18 de xan. de 2013

O BNG DE CAMBADOS SOLICITA A GRATUIDADE DO SALVAMENTO MARÍTIMO

Segundo ven de publibar no seu blog o BNG de Cambados, presentou onte  unha MOCIÓN EN DEFENSA DO SERVIZO DE SALVAMENTO MARÍTIMO DA XUNTA DE GALIZA E DOS SEGUROS POR MAL TEMPO OU
ACCIDENTES NO MAR
Esta moción alizarzase  en que o sector pesqueiro galego é o que padece a maior taxa de sinistralidade de todo o Estado español. Aínda que representa, en canto á súa dimensión, apenas o 50% do conxunto do Estado, sofre porén o 80% de sinistralidade mortal por razón de afogamento ou hipotermia. É este o contexto no que se está a producir un proceso de irresponsable degradación, privatización e precarización do servizo de salvamento marítimo que opera na Galiza, e que xa ten provocado consecuencias irreparábeis.
Así, a traxedia de Mercedes Veiga Mosteiro, percebeira de Oia que perdía a súa vida o pasado 12 de decembro de 2012, mentres desenvolvía o seu traballo, puña en evidencia o retraso na actuación do helicóptero "Pesca I" (adscrito ao Servizo de Gardacostas de Galiza, do Goberno galego, con base en Vigo), vulnerando o estabelecido no contrato que vincula á Xunta de Galiza coa empresa INAER Helicópteros Off Shore, S.A.U., en relación cos tempos de resposta. O resultado final foi o xa coñecido. Previamente, o 14 de novembro, o helicóptero "Pesca II" (este último con base en Celeiro), sufría un intolerable retraso que impediu o rescate, fronte ás costas de Burela, do mariñeiro Francisco Berrocal, tripulante do pesqueiro "Regino Jesús". Aínda que foi outro helicóptero, desde A Coruña, o que chegou ao lugar do sinistro, non foi posíbel salvar a vida deste traballador do mar.
Lamentabelmente, en moi curto espazo de tempo, son varias as decisións do Goberno galego que viñeron a degradar, aínda en maior medida, os niveis de seguranza marítima existentes no litoral galego. Algúns exemplos:
* Agora cóbrase (Decreto 130/2012) polas actuacións de salvamento marítimo que realicen helicópteros, embarcacións, vehículos e persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza. O salvamento e vidas humanas no mar pasa así a se converter nun mero negocio. Establécense tarifas de cobro para os buques pesqueiros que precisen de asistencia, aínda en risco de afundimento.
* Eliminación do "Seguro Colectivo de Accidentes no Mar", con cobertura automática a todas e todos os profesionais do mar (tripulantes –galegos, galegas ou de calquera nacionalidade embarcados en buques galegos-, persoal de bateas, percebeiras e percebeiros, mergulladores, mergulladoras, mariscadores a flote, mariscadoras a pé, membros da Cruz Vermella do Mar, etc.) que sufriran algún percance ou mesmo a morte.
* Venda á empresa privada INAER dos helicópteros de salvamento marítimo "Pesca I" e "Pesca II", de titularidade pública galega e recente adquisición, por un prezo que duplica o da súa venda. Sistemáticos retrasos -ademais dos xa indicados- sen que conste ningunha penalización á empresa adxudicataria, en numerosos operativos de salvamento marítimo.
* Matriculación nas Illas Canarias (2º Rexistro) dos dous buques maiores do Servizo de Gardacostas de Galiza: o "Sebastián Ocampo" e o "Irmáns García Nodal" (tamén de titularidade pública, mais xestionados pola empresa privada REMOLCANOSA) a fin de acceder a avantaxes fiscais e posibilitar a degradación e desregularización das súas tripulacións.
* Eliminación no ano 2012, por vez primeira, do buque de apoio e asistencia sanitaria á flota pesqueira que acude á campaña do bonito no Océano Atlántico (por certo, non no caso da campaña do atún no Mar Mediterráneo).
* Supresión do "Seguro de mal tempo", de carácter voluntario, que evitaba perdas económicas por non saír ao mar de se produciren determinadas condicións económicas que dificultaran o exercicio da actividade pesqueira, marisqueira ou percebeira.
Esta situación reviste unha extraordinaria gravidade. Estamos a falar de vidas humanas, e estas decisións incrementan os índices de risco ata uns niveis absolutamente intolerables. Lamentabelmente non é posible devolver as vidas perdidas, mais si que estas traxedias sirvan para, ademais de deitar luz sobre o acontecido e depurar as responsabilidades que se deriven destes feitos, adoptar as medidas correctoras que eviten no futuro a reprodución de feitos desta natureza. Non se trata de aforro, senón de privatización e de obtención de beneficios económicos por parte de empresa privadas. O salvamento dunha vida humana debe ter a consideración de servizo público gratuíto, nunca de negocio empresarial.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza a:
a) Derrogar o Decreto 130/2012, do 31 de maio, para estabelecer, daquela, o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento marítimo que realicen unidades do Servizo de Gardacostas de Galiza.
b) Rescatar a venda dos helicópteros de salvamento marítimo "Pesca I" e "Pesca II", devolvéndoos á súa titularidade pública galega, e garantindo o cumprimento dos tempos de resposta estabelecidos (máximo de dez minutos) as 24 horas dos 365 días do ano, a través do sistema de gardas presenciais na base, coas tripulacións precisas para o cumprimento deste cometido legal.
c) Recuperar o "Seguro Colectivo de Accidentes no Mar" e o "Seguro do mal tempo".
d) Garantir o envío dun buque de apoio loxístico e asistencia sanitaria á flota pesqueira que se desprazará á vindeira campaña do bonito do 2013.
2.- Trasladar o presente acordo ao Parlamento de Galiza, grupos parlamentares e ás entidades do sector pesqueiro que operen no noso concello.


Ningún comentario: