20 de xan. de 2012

AS ENTRADAS PARA VER A TREIXADURA EN PONTEVEDRA, A VENTA.

Como xa informamos neste espazo web o vindeiro sábado 11 de Febreiro ás 21 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra Treixadura dará un concerto, e as entradas xa están a venda podes retiralas premendo AQUÍ. O prezo é de 10 euros , agás para xubilados, estudantes e parados que é de 8 €.
En Galicia TREIXADURA constitúe, dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada dende dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.

TREIXADURA é sinónimo de música tradicional, ritmos, cantos e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romaxes máis populares coma nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce bailando, cantando e escoitando a música dos seus 15 compoñentes que, provindo de propostas musicais variadas, teñen en común o gusto e o respecto pola música tradicional, motivo abondo para que hoxe representen e dignifiquen este proxecto. 20 anos de gravacións e concertos, 5 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común. Dúas décadas compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.


O NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO: "Esa se que é muiñada". (Treixadura, 2011) é un traballo que pretende revivir a música e os cantos populares que aínda se ocultan no substrato dun pobo que garda con celo o seu patrimonio cultural.
Para desenvolver toda esta declaración de intencións o grupo conta coa colaboración dos coros decanos galegos "Cantigas e Agarimos" (Santiago de Compostela), "Cántigas  Terra" (A Coruña), "Real coro Toxos e Froles" (Ferrol), a "Coral De Ruada" (Ourense) e a "Agrupación Musical do Roseira" (Ou Roseira, Pontevedra)
"Esa se que é muiñada" é hoxe unha lúa crecente, case chea, que insinúa o fin dun ciclo e, ao mesmo tempo, o inicio dun novo.
Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nas festas populares, entre os vellos gaiteiros, nos coros, nas bandas, que permanecen en nós, os galegos, dende a noite dos tempos grazas á tradición oral, os libros e a música.
O grupo Treixadura está formado por:
Toniño López: Tambor
César Longa: Acordeón
Pablo Nogueira: Gaita
Magoia Bodega: Gaita e bombo.
Xaquín Xesteira: Gaita
Orfeón Treixadura (10 voces masculinas): Alberte Raposo, Delio Domínguez, Toño D. Fontenla, Moncho Marín, Álvaro Lamas, Gustavo Cuntín, Mingos Lorenzo, Antón Cabaleiro, Xurxo Raposo e Pablo Rei.




         
                        
Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.



Ningún comentario: