27 de nov. de 2012

O PECHE DO CIM (CENTRO DA INFORMACION DA MULLER) COMO CELEBRACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO (POR VICTOR CAAMAÑO)

O pasado domingo, 25 de novembro,  Día Internacional contra a Violencia de Xénero, informábase nos medios de comunicación de que o CIM de Cambados (Centro de Información da Muller) aínda non abrira as portas durante este
ano pero que se agarda comece a  funcionar antes do remate do mes de decembro. 
Sendo certo que o noso concello optou por mancomunar este servizo e o BNG apoia esta medida parecéndolle unha boa maneira de xestionalo, o que nos parece inaceptable e que as posibles usuarias non poidan ser atendidas mentres non entre en funcionamento o CIM mancomunado. O razoable sería seguir mantendo o servizo en Cambados á vez que se tramita a creación doutro que daría  servizo, tamén, a usuarias   doutros concellos próximos do Salnés. 
O máis lamentable deste asunto é que o peche do CIM de Cambados non é nada novo. O CIM conta, desde hai anos, co persoal axeitado para prestar este  servizo e sendo coñecedores de que a Xunta sempre concedeu as axudas correspondentes para mantelo aberto, non se pode xustificar que o concello o teña pechado a maior parte do ano. Porque o peche do CIM dos anos anteriores e da maior parte deste 2012 só é xustificable pola falta de compromiso dun goberno municipal que se dedicou a utilizalo  politicamente para criticar o funcionamento da Xunta, claro está, cando non estaba gobernada polo PP. Desde que goberna o PP na Xunta, o CIM de Cambados segue pechado a maior parte do ano pero a diferenza é que neste caso o goberno municipal deste partido segue sen facer nada por mudar a situación. 
Con esta actitude o PP deixa abandonadas á súa sorte a todas aquelas mulleres que necesitan con urxencia o asesoramento e a axuda deste importante servizo; demostración clara de que o funcionamento do CIM sempre lle importou ben pouco. Durante outras lexislaturas intentou ocultalo utilizándoo como argumento político,  pero nos últimos catro anos esta  escusa xa non é aceptable. 
Desde o inicio desta problemática, o BNG ven solicitando que o CIM permaneza aberto os 12 meses do ano para dar un bo servizo a todas aquelas usuarias que o necesiten. Ademais, como sabemos, isto é o que veñen facendo outros concellos do Salnés máis implicados ca o noso nas funcións que desenvolve este servizo. Apostar por un CIM mancomunado non debe implicar que o actual estea pechado todo o ano. O concello debería facerse cargo dos gastos de persoal mentres non reciba a subvención da Xunta; axuda económica que chegará no seu momento a non ser, claro está, que o goberno Feijoo siga na súa liña de continuos recortes sociais.
Un artigo de Victor Caamaño, portavoz municipal do BNG de Cambados.


Ningún comentario: