22 de abr. de 2013

ANA PASTOR E TELMO MARTIN ENTRE OS REPROBADOS POLO BNG DE CAMBADOS.

MOCIÓN PARA A DECLARACIÓN DE REPROBACIÓN PÚBLICA A DEPUTADOS/AS QUE APROBARON A QUITACIÓN DAS PARTICIPACIÓNS PREFERENTES 
O BNG de Cambados, ven de presentar a seguinte MOCIÓN, para o seu tratamento do pleno do vindeiro xoves: 
""O Goberno de Rajoy caracterizouse por desenvolver unhas estritas políticas para beneficiar a banca en detrimento das persoas afectadas pola estafa das preferentes e subordinadas, que contou co indubidábel apoio de deputadas/os galegos do PP que permitiron a quita e o canxe por accións. É o resultado dun modelo de banca especulativa e espoliadora e dun Goberno do PP que se converteu no brazo executor dos ditados desa banca.
O sistema financeiro español non só non foi penalizado polas súas irresponsábeis prácticas especulativas e as perdas que ocasionaron, senón que mesmo recibiu o auxilio incondicionado, sen exixir responsabilidades a cambio, do Goberno central. En xullo de 2012, o Goberno do PP, asinou o Memorando de entendemento coa UE onde asumiu unhas condicións gravosas para a maioría da cidadanía, dado que as persoas contribuíntes en xeral han de realizar enormes esforzos para rescatar a banca privada, e dun xeito especialmente grave para milleiros de pequen@s aforrador@s, posuídor@s de participacións preferentes e débeda subordinada.  Neste Memorando recóllese a obriga de que se adoptarán no Estado español medidas para que esas persoas  aforradoras que, con engano, son agora titulares de participacións preferentes ou débeda subordinada vexa obrigatoriamente convertido  o diñeiro depositado en accións “con descontos considerábeis”, isto é, de vérense esfumados os seus aforros en papel de escaso valor.
Estas medidas, adoptadas a través de diversos reais decretos-leis aprobados polo Goberno central e sempre validados co apoio dos deputados/as galegos/as galegos/as do PP,  supoñen un durísimo golpe a milleiros de familias que asisten á legalización do roubo dos seus aforros perpetrado coa connivencia do Goberno do PP, no canto de contribuír a facilitarlles a devolución íntegra do diñeiro depositado como lle correspondería xestionar e defender a quen representa a cidadanía.
Neste sentido, son moi graves os prexuízos que as políticas de Rajoy e das deputadas galegas e galegos no Congreso lle causan a Galiza e, en concreto, a Cambados. O PP pasou de ser cómplice da banca especuladora a culpábel do espolio do aforro dos galegos/as, pois vén de legalizar o roubo de persoas que foron vítimas dunha estratexia agresiva dos directivos das entidades para capitalizarse que colocaron produtos financeiros tóxicos con fraude, ocultación de información e abuso de confianza.
O PP rexeitou retirar o Real decreto-lei 6/2013, de 22 de marzo, de protección a titulares de determinados produtos de aforro e investimento de carácter financeiro que autoriza e regula definitivamente o procedemento para facer efectiva a quitación das participacións preferentes e subordinadas e o posterior cambio en accións de nula solvencia, en vez de adoptaren medidas ao servizo do pobo (o BNG pide recuperar o 100% do diñeiro depositado nestes produtos financeiros), toda vez que se recoñeceu e se demostrou a súa colocación con engano e á mantenta en Galiza entre decenas de miles de persoas aforradoras e pequenas investidoras sen formación nin experiencia financeira.
Foron estas deputadas/os galegos quen legalizaron esta estafa para a captación de fondos de milleiros de familias que tiñan depositados os seus pequenos aforros nas entidades bancarias: Antonio Eiras, Antonio Pérez, Tristana Moraleja, Juan de Dios, Joaquín García, Jaime de Olano, Olga Iglesias, Celso Delgado, Guillermo Collarte, Ana Belén Vázquez, Ana Pastor, Irene Garrido, Paz Lago, Telmo Martín e  Marta González Vázquez . 
Serán, pois, máis de 600 millóns de euros de aforros galegos que emigrarán fóra do noso país en canto se consume este roubo individual ás persoas directamente afectadas e a Galiza no seu conxunto. Esta é unha realidade que, por desgraza, coñecen moi ben centos de familias, tamén de Cambados, que levan ano e medio de loita e outras moitas que aínda veñen de saber que están afectadas por esta fraude cando se lles comunicou nas últimas dúas semanas a aprobación da quitación autorizada polo Goberno do PP.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO
1. Rexeitar as políticas do Goberno central  contrarias aos intereses de milleiros de familias afectadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas que vén como o PP legaliza o roubo dos seus aforros a través da imposición dunha quita e da imposición dun troco obrigatorio por accións de nula solvencia.
2. Declarar a reprobación pública dos 15 deputados/as do PP de Galiza polas graves consecuencias que o seu apoio incondicional á aprobación de normas que legalizan as quitas ás persoas titulares de participacións preferentes e débeda subordinada, lle causan a moitos dos pequen@s aforrador@s deste concello. ""

Ningún comentario: