18 de abr. de 2012

CAMBADOS NO RECORDO: DE GAULLE EN CAMBADOS

En Cambados tiven o pracer de vivir algunhas das experiencias máis belas e importantes da miña vida, comezando polo día no que, a miña filla Gloria e o seu marido Pablo, quixeron que fose eu o padriño da súa voda. Celebrárona na pétrea Igrexa de San Benito, un dos poucos templos que na Galicia do románico recrea unha curiosa arquitectura de corte italiano, na que destaca o seu teito de pedra, similar ao da Catedral de Santiago.
Este templo sitúase na Praza de Fefiñáns que asombrou especialmente a Andrew
Latimer, mítico guitarrista e voz de “Camel”, co que pasee polas Rías Baixas alá polo setenta e dous, tras organizar o primeiro concerto internacional que se celebrou no país, cando este grupo tocou no Pavillón dos Deportes de Pontevedra, que era o que había.
Para min Fefiñáns é a praza con máis encanto de Galicia e foino tamén para Adolfo Suárez, co que compartín a primeira campaña electoral desta democracia, da que, o entón líder da UCD, era e será sempre o principal protagonista. Cambados foi unha das vilas galegas que máis chamou a atención ao ex presidente español e nela permanecemos ambos “taceando” e tomando ostras polo seu casco histórico que non ten prezo, en compañía da xente de mar.
Aquel día regaleille a Suárez un librito de poemas de Ramón Cabanillas e o admirable político abulense non se podía crer que Pío Cabanillas fose sobriño neto do poeta nacionalista.
Estiven en Cambados moitas veces e sempre me parei a tomar as mellores ostras do mundo, esas que viven libremente nas selvas mergulladas e non as que cultivan nas bateas. Tiven excelentes compañeiros de mesa, de todo corte e condición, pero nunca esa xente de malvivir, uns poucos, que son quen coa droga tiñeron de negro unha zona onde a xente é en grao sumo honesta e amable que che podes atopar.
Un dos días que mellor o pasei na “Capital do Albariño” foi con Santiago Tirado, ex alcalde amigo pero co que fai tempo non comparto unha cunca dese viño branco tan rico co que, din as malas linguas, se emborrachou aquí o xeneral Charles De Gaulle.
De Gaulle a súa chegada o Parador de Cambados.
A que veu o ex mandatario francés a Cambados? Segundo contan algúns dos recoñecidos cronistas da vila, buscaba as orixes do celtismo.
Si, Charles De Gaulle estaba convencido que os seus antepasados eran celtas e cando se retirou ,por certo, foi un dos poucos políticos que dimitiron ao longo da historia, alá por 1969- pasou uns días no Alto Marne francés, na rexión da Champaña, concretamente en Colombey lles Deux Eglises, onde nacera.
Pero logo comezou a interesarse pola historia dos celtas e estivo, primeiro en Irlanda, logo en Escocia e tamén en Cambados, onde pasou case unha semana. Concretamente aloxouse no Parador de Turismo que facía unha década inaugurase Manuel Fraga Iribarne, como ministro de Información e Turismo.
Aquela visita sobreveu en 1970 e a Cambados veulle de perlas porque De Gaulle foi o mellor embaixador que tivo por Europa adiante, xa que sempre falou do excelente albariño con ostras que probara no Parador.
Eu recordo que en Radio Popular de Vigo abrín “O Popular Show” cunha entrevista a un adegueiro da zona, que estaba bastante indignado porque o xeneral non visitara a súa adega. Quizá a presión dos adegueiros “de marca”, fixo que De Gaulle levase como recordo daquelas vacacións “un albariño dá casa”, deses aos que se lle di “de colleita propia”. Aínda que, mentres viviu, todos os anos mandábanlle a París unhas botellas da nova colleita.
Puro segredo oficial houbo entón acerca desta visita do home que gobernou Francia durante once anos, ao que a historia coloca como o promotor da reconciliación franco-alemá e sen dúbida a figura política máis influente no proceso de creación da Unión Europea.
Eu tiña un bo informador entre as paredes do Parador de Turismo do que De Gaulle apenas saíu neses días de descanso e investigación e por iso se que sesteaba ben tras copiosas comidas ben regadas polo louro albariño do Salnés. Non é de estrañar que o xeneral -a pesar do séquito que compuñan nove persoas, entre elas a súa muller, Yvone Vendroux,- apenas dese un paseo para coñecer a Praza de Fefiñáns, case á beira do Parador.
Aínda non apertaban as calores do verán e De Gaulle só falara co correspondente de “A Vangarda” de Barcelona, sobre a súa visita á Catedral de Santiago que, ao parecer, “gustoulle menos que Notre Dáme pero si lle impresionou a Praza do Obradoiro e o conxunto de edificios monumentais que a rodean.
Á marxe dalgunhas curiosidades, como o feito de que traía un cociñeiro propio e de que houbo que porlle unha cama especial de dous metros e medio de longo, o importante da estancia do xeneral De Gaulle foi a súa persoal investigación sobre o celtismo.
O seu tío Charles, que vivía en Lille, foi un historiador namorado da cultura celta e loitou pola unión de escoceses, galeses, irlandeses e bretóns. O seu abueloJulien foi tamén investigador e un apaixonado do celtismo. E o propio xeneral sentía tanta curiosidade polo mundo celta que veu ata Cambados en busca do celtismo galego, logo de viaxar a Irlanda e a Escocia, nada máis cesar como presidente de Francia.
Ninguén se atreveu a contarlle a De Gaulle que os celtas eran guerreiros e que invadiron as terras dos antigos pobos galaicos.
Ademais ¡Seguro que foi en Galicia onde aprenderon a tocar a gaita!
Un artigo de Xerardo Rodríguez Rodríguez
Fecha de Nacimiento: 15 de Agosto de 1943
Lugar de Nacimiento: Cudeiro (Ourense)
 Currículum:
Fue Director de Programas de Radio Popular de Vigo. Director de Cadena Radio Noroeste. Director de la Radio Gallega. Director de la Televisión de Galicia. Director de la Radio Nacional de España. Director de TVE-Galicia.
 Obras realizadas:
En la actualidad dirige el programa Desde Galicia para el Mundo, de Televisión Española Internacional y coordina los proyectos de Espectáculos y Audiovisuales de la Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de la Xunta de Galicia.


Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: