20 de xan. de 2012

CAMBADOS NO RECORDO: DE SAN BIEITO A PASTORA

Dende a Praza de Fefiñáns, unha das máis suxestivas e evocadoras prazas de vila galega, ata as últimas casopas mariñeiras que se reflicten nas augas próximas a San Sadorniño, a realidade administrativa só coñece un nome: Cambados.
Pero o dicir das xentes distingue moi ben aínda as tres vilas que, uníndose por altas alamedas ao longo da fita litoral, confundiron unha só unha as súas existencias: Fefiñans, Cambados, San Tome do Mar. Acaso a esta pluralidade de orixe se debe a diversidade de conmemoracións festivas e santorais: San Bieito, Santa
Mariña, A Virxe da  Pastora, Santa Margarida, a Balbanera... 
San Bieito de Fefiñáns é a primeira das súas festas. Un San Bieito non  mencionado na copla que exalta a milagreira condición do de Lérez. Pero a quen oia a un fillo de Cambados amentalo con familiar sinxeleza na charla ou quen conserve na retina o cadro pintoresco da súa procesión, cando entre danzantes e música e gaitas e delirio de foguetes, de campás e cantos penetra no seu santuario, non dubidará de que exerce sobre os seus "paisanos" un patrocinio milagroso digno da devoción e culto que lle ofrecen.
Santa Mariña, polos días en que se colorean como meixelas de moza as súas tenras mazás, é festa de Cambados.
A divina Pastora éo de todo o pobo. No seu outeiro esconde a ermida e a ermida a venerada imaxe. Alá, ao pé, o casarío e o mar. E a dous pasos, cos seus descarnados costelares de granito, o templo señorial e gremial de Dona María de Ulloa.
Fermoso marco dunha advocación que ten a xentil graza dunha pastorela do século XVIII florecida sobre un texto evanxélico.
Agridoces remembranzas, propias e alleas, asáltanme en tal día. E paréceme ver como avanza aínda polo carreiro do monte, reza xunto á ermida, le, contempla a auga e a terra, a terra nai "terra de diesmo e foro- de András a Adina e de Armenteira o mar", que cantase o seu poeta, un mozo ensimesmado, que ante Deus, ante a Natureza e ante a Historia que lle dita unha lección en cada pedra, forxa, madura, lento unha idea. Abandonou un momento sobre a herba do libro entreaberto. O vento remove as follas e nunha, á marxe lese: Alfredo Brañas.
Un texto de Isidoro Milán Mariño.
Este texto foi publicado no "Faro de Vigo" correspondente ao 20 de agosto do ano 1950, festividade da Virxe da Pastora.
Tradución: Xaquín Charlin
        

                        

Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: