Tal vez debésese ao efecto sedante e cativador da música, ao ritmo da voz de Nito Romero cambadés de San Tomé para mais señas que traballa en Vilagarcia dende fai moitos anos como Policia Local cunha profesionalidade fora de toda dúbida, ou ás peripecias que narra o conto escrito por Charles Perrault. Fose polo que fose, a representación de "O gato con botas" que se estreou ante os alumnos do colexio infantil Vagalume foi un éxito que conseguiu acaparar a atención do mozo público de principio a fin.
Os profesores da Escola Municipal de Música de Vilagarcía cargados cos seus instrumentos dirixíronse cal flautistas de Hamelín cara ao salón de actos do colexio Arealonga. Foi por mor da intensa choiva, que obrigou a trasladar baixo teito unha representación que en principio estaba previsto realizar no patio do Vagalume. O cambio de plans non afectou á ilusión dos intérpretes, nin tampouco á boa disposición dos nenos, que minutos despois seguían con enorme expectación as aventuras dun Gato con Botas musicado e encarnado polo policía local Nito Romero.
Non é a primeira vez que este Policia Local colabora con actividades didácticas dirixidas aos estudantes máis novos. E é que o contacto cos nenos enganchou a Romero, que desde fai varios cursos impulsa iniciativas vinculadas coa educación viaria nos colexios da localidade.
Se o primeiro pase do Gato con Botas foi un éxito, non o foi menos o segundo, que se produciu pasado o mediodía no mesmo lugar, pero neste caso ante o alumnado do Arealonga.
Con esta iniciativa didáctica o profesorado da Escola de Música quere achegar o gusto pola música aos alumnos dos colexios vilagarciáns dun modo divertido e adecuado aos seus gustos. A actividade percorrerá todos os centros da localidade. A seguinte parada será o luns en Vilaxoán e A Escardia.
Para unha mellor navegación por
este blog usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario:
Publicar un comentario