XUVEN 81 TORRELAVEGA 60
Club Xuventude Baloncesto: Taylor García (10), Jesús Díaz (16), Berni Castelo (12), Norman Rei (6), Alberto Rodríguez (17) -cinco inicial- Lucas Vaqueiro (3), Juanchi Orellano (8), Guido Villamil (4), Juan Mato (1), Manu Fernández (2) e Javi Patiño (2).
SAB Torrelavega: Xavier Guía (6), Juan Manuel Fernández (2), Eloi Galofré (14), Manu Díaz (4), Miguel Jenaro (20) -cinco inicial- Álvaro Teza (8), Álvaro Fernández (5), Pablo Martínez,
Torraibo (1) e Bereziartua..
Torraibo (1) e Bereziartua..
Parciais: 22-15, 26-16, 18-15 e 15-14.
Árbitros: García González e Huete Salcedo. Sinalaron 24 faltas ao equipo local e 16 ao visitante. Foron eliminador con 5 faltas os xogadores do Xuven Norman Rei e Juan Mato.
Incidencias: Partido de volta da eliminatoria previa á fase de ascenso á Adecco Leb Prata disputado nun abarrotado pavillón do Pombal, cuns 500 espectadores.
O Xuven xogará a fase de ascenso á Liga Adecco Leb Prata (aínda está por decidir se será mediante roldas eliminatorias ou a través dun play-off en concentración). Gañouno a pulso. E gañoullo fundamentalmente por xogo, porque o seu baloncesto merecíase estar entre os mellores da EBA. Un equipo que xoga como o fixo onte o Xuven na primeira parte tiña que estar si ou si nesa fase final.
O Xuven tróuxose un punto de renda de Torrelavega, pero realmente non lle facía falta. En terras cántabras non gañou porque lle faltou regularidade, porque non estivo ao seu verdadeiro nivel. Pero onte era outra historia. Os cambadeses afrontaron o partido co nivel máximo de concentración e de motivación e non fallaron, deixando o partido e a eliminatoria practicamente sentenciados no descanso.
Tampouco fallou a afección, que tal e como se esperaba abarrotou o pavillón do Pombal e deu ás aos xogadores. Con esta simbiose entre equipo (equipazo) e afección o Xuven está capacitado para seguir facendo historia. Porque historia é o que fixo onte, primeiro ao demostrar ser o mellor de todo o Grupo A e despois ao clasificarse por primeira vez para unha fase de ascenso a Leb Prata.
O Xuven atopouse a un rival que xa empezou en defensa zonal, ao ternándola con individual en todo o partido. Norman Rei foi o autor da primeira canastra e a partir de entón só unha vez o SAB Torrelavega foi capaz de porse por diante no marcador, aínda que foi un mero espellismo. De feito, ese foi o momento clave do partido. Con Eloi Galofré anulado pola defensa de Jesús Díaz especialmente pero tamén de Juanchi Orellano, partidazo o seu, e de Berni Castelo, Jenaro pasaba a ser o home anotador dos cántabros. E unha canastra súa foi a que puxo ao Torrelavega 14-15 arriba logo de superar un gran inicio cambadés. E cando parecía que os visitantes podían asumir o mando foi cando os locais ofreceron a súa mellor versión. A partir de aquí un parcial de 16-0 entre final do primeiro cuarto e inicio do segundo levou o marcador ata un 30-15 que permitiu manexar o partido ao Xuven. E iso grazas a unha intensidade defensiva extraordinaria, tanto individual como colectivamente, e froito diso chegou un humillante dominio do rebote (26 do Xuven na primeira parte por 11 do Torrelavega) cun número pouco habitual de rebotes en ataque (12), o que permitiu moitas segundas xogadas. E é que dentro da zona o equipo cambadés mostrouse moi superior, de aí a defensa zonal do técnico visitante.
E se a todo iso súmase un gran acerto no tiro, con Jesús lucíndose nos tiros de 3, o resultado era unha vitoria cómoda e un marcador ao descanso de 48-31 que deixaba o partido e a eliminatoria moi ben encarrilada. O único lunar eran as faltas, consecuencia da intensidade defensiva, aínda que conforme avanzou logo o partido non tiveron ningunha importancia no encontro. E iso que o problema de faltas agravouse no terceiro cuarto, pero o Xuven asentouse nunha vantaxe que roldaba sempre a vintena de puntos, a pesar dos intentos dun Eloi Galofré cada vez máis exasperado e canso, en parte porque non fora ao banco e sobre todo polo esforzo ao que lle obrigaban os seus defensores.
O partido xa non tiña volta e o último cuarto converteuse nun trámite, aínda que os locais, guiados polo seu adestrador, non pararon de apertar en ningún momento, incluído o veterano Alberto Rodríguez, que demostrou no partido, co seu xogo e motivación, estar tan ilusionado como o que máis.
O Xuven e a súa magnífica afección esperan xa rival para seguir gozando dunha tempada histórica.
Premendo AQUÍ podes acceder a un pequeño video do evento.
As fotos da columna da dereita son de Iago Pillado, A Voz de Galicia e Diario de Arousa.
As fotos da columna da dereita son de Iago Pillado, A Voz de Galicia e Diario de Arousa.
Para unha mellor navegación por
este blog usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

.jpg)
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario