17 de xul. de 2013

MIGUEL ANXO FERNANDEZ PRESENTA O SEU NOVO LIBRO EN CAMBADOS "BICAME FRANK"

O 23 DE XULLO EN PAZO TORRADO.
O vindeiro martes 23 de xullo ás 29.30 horas  no Pazo
Torrado de Cambados, terá lugar a presentación do novo libro de Miguel Anxo Fernández “Bícame Frank”. No acto falarán  Moncho Lemos , locutor da TVG e crítico de cine, Alba Sotelo, fotografa e autora da capa do libro e o propio Miguel Anxo Fernández.organiza o acto as Librarias contos e Ramón Cabanillas.
Moncho Lemos
BÍCAME, FRANK”: Making Of, por Miguel Anxo Fernández.
Poucas semanas antes de rematar a versión definitiva da novela LUME DE COBIZA (Galaxia, 2011), a cuarta da serie do sabuxo Frank Soutelo e o primeiro dos seus enredos en Galicia, os síntomas da crise económica xa estaban a petar duro no país. Máis aínda que nos medios de comunicación (que todos os días volvían sobre o tema), bulía na propia xente. 
Alba Sotelo
No choio, no bar, no quiosco, na rúa, comezábanse a escoitar os pequenos dramas persoais que estaban a afectar aos de abaixo, aos cidadáns comúns. Había tamén cousas que me chamaban a atención, a proliferación dos dubidosos “Compro oro”, tamén os empresarios, banqueiros e políticos que “se afeitaban p´arriba” (expresión popular cun punto corrosivo)… No plano internacional xa comezara da Primavera árabe. Total que comecei a idear nunha trama na que Frank Soutelo debería intervir, non tanto facer o que don Quixote esnafrándose contra os muíños de vento, pero si ao menos pasar a súa propia factura persoal. E así retomei o meu ritual cada vez que comezo a escribir unha novela…
Miguel Anxo Fernández
Ese ritual consiste en escribir unha sinopse ampla de tres folios, georgia, corpo 12, espazo simple… Pero antes compre ter a base da trama, e sobre todo un desenlace convincente (que non revelarei por razóns obvias…). Tiña moi claro o roteiro para chegar, pero faltábame o arranque que me xustificase recuperar a Sugar Jones, un canalla polo que teño especial debilidade. E atopeino no manuscrito de “Vento mareiro”, o poemario de Ramón Cabanillas, o insigne poeta cambadés. De paso aproveito para traer a Frank ata Cambados, vila pola que sinto especial querenza. E así foi como principiou a trama, con Sugar enredando… De feito, esta pequena subtrama xa viña de 2010, do relato longo “Frank Soutelo e o manuscrito de Cabanillas” co que eu agasallara aos amigos cando me concederon alí o Premio Ramón Cabanillas naquel ano. Pero o que nunca se imaxinou Frank, foi que aquel viaxe de pracer á Versalles de Galicia (que dixera Pardo Bazán), lle levaría á comisaría de Vilagarcía…
Alí, na comisaría, cóntanlle a Frank unha serie de feitos e como remate pídenlle que se preste a entregar o seu pasaporte… Non é para menos: hai un cadáver. Pero imos deixar a un lado a Frank, porque mentres a novela vai medrando, había que centrarse na promoción de LUME DE COBIZA (Galaxia), de recente saída do prelo. Xa andabamos polo verán de 2011. Soutelo viña por primeira vez a Galicia en viaxe profesional, e o feito foi saudado polos lectores e máis pola crítica, como unha boa nova. De libraría en libraría e conversando cos lectores, descubro que hai un renovado interese pola novela policial e polo personaxe, con nai de Muros e pai de Soutelo de Montes. Uns dinme que comparten a súa retranca, outros pregúntanme por que non apuro a relación coa súa secretaria Pat Pérez, mesmo alguén me reprocha máis sexo e máis violencia, hainos que gustan moito de Sugar Jones… Con todo iso, eu regreso a finais de 2011 á nova novela, mentres vou ideando subtramas e novos personaxes. Deixara a Frank moi cabreado saíndo da comisaría: ninguén lle colgaba un cadáver a Soutelo sen pagar por iso…
Deixara a Frank moi cabreado saíndo da comisaría de Vilagarcía… Viñera de lecer a Muros, deixara a Pat a fronte da oficina en Los Ángeles e agora tería que retrasar o regreso. A pregunta tiña dúas variantes: a) quen matou a Amanda? B) por que razón? En todo caso, BÍCAME FRANK (Galaxia, 2013) comezaba a medrar e xa había tres mulleres arredor de Frank: Pat Pérez, Dalia Maxino e a difunta Amanda. Foi aquí cando optei pola aparición dun novo personaxe que se facía chamar Meli, de Amelia, aínda que realmente tampouco era Amelia. Un personaxe que quizais lle parta o corazón a Soutelo, cando el cría que ese tempo xa quedara moi atrás…. Mentres, coa impagable axuda do ex –garda civil muradán, Poncio, xa tiña unha primeira pista sobre a morte de Amanda.
http://blogdemiguelanxofernandez.blogspot.com.es/ DENDE A BUTACA.

1 comentario:

Miguel Anxo Fernández dixo...

Moitas gracias por tan xeneroso despliegue. Agardo non decepcionar aos lectores de Cambados, que hai moita vila de Cabanillas nas páxinas de BÍCAME, FRANK.