14 de ago. de 2012

AS LIBRARIAS CONTOS E CABANILLAS PRESENTAN DOUS LIBROS EN TORRADO.

O vindeiro venres 24 de Agosto ás 20.30 horas presentación de “Locus Solus” de Raymond Roussel e de “Angel Esquire” de Edgar Wallace , as novas obras publicadas por Huguin
e Munin selo editorial orientado a traducción o galego de narrativa de ficción. Contarán coa presenza dos tradutores Isabel Soto e Xavier Senin, así como de Alejandro Tobar , editor.  Será posible adquirir as obras e informarse polo miudo polo novo sistema de suscripción. O acto está organiza polas librarias Contos e Cabanillas. A ver si é posible levar un lenzo e tapar a estatua de Fraga se o acto é fora.
Alejandro Tobasr , editor.
A Editorial Hugin e Munin é unha iniciativa pensada para entrar no mercado galego unha serie de títulos de literatura estranxeira de prestixio. O réxime de edición é aquel común aos clubs ou círculos de lectura, é dicir, está sustentado sobre unha base de subscritores que permita a publicación de 8 libros ao ano.
As literaturas inglesa e francesa, as literaturas nórdicas e as literaturas minorizadas son en principio os seus campos de batalla; con todo e iso, as literaturas de todas as linguas agás as feitas en portugués e castelán poden ser obxecto de tradución ao galego por parte de Hugin e Munin. O mesmo reza para os xéneros: novela negra, de ciencia-ficción, psicolóxica, de aventuras, rosa, colonial etc. Escolman as obras en función da súa calidade e sen apenas prestar atención aos clixés que leva implícito o dividir por xéneros.
Tanto o deseño do libro como a corrección da escrita son para eles elementos fundamentais da engrenaxe editorial. Que os seus lectores non gocen coa sua escolla de títulos podería supor unha reformulación do seu proceso de selección; que os seus lectores confronten durante a lectura importantes erros de ortografía e gramática suporá con certeza a sua retirada.
“Locus Solus” de Raymond Roussel 
Un destacado científico e inventor, Martial Canterel, alter ego do propio Roussel, recibe a visita dunha serie de colegas e amigos aos que guía durante un demorado paseo pola súa propiedade, o parque Locus Solus. Conforme avanza a xornada o anfitrión amósalles as súas invencións, que espalladas polo xardín a modo de marabillas, presentan uns niveis de complexidade e estrañeza cada vez maiores.
Locus Solus, publicada orixinalmente en 1914, é unha das novelas máis estrañas da literatura universal. Está escrita a partir das técnicas narrativas inventadas por Roussel, onde desempeñan un papel importante os xogos de palabras.
O texto, alicerzado sobre repeticións e diversas acumulacións de palabras á maneira das parénteses nos cálculos alxébricos, está considerado unha obra mestra da desestruturación. A voz de Roussel representa a independencia máis absoluta en confrontación co canon literario. Así llo recoñeceron Gide, Giacometti, Perec, Duchamp, Éluard, Breton, Foucault... É difícil falar das vangardas, especialmente do surrealismo, sen destacar a influencia que sobre estas tivo Locus Solus.

“Angel Esquire” de Edgar Wallace 
O vello e millonario Reale morre sen revelar a combinación da singular caixa forte onde atesoura unha inmensa fortuna; porén, deixa un criptograma de cuxa solución depende o destino final desta. De acordo coa vontade do finado, catros son as persoas autorizadas a resolver o verso xeroglífico. Velaí comeza, para gozo do lector, a competición entre destinatarios, unha carreira non sempre exenta de artimañas que Angel Esquire, membro de Scotland Yard, seguirá moi de preto.








Ningún comentario: