4 de xul. de 2012

UNHA NOITE EMOCIONANTE NA QUE TREIXADURA CONVIDOU Á CORAL DE RUADA NA PRAZA MAIOR DE OURENSE


A praza Maior de Ourense foi testemuña dunha noite inesquecible para todo o público que enchía o recinto o pasado venres, 29 de xuño no concerto de Treixadura coa Coral De Ruada dentro da programación das Festas de Ourense.
Treixadura fixo un repertorio baseado no seu novo disco “Esa si que é Muiñada” e no que, ademais, se escoitaron outras pezas xa coñecidas do seu repertorio histórico. O concerto foi crecendo en intensidade ata chegar ao momento de máxima emoción cando subiu ao escenario a senlleira Coral De Ruada, oriunda da propia cidade, con quen Treixadura levaba varios días preparando un repertorio especial para o público de Ourense, quen vibrou emocionado escoitando a estes mestres da nosa música e do noso canto tradicional. O público, en pé, agasallou aos artistas con intensas ovacións.
Foi un evento que quedará por moito tempo na memoria dos ourensáns e dos numerosos visitantes que se deron cita para presenciar este concerto especial.
Dende 1990 TREIXADURA é sinónimo de música tradicional, ritmos, cantigas e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romarías máis populares  coma nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce  bailando, cantando e escoitando aos seus 15 compoñentes, que teñen en común o gusto e o respecto pola música tradicional, motivo abondo para  que hoxe representen e dignifiquen este proxecto. 20 anos de gravacións e concertos, 5 discos publicados, unha variada gama de colaboracións discográficas, e vida en común. Dúas décadas compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo. 
O NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO: “Esa si que é muiñada” é un traballo que pretende revivir a música e os cantos populares que aínda se agochan no substrato dun pobo que garda con celo o seu patrimonio cultural.
Para desenvolver este proxecto o grupo contou coa colaboración dos coros decanos galegos “Cantigas e Agarimos” (Santiago de Compostela) , “Cántigas da Terra”  (A Coruña), “Real coro Toxos e Froles” (Ferrol), a “Coral De Ruada”  (Ourense) e tamén coa “Agrupación Musical de O Rosal” (O Rosal, Pontevedra)

Enlaces relativos a Treixadura:
Web: http://www.treixadura.com/
Vídeos / fotos en: http://www.treixadura.com/multimedia.html

Ningún comentario: