O xuíz cambiou as nosas vidas e en Galicia é sinónimo de Xustiza pola súa loita contra o narcotráfico
Mozos e mozas “normais” que de súpeto abandonan estudos e traballo; alteracións no comportamento; roubos nas mesmas casas; tirados nas rúas. Enfermidades descoñecidas (ano 1984, primeiro morte de sida en Galicia, en Cambados). Máis aínda: diñeiro de procedencia non coñecida; coches de marcas e
circulando a toda velocidade; casas ostentosas sen oficios recoñecidos; xeracións perdidas; familias esnaquizadas pola dor, a morte . Xente con distintas posicións sociais, xente con similar procedencia. Que lles pasa aos nosos fillos? A DROGA.
circulando a toda velocidade; casas ostentosas sen oficios recoñecidos; xeracións perdidas; familias esnaquizadas pola dor, a morte . Xente con distintas posicións sociais, xente con similar procedencia. Que lles pasa aos nosos fillos? A DROGA.
E aos nosos veciños? E aos nosos amigos? Que consomen? De onde sacan o diñeiro? Quen lles facilita o que venden? Por que deixan de estudar? ?Gaño máis diñeiro levando esta bolsiña a Santiago, que ti profe, e logo, xa o deixo?. Logo, xa non foron capaces.
Todo isto e máis o vivimos con inmensa preocupación, angustia e medo. Si, moito medo porque cando empezamos a tomar cartas no asunto, denunciando nos medios informativos, ameazáronnos tanto aos que denunciabamos como aos xornalistas que eran as nosas voces e ás nosas familias.
Buscamos respostas persoais e ante tanto silencio, agrupámonos en Asociacións e chamamos á porta de moitas entidades e a distintas institucións. ¡Nada! Todos miraban para outro lado.
Así ata que chegamos á Audiencia Nacional en Madrid e alí atopamos a un xuíz que nos escoitou (ano 1989) e púxose a traballar mentres nós non deixabamos de manifestarnos, de pedir axuda médica, social.
INDEFENSIÓN
Cada vez era máis difícil vivir esa situación, parecíanos imposible que non se puidese resolver cando coñeciamos a todos os que traficaban, era de dominio público e tamén coas súas ganancias sabiamos a quen favorecían. Era o tema de conversación permanente? sen solución aparente. Foi unha época de desnorte, de indefensión, sentiámonos desprotexidos.
O XUÍZ
Ata que un 12 de xuño de 1990, rompeu o silencio: Unha redada e colleron a todos ¡claro que os coñeciamos! E quen se atreveu? Baltasar Garzón, xuíz da Audiencia Nacional. Foi un día de felicidade, de luz, de esperanza. Foi a Operación Nécora. Un éxito social. Un antes e un despois nas nosas vidas en todos os aspectos: de valoración da xustiza, de respecto ao Estado de Dereito, da valoración ao traballo honrado , da importancia do saber, do respaldo aos valores, á recuperación da autoridade moral.
Á Operación Nécora seguiron outras operacións. Creou xurisprudencia no tema do narcotráfico. Baltasar Garzón escoitounos e así, do seu paso pola política, resultou a incautación de bens aos narcotraficantes ?Lei de fondo (o incautado pasa a prevención, recuperación e reinserción de drogodependentes e familias) e Lei de Branqueo que se aplica a todos os niveis (decembro de 1993).
Todo isto sentou precedente e así puideron continuar outros xuíces, fiscais e corpos de vixilancia aplicando a lexislación desde entón.
E AGORA?
Esa situación cambiou as nosas vidas e Baltasar Garzón en Galicia é sinónimo de Xustiza. Por iso seguímoslle ao longo do tempo e valoramos o seu traballo, o seu esforzo, o seu entusiasmo e valentía á hora de afrontar as diferentes causas. E o seu posicionamento baseado na defensa dos máis débiles.
Agora pasados 22 anos daquela operación, a pregunta é: Onde nos atopamos? Volvemos ao mesmo ante esta situación de corrupción? Quen nos vai a escoitar?
Ogallá se oíse o clamor do noso corazón que di ?¡fóra esa sentenza!?.
Todos necesitamos a Garzón.
Carmen Durán Martínez é profesora e fundadora da Asociación "Desperta Cambados"
Para unha mellor navegación por
este blog usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.
Ningún comentario:
Publicar un comentario