Ampliación do polígono industrial: intereses partidistas
Estes días fomos coñecedores a través dos medios de comunicación, da pretensión do PP de ampliar o polígono industrial de Cambados, e consideramos que esta é unha proposta difícil de entender actualmente, sobre todo polos antecedentes deste polígono e pola situación económica actual.
Recordemos que hai menos dun ano, este polígono industrial recibía un clamoroso suspenso do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza, segundo o estudio realizado sobre a situación das empresas nos parques empresariais galegos. Segundo este, o Polígono de Sete Pías carece das infraestruturas e servizos mínimos que debería ter un polígono e cualifica a situación xeral de mala. A diferenza do PP, que leva anos cualificándoo coma un polígono referente na comarca; nunca máis lonxe da triste realidade. Pero o BNG considera que o estudo do citado Instituto é tremendamente benévolo co polígono cambadés. Así a estas críticas habería que engadir outras como a falta xeral de actividade, o plantexamento especulador do PP na súa construción e xestión e o abuso nos prezos de expropiación pagados aos propietarios orixinais polos terreos onde se ubica o polígono.
Consideramos que despois de bastante máis dun lustro do seu inicio, a prioridade desta infraestrutura debería ser o remate do actual polígono. Ademais hai que recoñecer que a actividade empresarial no polígono é mínima, estando ocupado na súa maioría por naves baleiras que colgan o cartel de se aluga ou se vende. Recordemos que o BNG, en múltiples ocasións criticou que este polígono estivera plantexado máis coa finalidade de que certos intermediarios afíns ao PP fixeran negocio (especulación pura e dura) que para crear solo industrial a baixo prezo e cos servizos necesarios para desenvolver adecuadamente a actividade empresarial. Así que non se entende que se solicite a ampliación do polígono cando o grao de utilización do actual é mínimo.
Así que o novo anuncio do PP sobre a pretensión de amplialo no augura nada novo e non se entende. Que, ademais, digan que son as empresas do actual polígono as que suxiren a ampliación, non semella crible vendo a ínfima actividade do actual. E isto sen ter en conta que no Salnés hai outros polígonos infrautilizados. Este anuncio sona máis a intereses do PP ca intereses empresariais.
O que resulta certo é que a proposta de ampliación do polígono necesita previamente, como sabe o PP, unha modificación urbanística dos terreos que terían que ser cualificados como solo industrial, pois actualmente están considerados como forestais. O que ao BNG lle resulta estraño é que o PP non se dera conta de que esa mesma modificación urbanística é necesaria para transformar a zona forestal do Pinal de Maza nun cultivo de albariño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario