15 de out. de 2012

25.000 € DE PREMIO PARA GUIMATUR

As mariscadoras de Guimatur son recoñecidas a nivel estatal.
O Ministerio de Agricultura outórgoulles un dos premios á excelencia e innovación para mulleres rurais. A súa presidenta Maria Xosé Cacabelos, edil do BNG de Cambados, foino
recoller onte a Madrid.
A presidenta da Asociación Maria Xosé Cacabelos
coa actrz Gwyneth  Paltrow
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outorgou os premios de excelencia e innovación para mulleres rurais na súa III Edición. Entre os colectivos premiados está a asociación cultural Guimatur de Cambados, que dá a coñecer aos turistas as actividades realizadas polas mariscadoras e rederas -oficios desenvolvidos polas mulleres do mar e sobre os produtos da pesca-.
A asociación Guimatur está formada por 19 compoñentes -17 mariscadoras e 2 redeiras- e nacen no ano 2004. Na actualidade ofrecen 3 rutas do que deron en chamar "Turismo mariñeiro": Ruta do marisqueo, ruta do porto e a ruta do marisqueo e viñedos.
A primeira ruta mostra o marisqueo e permite aos turistas que experimenten eles mesmos, ensínaselles tamén historia do marisqueo e o proceso da ameixa desde que se sementa ata chegar ao produto final. Na segunda ruta móstrase a poxa do marisco que se recolleu pola mañá, e logo unha visita do porto na que lles explican os tipos de embarcacións e os modos de pesca de cada unha, tamén o traballo das rederas e finalmente, o percorrido da lonxa á depuradora final.
Outra actriz famosa Maribel Lozano posando con
varias mariscadoras
A terceira ruta é unha maridaxe entre marisco e viño, e colaboran coas adega do Pazo de Fefiñáns e con Martín Códax, onde lles ensinan os viñedos, a adega e o proceso do viño, e termina cunha cata.
Os usuarios das visitas son variados: turistas de calquera parte do estado español e moitos de Europa, así como colexios -de intercambio: franceses, ingleses, italianos, e nacionais: Madrid, Málaga, País Vasco, Cataluña, Galicia en xeral-. Ademais, visitáronlles para facer reportaxes tanto canles de televisión nacionais como estranxeiras, con invitados tan famosos como a actriz Gwyneth Paltrow, e unha televisión canadense, ou fotógrafas desde Andalucía.
Entre as anécdotas que lles deixan os seus visitantes, María Xosé Cacabelos, presidenta da asociación, recorda a de "un escolar do interior de Galicia que, escavando para buscar as ameixas non deixaba de traballar e dixéronlle que non facía falta tanta profundidade, ao que el contestou que estaba buscando a salsa que lle puña a súa nai no prato".
Segundo comenta Cacabelos, tanto nenos como adultos "pásanllo en grande nas visitas, sobre todo co marisqueo, "a algún profesor francés tivemos que sacalo de alí case á forza para que dea tempo a facer toda a visita", sinala.


Ningún comentario: