11 de mar. de 2012

FENOMENAL TRABALLO DE MARIBEL IGLESIAS: O PASEO DAS ESCULTURAS

O Concello de Cambados está intentando promover un Paseo das esculturas no ámbito urbano de Cambados, aproveitando as numerosas obras que se conservan neste pobo con gran tradición escultórica. Anque sabedes que nos encanta poñelos verdes (é broma) temos que dicir  que nos parece unha boa idea. Eso sí, tal como se comentou na última reunión de blogueiros que tivemos, non estaría mal que o paseo incluíra máis esculturas das que o alcalde pensa (diciamos eso en base ao que lle temos escoitado) e sinalizar as obras "in situ" ou editar un folleto informativo.
O Paseo das esculturas na nosa opinión podería empezar na rotonda de Tragove con
esta magnífica escultura de Manolo Paz:


Manolo Paz é un artista cambadés que traballa sobre todo a pedra. Pedras galegas preferentemente e en especial o granito, que abunda na nosa zona. As súas obras entroncan coa tradición galega do traballo coa pedra que vén dende o neolítico, pensade só nos dólmenes e menhires ou nos petroglifos que tanto abundan na xeografía galega en xeral e pontevedresa en particular. E Manolo Paz conecta directamente con esta tradición dos canteiros galegos, usando unha linguaxe abstracta, que tamén está presente na prehistoria galega (semella que a arte volve ao inicio). Esta linguaxe sen figuras (non figurativa) pode parecer a primeira vista que non nos di nada pero se analizamos polo miúdo comprobaremos que nos está dicindo moitas cousas.

Por exemplo Paz xoga moito coa oposición de elementos verticais que se cruzan cos horizontais. Este é un elemento eterno na historia da arte, que simboliza a oposición de contrarios que se dá na natureza, e pensade na idea oriental do yin e o yan e na occidental do ben e o mal. De feito a cruz cristiá, que tamén é un símbolo similar, existiu moito antes de que o cristianismo chegase a Galicia, xa  pon de relevo Castelao no seu libro sobre As cruces de pedra na Galiza, que hai cruces nos petroglifos galegos, 1500 anos antes de Cristo.

Nesta escultura tamén destaca "o acoplamento" , unha pedra que se incrusta en outras, símbolo tamén na natureza da ensamblaxe doutros dous contrarios, o masculino e o feminino. Rematando, o noso escultor usa símbolos eternos sobre unhas pedras "ciclópeas" ás que domina ou cre dominar (esperanza vana do ser humano a de controlar a Natureza), deixando a pedra tal como sae da canteira en certas zonas, traballando e pulíndoa en outras, xogando coas texturas, co brilo, coa cor... En definitiva facendo tamén unha obra bonita.

 Pasaríamos logo  a Fefiñáns pero antes de ver a Naiciña, non esquezamos que na Praza e Igrexa de Fefiñáns, hai tamén esculturas notables, empezamos cosBalboas, que serviron de inspiración a Paco Leiro:



Comenta o historiador cambadés Xaquín Sánchez Peña no seu libro de 1927,  " en los extremos del atrio de la iglesia lucen dos estatuas de dos Hércules, con sus mazas y escudos, a los que las gentes llaman Balboas, sin duda por ser uno de los apellidos de los señores de Palacio. Hoy sólo luce la que está al lado este, pues la otra, que estaba en el lado oeste, rompió y aún está sin arreglar [ aparece engadido posterioremente:  la puso D. Joaquín Armada en el ángulo del atrio] . A estas figuras las llamaban "los peneireiros" porque tienen un escudo jaquelado que parece una peneira".
Cremos que acerta Sánchez-Peña ao falar dos Balboas coma de dous Hércules, o semideus grego tamén chamado Heracles, a maza que sosteñen é bastante clara e senón compárese con outras esculturas coma este Hércules dos Museos Vaticanos:
Representados con gran rudeza no duro granito e cun aire arcaico e primitivo que tanto gusta a Paco Leiro, levan tamén os dous un escudo, coas armas do señores do Pazo de Fefiñáns. Aí podemos ver o axedrezado dos Valladares ("a peneira"), os roeles (círculos) dos Sarmiento os leóns dos Osorio e as bandas dos Soutomaior, símbolos todos das familias nobres máis rancias e de máis abolengo de Galicia.
Na mesma praza teñen interese os escudos que adornan "O Palacio" de Fefiñáns. Empezamos por este situado no muro norte, próximo ao arco. É un escudo familiar que ten a característica serea da familia dos Mariño de Lobeira, moi presente por toda a Ría de Arousa  e que ten a súa orixe na lenda, moi mariñeira, da serea que rescata de morrer a un afogado. A serea sostén un escudo coas "armas" familiares, de novo o axedrezado dos Valladares, os círculos dos Sarmiento, as follas de figueira dos Figueroa e as bandas dos Mera.


Na fachada oeste, que mira ao mar está este enorme escudo que parece que corresponde a un dos constructores do Pazo, Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns. Aparecen nel dous leóns rampantes (de pé) aguantando o escudo familiar, que repite moitas das armas das que xa falamos. Un heraldo (anunciante) toca unha corneta na parte superior.


Máis interesante na nosa opinión é o escudo da fachada Norte, corresponde ao fillo do anterior, Fernando de Valladares, II Vizconde de Fefiñáns, tamén constructor do Pazo. Nesta ocasión flanqueando o escudo familiar aparecen dúas figuras que non tiña identificadas ata que nunha visita que fixen ao Pazo cos meus alumnos, dúas alumnas, Lorena e Ánxela (magníficas alumnas por certo) repararon en que debían ser figuras mitolóxicas. As clases de Belén, profesora de grego, déronlles a clave. Á esquerda está unha figura que representa a Zeus, o pai dos deuses, agarrando os raios e co seu símbolo, a águia, aos pés. No outro lado estaría Apolo, deus da música e a beleza, entre outras cousas, agarrando a lira. Así que a identificación de Sánchez-Peña dos Balboas coma Hércules non é descabellada, aquí aparecen tamén figuras mitolóxicas. Eso confirma tamén a nosa idea de que no deseño deste Pazo traballou alguén que ou era italiano ou coñecía moi ben a arte italiana. Esta influencia é moi rara na arquitectura galega máis tradicional, é propia só das elites (alto clero, alta nobreza ou a familia real) que tiñan a posibilidade de coñecer a cultura e arte italiana ou de visitar Italia.


E despois de tanta pedra imos cunha obra feita noutro dos materiais tradicionais da escultura galega, a madeira. Por motivos obvios esta ten que estar nun interior, na Igrexa de S. Bieito de Fefiñáns. Na foto aparece unha mostra da imaxinería que existe nas nosas igrexas, trátase dun Cristo en madeira, feito por outro escultor cambadés, Francisco Leiro (avó) bo amigo segundo me dixeron de Francisco Asorey. Un parente de Asorey comentoume que este nunca marchaba de Cambados sen ir ver a Fefiñáns o Cristo do seu amigo.


Imos agora sí á Naiciña. Este monumento en pedra mostra unha copia de moi boa calidade (ao noso entender) da obra orixinal en madeira de Francisco Asorey, da que a día de hoxe descoñecemos o paradoiro. Fíxoa o discípulo e axudante  de Asorey os últimos anos, Xosé Cao Lata. Mostramos a continuación unha foto que corresponde á inauguración da obra en 1965.



Como podedes apreciar a escultura estaba máis diáfana, logo colocáronse plantas decorativas (que medraron) e unha verxa de ferro para protexelo pero iso tamén a illou. Lembro que nas dúas reunións da Comisión Asorey  falouse de quitar estes elementos para que a escultura puidera verse mellor. Se non me equivoco foi primeiro Vítor Caamaño ou que o suxeriu e logo tamén o encargado da exposición de Asorey, Miguel Fernández-Cid, non sei a quen dos dous lle fixo caso o Concello pero o certo é que recentemente se retirou a verxa e algunhas das plantas que impedían ver ben a escultura. Xulgade vós mesmos se se mellorou, vendo esta secuencia de fotos de antes e despois.

ANTES 



DESPOIS 

 


Remato cunha fermosa foto da Naiciña nevada, a min  pasouma Adela Leiro, pero creo que a fixo Mon Daporta, que conste para que non se diga que sempre levamos o mérito as mulleres.


Da Naiciña imos pola rúa do Príncipe cara a escultura en bronce recentemente inaugurada, durante os actos do Ano Asorey, 2011. É obra do escultor Lucas Míguez que tanto ten traballado para os Concellos de Vilanova e Cambados (lembrade as figuras sobre Valle-Inclán de Vilanova). A nós a escultura non nos gusta moito pero recoñecemos que a xente párase a mirala. Moitos turistas probablemente vexan por vez primeira o nome de Asorey na placa da escultura. Para que o poidan seguir facendo, permitímonos suxerir ao Concello que poña algún sinal para que non aparquen coches diante.




Un pouco máis alá neste paseo da Calzada atópase o Monumento a Cabanillas de Francisco Asorey.



Fíxose algo similar que coa Naiciña, retirouse a verxa que o rodeaba, como podemos ver nesta foto anterior:



O monumento orixinalmente non a tiña:



A participación de Asorey nesta obra cremos que non foi moi intensa, non debía de haber moito diñeiro para facer un gran monumento. Anque ao mellor dou ideas para facelo, a execución deste correu a cargo de Antonio "O de Segundo", fillo dun constructor cambadés que colocou dous grandes "cons" traídos de Tragove e A Pastora. Directamente Asorey ocupouse de modelar a efixie que logo se pasou a bronce de Ramón Cabanillas. Cóntase que como Cabanillas estaba xa moi mal de saúde, posou o seu fillo Ramón, co que gardaba un gran parecido e ademais daba idea dun home máis novo. Por detrás da efixie do poeta aparece a silueta dunha figura que non sabemos identificar con seguridade. Pero como parece que leva na testa unhas follas de loureiro atrevémonos a suxerir que poida ser un Apolo, deus tamén da poesía e do que xa sabemos que existe outra representación en Cambados.


Case en fronte deste monumento, está a escultura dun rañeiro, un mariscador. Feita en bronce e firmada por A. Vila, non é unha escultura de gran calidade, está algo desproporcionada, a gamela é un pouco pequena para o rañeiro e o escultor debía ser de terra adentro porque non coñece ben o oficio de rañeiro. Segundo o que lle temos escoitado a Paco Fernández Rei, se se manexa o raño dende a parte datrás da gamela, esta pode desquilibrarse. Menos mal que atopei sentadas na escultura a estas alumnas do Asorey que axudan a compensar o peso.




Un pouco máis alá están as vieiras feitas en pedra de gran por Manolo Paz. Non nos gusta tanto esta obra como a anterior que comentamos súa, "anque se entenda mellor"




E en fronte das Vieiras, diante do edificio do Concello, outra obra de Lucas Míguez, esta vez o poeta Cabanillas, sentado nun banco, mira cara o Mar de Arousa. Aos nenos gústalles sentarse ao seu carón e aos turistas fotografarse con el, que non é pouco. 




A escultura que temos nunha praza cambadesa de Francisco Leiro, outro gran escultor cambadés, é a figura dun Baco, deus romano do viño, en bronce. Decatástevos da cantidade de figuras mitolóxicas que hai representadas en Cambados?. A Paco Leiro tamén lle gustan moito os mitos, sexan cambadeses como Xan Quinto ou greco-latinos coma este Baco ou os hércules e afroditas que lle temos visto. Pero non é o bronce o material que máis vai coa sensibilidade de Leiro (cremos), senón a madeira. Pero non se pode poñer unha escultura en madeira á intemperie, que se estragaría, así que temos que conformarnos con esta.



A escultura está núa pero ten un pantalonciño por diante para  non ofender a ninguén, a praza de Cabanillas onde está, vai de camiño á Igrexa parroquial. Pero por detrás enseña o cú!.


Imos rematando con outra gran promesa da escultura cambadesa que se malogrou moi nova debido a un accidente de coche. Falamos de Narciso Pérez que fai esta fonte-farola para a praza de Alfredo Brañas. Atopamos unha reseña na prensa de que lle encargaran a Asorey por estas datas un monumento a Alfredo Brañas para Cambados que non chegou a facerse, quizais en troques se colocou esta. Ten gravada a data de 1925 e ostenta os escudos de Galicia, Pontevedra e Cambados.




Remato, agora sí, con dúas esculturas que adornan a fachada da Igrexa parroquial, antes igrexa do Convento de S. Francisco, construído no s. XVI, alí están dúas figuras en pedra que representan a Adán e Eva. A figura da Eva tamén se di que lle serviu de inspiración á Eva en madeira de Francisco Leiro, que está nunha colección de Nápoles.


          
TEXTO E FOTOS: MARIBEL IGLESIAS BALDONEDO BLOG ASOREY.        

Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: