12 de dec. de 2012

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL ABREU UNHA PISTA NUN TERREO EN LITIXIO NO POMBAL

O POMBAL PODE CAMBIAR A SÚA CONFIGURACIÓN.
COSTAS TEN QUE CAMBIAR O DESLINDE DE CAMBADOS NO POMBAL POLO RECURSO DUNHA EMPRESA 
A medida afecta a un tramo do litoral comprendido entre O Pombal e a avenida da Coruña - Recorreu Obexcar, que estivo vinculada a un irmán de Laureano Oubiña, onde non fai moitos dias a Deputación Provincial de Pontevedra, incomprensiblemente, acaba de abrir unha pista nun lugar que ainda os tribunais non definiron a súa propiedade.
Costas do Estado terá que realizar un novo deslinde marítimo-terrestre nunha parcela de Cambados despois de que a Audiencia Nacional admitise parcialmente un recurso presentado no seu día pola empresa Obexcar. Esta firma ocupa unha parcela situada entre a rúa O Pombal e a avenida da Coruña que no último deslinde de Costas aparece como de dominio público, pero os empresarios sosteñen que o terreo é privado e urbanizable, tal e como figura nas Normas Subsidiarias de Cambados. 
O caso terminou nos xulgados, e a sección primeira da sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional ditou unha sentenza que dá a razón parcialmente a Obexcar, polo que Costas terá que facer un novo deslinde entre os vértices 144 e 160, que comprenden, aproximadamente, leiras do Pombal, Ribeira de Fefiñáns e avenida de Coruña. 
A sentenza, de todos os xeitos, é recurrible, aínda que a administración pública debería acudir agora á casación do Tribunal Supremo, en cuxa xurisprudencia sustentar precisamente o fallo da Audiencia Nacional. 
O tribunal dirimiu o caso sen recorrer á vista oral, e convocou o acto de votación e fallo para o 31 de outubro pasado. Apenas tres días despois ditouse sentenza, actuando como relatora o maxistrado Javier Bermúdez Sánchez. A tese principal dos xulgadores é que cando un terreo de dominio público marítimo-terrestre perde as súas características físicas orixinais -como ocorre cando se fan recheos-, Costas ten que acreditar fehacientemente por que é necesario que dita parcela siga sendo pública, algo que Costas non fixo no caso da parcela en litixio con Obexcar, segundo os xuíces. 
Obexcar é unha empresa de escavacións e movementos de terra que ten as súas oficinas fronte ao pavillón de deportes do Pombal, e que tivo relación con Javier Oubiña Piñeiro, un irmán do histórico narcotraficante Laureano Oubiña. 
O deslinde marítimo-terrestre de Cambados aprobouse por orde ministerial o 11 de decembro de 2008, e incluía a parcela ocupada pola empresa de escavacións -situada no número 56 do Pombal-, polo que esta recorreu. Pero a Secretaría Xeral técnica do Ministerio de Medio Ambiente tombou o recurso a finais de xullo de 2010. Así as cousas, Obexcar acudiu aos tribunais a principios de novembro dese mesmo 2010. Pedía que se anulase a totalidade do deslinde de Cambados -salvo o da marxe dereita do río Umia e as praias de Couto e Pereiro-, ao entender que a orde ministerial de 2008 non se axustaba a dereito e que o deslinde carecía de motivación e xustificación técnica. 
O avogado do Estado, pola súa banda, opúxose ás pretensións de Obexcar, alegando que eses terreos formaban parte do dominio público no anterior deslinde, e que eran un recheo sobre unha antiga zona de juncales -de feito, existe alí o topónimo popular de "Xunqueira"- ás que chegaba a ondada do mar os días de temporal. 
A defensa de Obexcar argüiu ante a sala que a leira estaba clasificada como de chan urbano á entrada en vigor da Lei de Costas, e que se atopa nunha zona xa urbanizada con outros inmobles e nunha cota sensiblemente superior á da ribeira do mar. 
Os representantes xurídicos de Costas, pola súa banda, indicaron que nos planos antigos o terreo en litixio lindaba polo norte cun "camiño de recente construción, antes praia-mar", o que implicaría a natureza costeira dese terreo antes dos recheos. 
Así as cousas, os maxistrados da Audiencia Nacional botaron man da xurisprudencia obrante no Tribunal Supremo, e aínda que por unha banda destacan que as desafectacións non poden ser automáticas, senón explícitas -o que daría a razón á posición de Costas-, acto seguido expón que cando unha parcela sofre unha modificación física importante -como ocorre cos recheos- non basta a súa presenza nun deslinde anterior para incluíla no novo, senón que a administración ten que facer "unha xustificación clara e expresa da necesidade dos terreos para a protección ou utilización do dominio público". E Costas non fixo iso coa parcela de Obexcar. 
Así as cousas, a Audiencia Nacional admite o recurso da empresa, pero só parcialmente, pois só anula o deslinde nunha parcela concreta. En Cambados, este proceso leva anos no centro da polémica. De feito, o de 2008 é o resultado doutro proceso xudicial, que a familia Prego gañou ao Estado.

Ningún comentario: