12 de mar. de 2012

O BNG PRESENTA UNHA ALTERNATIVA PARA INGRESAR 100 MILLÓNS SEN TOCAR AOS EMPREGADOS PÚBLICOS

A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, e o deputado Alfredo Suárez Canal presentaron estes días unha batería de iniciativas parlamentares reclamando a derrogación da lei de axustes no emprego público aprobada de forma “fraudulenta” a pasada semana e propondo unha serie de alternativas coas que a Xunta podería ingresar máis de 100 millóns de euros, sen ter que tocar os servizos públicos. Para a voceira nacionalista, é moi importante “desmontar as
mentiras” do goberno, de que a única política posíbel é a política de recortes públicos que está facendo Feijóo, e de aí as propostas do BNG, dirixidas por unha banda a reducir o gasto prescindible e por outra a actuar na recadación. Trátase, explicou, de apostar por axustes que precisamente repercutan nunha mellora da calidade dos servizos para todos os cidadáns e citou, entre outros, a desaparición das delegacións territoriais, a eliminación de gastos de propaganda ou a redifinición da estructura salarial dos altos cargos.
Asemade, reiterou a necesidade de mellorar a recadación a través do tramo autonómico do IRPF e do imposto de patrimonio, pois lembrou que o estado español é un dos estados cun dos sistemas con menor progresividade de toda a UE, “cando son as rendas máis altas as que deben facer maiores esforzos”.
Ana Pontón acusou a Feijóo de faltar á verdade cando di que a lei aprobada non vai afectar á viabilidade dos servizos públicos nin aos seus empregados, e asegurou que logo de tres anos de goberno as súas políticas “fracasaron” e levaron a Galicia a unha situación “límite”, con cifras históricas de parados, privatizacións dos servizos e, por tanto, máis desigualdades.

                

Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: