20 de xan. de 2013

O PP ”XOGA” COA VIDA DOS MARIÑEIROS “HABERÁ MARIÑEIROS QUE PREFIRAN MORRER NO MAR”

AS MEDIDAS DE ASFIXIA SOCIAL DO PP OBRIGA AS PERSOAS QUE
TRABALLAN NO MAR A PAGAR UNHA MEDIA DE 4.700 EUROS POR DÚAS HORAS DE RESCATE.
FOI O BNG O QUE ERGUEU A VOZ CONTRA A PRIVATIZACIÓN DO SALVAMENTO.
Imaxinas sufrir un accidente no teu posto de traballo e ter que pagar uns 2.200 euros para que te auxilien? E imaxinas ter que desembolsar os cartos cando xa estás a arriscar a túa vida loitando contra as ondas nas rochas dos cantís ou batallando co vento e coa forza do mar para gañarte a vida? Isto é o que lles acontece, desde xuño, aos traballadores e traballadoras do mar. Precisamente, cando escribo este artigo, sábado, 19 de xaneiro, “Gong”, a cicloxénese explosiva, fai zoar o vento. A chuvia bate con forza, como se for rachar o chan. As ondas engolen o dique de abrigo. Algunhas persoas reparan no ben que están na casa mentres ao outro lado da fiestra semella que rebenta o mundo. Outras, corren na rúa por debaixo dos balcóns e tratan de buscar un abeiro. Porén, só a xente moi vinculada ao mar repara en que non é necesaria a voracidade deste temporal que está a azoutar o litoral de Galiza para que os mariñeiros, percebeiras e mariscadoras teñan que ficar na casa, sen poder ir traballar. As contas para chegar a fin de mes fanse complicadas, sobre todo no inverno. 
Neste contexto, non é esaxerado que, como comentaba hai uns días Manuel Cao, patrón maior da Confraría da Coruña, haxa mariñeiros que prefiran morrer no mar antes que pagar unha factura de 3.000 ou de 4.000 euros, de hipotecar o seu barco ou a súa vivenda. Tampouco son esaxeradas as palabras de Luís Dopico quen acusaba o PP de “xogar coas nosas vidas”. Malia estar xubilado, Dopico di sentirse “un mariñeiro máis” logo de levar 50 anos no mar. De aí que fale sempre na segunda persoa do plural cada que se refire ao mar. Escoitalos é duro. Moi duro. Como moi dura é a vida dos homes e das mulleres do mar. E como duro é ver que, por decreto, a Xunta de Galiza, lle pon prezo ao salvamento das percebeiras, mariscadoras e mariñeiros. Malia que é duro, moi duro, o saqueo aos traballadores e traballadoras do mar nin sequera mereceu a máis mínima declaración responsábel da conselleira do Mar ou do presidente da Xunta, nin unha actuación propia dunha aula práctica de arte dramática como a de Soraya Sáenz de Santamaría, aquela señora do “no me consta”.
A ofensiva privatizadora do Partido Popular levou a estabelecer prezos públicos polos servizos de rescate prestados pola Consellaría do Mar. Desde o 14 de xuño, día en que entrou en vigor o decreto 130/2012, quen sufra un accidente no mar, tanto embarcacións de recreo como de pesca, terá que pagar por salvar a vida. Unha hora de helicóptero custa 2.200 euros, máis 37 euros cada hora que terá que aboar o mariñeiro por cada un dos catro tripulantes. Un operativo de dúas horas de rescate cústalle á vítima 4.596 euros. E se precisar dunha embarcación o prezo ascendería a 2.200 euros por embarcación e 37 euros por cada un dos dez tripulantes. Segundo a norma que entrou en vigor no verán, só se está exento ou exenta de pagamento “en caso de situacións de catástrofe ou calamidade pública, ou en caso de servizos prestados polo interese xeral e non en beneficio de particulares ou de bens determinados”. Este decreto pode ter consecuencias irreparábeis e nefastas no noso país, altamente dependente da pesca e cuns índices de sinistralidade no mar que disparan a media estatal. As caras longas, os loitos rigorosos e os comunicados oficiais de prensa da Xunta de Galiza de nada van servir cando se adoptan medidas que disuaden os traballadores e traballadoras do mar de chamar os servizos de salvamento. “Moitos de nós arriscaremos e chamaremos compañeiros para que nos rescaten. O que sexa, antes de pasar por caixa para pagar unhas cantidades que para a maioría de nós son inasumíbeis e que pasarían polo embargo da nosa vida”, explicábame Manuel Cao hai uns días.
Porén, malia saber que hai vidas en xogo, o pagamento directo do salvamento marítimo non lle pareceu suficiente ao Partido Popular. Así, outra das decisións adoptadas foi a venda á INAER, por un módico prezo, os dous helicópteros, “Pesca I” e “Pesca II”. Precisamente, o atraso nas actuacións de ambos os helicópteros foi o factor que desencadearía na morte dun mariñeiro fronte as costas de Burela, o pasado mes de novembro, e da percebeira de Oia, un mes máis tarde. E isto, por considerar o salvamento dunha persoa un negocio, e non un servizo público, como debería ser. A eliminación do seguro colectivo de accidentes no mar, con cobertura automática a todos e todas as profesionais, súmase a esta serie de despropósitos acometidos polo (des)goberno do PP en Galiza. E isto non é todo. O máis paradoxal é que a privatización completa do servizo de salvamento, lonxe de supor un aforro, é unha ruína para os galegos e galegas. Pagaremos 4 millóns de euros máis polo servizo. Mentres que pola xestión pública pagabamos 12,5 millóns, pola privada pagaremos 16,5 millóns.
A vidas dos homes e das mulleres do mar parece ser menos relevante que a vida do resto, cando menos para o Partido Popular. De feito, non foi nunca equiparábel o secuestro dun empresario co secuestro dun atuneiro. Só se pensa nos homes e mulleres do mar cando unha onda lles furta a vida. Entón si, mais o prezo é caro: deixar a vida no mar. As medidas de asfixia social ás que nos expón o PP fan que nos convertamos nos números dunha sorte de ruleta rusa. Hoxe tócache a ti, mañá, a min. O xénero humano é o de menos. Só ten valor a súa capacidade de crear riqueza para enriquecer os xa de por si poderosos. Fronte á inhumanidade e crueldade do PP e fronte á indiferenza de boa parte da sociedade cómpre chamarmos a atención sobre o Bloque Nacionalista Galego. O BNG, e, nomeadamente, o ex portavoz de Pesca no Parlamento de Galiza, Bieito Lobeira, erixiuse sempre contra todo ataque á nosa pesca e en defensa da xente do mar. Sempre. Foi o BNG quen denunciou, sen descanso, as inxustizas derivadas de decisións políticas, colonizadoras e neoliberais, que recaeron e seguen a recaer sobre os mariñeiros, percebeiras ou mariscadoras. Foi o BNG quen ergueu a voz contra a privatización do salvamento e quen a segue a erguer, coa presentación de iniciativas en todos os Concellos do país. E será o BNG quen defenda sempre os sectores produtivos, como o mar, e a capacidade de decidirmos sobre os nosos recursos fronte aos intereses de Bruxelas e de Madrid. Como escribiu Celso Emilio, como cantou Suso Vaamonde, “Non virá de fóra remedio / ou esperanza”.
Un artigo de MARÍA OBELLEIRO ERMIDA


MARÍA OBELLEIRO ERMIDA Perfil
Soutomaior, 1985
Licenciada en Ciencias da Comunicación pola  Universidade de Santiago de Compostela, actualmente cursa o Máster de Protocolo da Universitat de Barcelona. 
Comezou a desenvolver a súa actividade como xornalista en A Nosa Terra, onde traballou até setembro do 2010. 
Participou na produción dos últimos números do Infoxove -xornal da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galiza- e na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación (2004-2008). 
Alén de artigos puntuais en medios de comunicación, colabora semanalmente coa publicación de crónicas sobre política nacional no portal de información Tribuna Catalana.

Ningún comentario: