23 de nov. de 2012

AS TAXAS XUDICIAIS SON UN NOVO ATAQUE A CIUDADANIA GALEGA E CAMBADESA

Son dias tristes de máis para a cidadanía  cambadesa, pois acaba de entrar en vigor a lei de taxas xudiciais que vai provocar a renuncia dos cidadáns a entaboar accións xudiciais en reclamación de dereitos persoais e colectivos polo simple
feito de non ter os cartos necesarios para pagar, por adiantado, as taxas xudiciais hoxe fixadas na lei 10/2012.
Este é un novo ataque á cidadanía (e por desgraza non será o último) orquestado polo Partido do Poder (en abreviatura PP) que mellorando o eslogan empregado polo presidente dos EEUU Sr. Obama “Yes We Can” (Nós Podemos) acaba de conseguir o de Nos Podemos...estar, aínda se cabe, máis fodidos.
Estas taxas hoxe fixadas provocarán de feito unha renuncia por parte dos cidadáns a entaboar accións xudiciais de todo tipo en defensa dos seus intereses, polo mero feito de carecer dos cartos necesarios para afrontar o elevado custe das mesmas. O PP acaba de atacar a liña de flotación do estado de dereito ao limitar de xeito tal o acceso a administración de xustiza, un dos piares que mantén o equilibrio entre os tres poderes do estado, favorecendo coa súa actuación o reinado dos poderosos (economicamente falando). ¿Con que nos imos poder enfrontar a unha compañía de seguros, a un banco, etc. nunha reclamación que debería ser igualitaria pero que non o será porque eles terán o poder de “coacción” dos cartos para un arranxo que lles conveña fronte a falta de recursos económicos do reclamante para facer fronte a taxas dun xuízo xusto.
Non contentos con isto se aproveita esta lei de taxas para crucificar máis aos empregados públicos ao esixírselles a representación e defensa en todas as accións xudiciais en reclamación dos seus dereitos laborais e a imposición do dobre pagamento en decembro das contías por dereitos pasivos e mutualidades, a pesares de deixarse de percibir a paga extraordinaria.
Os  cambadeses rexeitamos dende fai tempo estes e outros recortes prantexados polo PP, defendendo o mantemento dos servizos públicos e, neste caso concreto, apoiamos e estivemos presentes naquelas concentracións e manifestacións que reivindicaron de xeito activo e expuxeron cara a cidadanía o abuso que se aveciñaba coa aprobación da lei de taxas que non só nos afectaría como cidadáns se non tamén como colectivo de traballadores da administración de xustiza. Por iso insistimos en que os traballadores e os cidadáns temos que lograr perder o medo e aunarnos nunha forza que consiga de xeito colectivo que as cousas muden pola presión popular porque por si soas non van a mudar e cada vez o PP verase con máis forza para para minorar os dereitos dos cidadáns e traballadores.

1 comentario:

MANUEL dixo...

Xa fai moitos anos que estamos gobernados polo €, falando de maneira simplista. O poder teñeno os que manexan os cartos e nos non podemos quedar a contemplar como se estan a facer cada vez mais ricos e poderosos a costa de afundirnos na miseria capando os nosos dereitos. ESTO É HUMILLANTE, Lei para ricos, educación para ricos, sanidade para ricos....¿Pero somos tan pasivos que só falta que nos aplasten coma bichos?