estes cans son recollidos das rúas e estradas (co que supón en canto á evitación de accidentes e propagación de enfermidades) e algúns deles edúcanse e empréganse para labores de terapia e asistencia evitando o seu exterminio incontrolado. Todo iso sen ter en conta que unha empresa privada móvese por motivacións mercantilistas e con obxectivos meramente económicos, polo que unha vez transcorrido o prazo legalmente establecido en concepto de depósito, procederán ao seu sacrificio, sen ter en conta a opción da adopción ou acollida e menos a reeducación para tarefas asistenciais ou terapéuticas, xa que isto supón gasto e nunca un beneficio economicamente cuantificable. 
O Refuxio de Cambados, e outras Protectoras, empregan os seus recursos non só económicos, senón tamén persoais, a través da figura dos voluntarios, para poder dar unha saída a estes cans abandonados sen ter que chegar ao sacrificio indiscriminado. É suficiente recordar que este tipo de empresas cobra polo número de cans recollidos das rúas sen ter en conta o destino que se lle vai a dar aos mesmos e ás veces sen chegar a interesarse por quen é o propietario. 
Xa que logo, o único que é inviable, a diferenza do que di o Sr Domínguez, é que se pretenda sacar novamente a concurso a explotación das instalacións da Protectora da Mancomunidade, concorrendo empresas privadas e asociacións en igualdade de condicións, posto que as motivacións e esixencias nunca serán as mesmas, anulando dunha plumada ás Asociacións sen ánimo de lucro que non dispón de medios financeiros para asumir os avais que se precisan para formar parte destes concursos de contratación administrativa. 
Para finalizar, preguntámonos que pasa co procedemento de concesión da explotación das instalacións da Mancomunidade ao que alude o Sr Domínguez e ao que só concorreu o Refuxio de Cambados e do que non se deu resposta por escrito. E, en segundo lugar e máis importante aínda, queremos que O Salnés sexa un referente en España en canto defensa e protección dos animais e, en particular, á recollida e tratamento de cans abandonados e o seu reeducación para labores de asistencia social con anciáns e minusválidos físicos, psíquicos e sensoriais ou preferimos, seguindo o exemplo doutras comunidades, o exterminio masivo de cans e gatos sacrificados indiscriminadamente? 
Non nos gustaría esquecer que o proxecto da mancomunidade é un logro grazas ao traballo de Olga costa que durante 12 anos leva recollendo, coidando e dando en adopción aos animais abandonados do Salnés, sen axuda, recoñecemento nin soldo, e as instalacións da Armenteira fixéronse co seguimento e asesoramento de Olga costa, recordemos que este ano foi galardoada como Muller traballadora e solidaria do Salnes, e logo da súa entrega incondicional á comarca, a mancomunidade do Salnés e deputación están botando por terra todo o seu traballo e esforzo para que se lucren empresas privadas foráneas e sen principios. 

“A grandeza dunha nación mídese pola forma en que trata aos seus animais” MAHATMA GHANDI. 

Fdo.- Xunta Directiva Refuxio de Animais de Cambados. 
Martes, 6 de Decembro de 2011"""

Ningún comentario: