5 de xul. de 2013

O BNG PRESENTA OBSERVACIÓNS PARA INCLUÍR NO INFORME DE AVALIACIÓN AMBIENTAL ESTRATÉXICA DO PXOM DE CAMBADOS.

TAMÉN VEN DE REUNIRSE COA ASOCIACIÓN O BATUQUEIRO PARA FACER OBSERVACIÓNS O PXOM
O BNG ven de presentar no concello de Cambados observacións para incluir no informe de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Cambados, que veñen a ser as seguintes: 
1.- Polígono Industrial de Sete Pías.
* 1 a.- Como reflicte a memoria deste documento, o PXOM non pode redactarse en función das esixencias das NNSS actuais do concello, polo que non consideramos razoable que este documento, no relativo á ampliación do Polígono, trate de  incorporar o resultado da modificación puntual das actuais NN SS en trámite por parte do goberno municipal. O PXOM ten que definir a ampliación do polígono de acordo cos seus propios criterios e non con outros. 
* 1 b.- En función de que a ampliación proposta, segundo o documento, baséase no criterio  de que é necesaria para complementar o tipo de industria que existe na actualidade no polígono, semella a proposta unha ampliación esaxerada e non xustificada. O que significaría, ademais, a destrución  dunha das escasas masas arbóreas do concello de Cambados (como recoñece o documento no apartado referente ao estudo do Medio Rural).
* 1 c.- Por outra parte no documento proponse unha franxa de separación entre ampliación do polígono e vivendas do núcleo rural de Oubiña, totalmente insuficiente. Téñase en conta, ademais, que estamos a falar dunha parroquia rural e, polo tanto, de terras de cultivos polo que os poucos metros de separación entre a ampliación e o núcleo rural terían un impacto visual e ambiental moi prexudicial para veciños e veciñas. 
* 1 d.- Consideramos que a  ampliación proposta vai en contra dos propios “Obxectivos e Propostas no Medio Rural”, que figuran na páxina 50 do Estudo do Medio Rural:  preservación da paisaxe rural, compatibilizar esta preservación con propostas respectuosas, utilizar espazos protexidos (a pretendida ampliación está actualmente catalogada como zona de protección forestal de singular valor paisaxístico e ambiental) para crear elementos de relación non traumáticos, poñer en valor estes ámbitos para disfrute da cidadanía…
2.- Tragove.
* 2 a.- Semella acertada a decisión, segundo o documento, de conservar o “Piñeiral de Tragove” ao que cantaba Ramón Cabanillas (¡Pinal de Tragove! // ¡Zoador, barulleiro pinal // enraizado nas laxes fendidas // da veira do mar! ), pero é contraditorio que se considere que nesta mesma zona poida construírse, igualmente, un espazo acuático de lecer. Consideramos que a zona do piñeiral de Tragove debería catalogarse como de protección forestal e impedir que nela se constrúa ningún tipo de posible zona lúdica acuática, que podería ter outra ubicación.
* 2 b.- Así mesmo, consideramos inaxeitada a decisión de ubicar un posible “camping” na zona de Tragove por ser o lugar elixido, pouco adecuado para elo ao coincidir na mesma zona unha EDAR, varias depuradoras de marisco e naves industriais. Ao igual que o apuntado no apartado anterior, consideramos que se debe buscar outra ubicación.
3.-Solo Rústico de Protección de Cauces e Ríos (SRPCR)
* 3 a.- Río Corvillón. Unha parte da canle e  val do Río Corvillón está considerada como tal –SRPCR- no documento de referencia,  mentres que outros tramos (na zona próxima á estrada PO 550, antes e despois da ponte existente na mesma) aparecen baixo a cualificación de Solo Urbano, incluso existe unha proposta de trazado dunha rotonda viaria enriba da mesma canle, o que consideramos un tremendo erro  do cal existen moi malos antecedentes (pasaría a canalización do río por debaixo das futuras construcións?). Solicitamos que toda a canle e val do citado río sexa considerada como Solo Rústico de Protección de Cauces e Ríos.
* 3 b.- Río Ameixeira. No lugar de As Quintáns, na parroquia de Castrelo, o río Ameixeira, que dende o seu nacemento ata o lavadoiro aparece coa correspondente protección, coidamos que debe continuar coa mesma ata a súa desembocadura no río Umia, independentemente do grao de protección que teña por pertencer ao espazo natural da Rede Natura.  
4.- Zona Forestal de Treviscoso.
Consideramos acertada a proposta de que se manteña como  Protección Forestal, como propón o documento, a zona  de Treviscoso e que esta cualificación non se modifique de ningún xeito, aínda que na realidade estamos vendo como se transforma de xeito ilegal e co amparo do concello de Cambados, en zonas con outros aproveitamentos (como no caso do Pinal de Maza).
5.- Con de Sete Pías.
Con respecto á protección do “Con de Sete Pías”, no terreo referido á parroquia de Vilariño, a ámbalas beiras da liña de Protección Arqueolóxica sinalada, observamos que queda sen protexer unha parte da superficie que debería estar considerada como de Protección Forestal ao igual cas zonas contiguas. Así mesmo, a liña de Protección Arqueolóxica do  Castro de Sete Pías non está marcada nos terreos da  parroquia de Oubiña. Polo tanto, habería que introducir as dúas  propostas para corrixir o que consideramos erros.
6.- Monte da Pastora.
O Monte da Pastora, nas actuais NN SS aparece delimitado na súa a totalidade  como área de protección arqueolóxica, mentres que no PXOM só se protexe a parte sur do mesmo, a que é propiedade municipal. Consideramos que debe recuperar o grao de protección que aparece nas NN SS, e que ao mesmo tempo o PXOM contemple toda a superficie como zona de Parques Públicos e Espazos Libres.

7.- Capacidade de acollida.
Na parte final do documento aparece un plano, en escala de cor, de todo o termo municipal, sinalando as zonas de acollida, que van dende a “moi alta” ata a “desfavorable”; supoñemos que en función da habitabilidade permitida polos distintos graos de protección do terreo. Así pois, consideramos desacertada a cualificación  como “moi baixa” ou “baixa”  de zonas de protección moi restritiva, como A Toxa Pequena, o illote do Beiró e As Illeiras, na Rede Natura, e o Monte de Treviscoso, que deben figurar coherentemente cunha capacidade de acollida “desfavorable”.
8.- Regulamento Estacións e Liñas eléctricas.
Consideramos que este documento, tratándose do Informe de Avaliación Ambiental do PXOM de Cambados, debería incluír un Regulamento sobre a construción e instalación de estacións é liñas eléctricas, xa que é un tema que afecta directamente á saúde das persoas e que está a preocupar a moitos dos nosos/as veciños/as. Concretamente, a preocupación polo recente anuncio de ampliación da subestación eléctrica do Pardiño, na parroquia de Vilariño, creou unha alarma social que debería mitigarse coa inclusión no PXOM, dun claro regulamento sobre este tipo de infraestruturas, no que se definiran claramente cuestións de vital importancia como son as posibles ubicacións, as distancias ás vivendas ou as características dos trazados de liñas de media e alta tensión, entre outras cousas, de xeito que a saúde das persoas fora o criterio prioritario á hora de  situar e construír este tipo de instalacións.
Apuntamos, igualmente que nesta mesma liña de actuación, onde se dea  prioridade á saúde das persoas por riba dos intereses económicos, tamén sería necesario a creación doutro regulamento que incluíse os criterios para a instalacións de antenas de telefonía móbil; tema, por certo, que tamén preocupa aos veciños e veciñas de Cambados.
O BNG REUNEUSE COA ASOCIACIÓN O BATUQUEIRO PARA FACER OBSERVACIÓNS O PXOM
Na tarde de hoxe, o BNG ven de reunirse coa Asociación “O Batuqueiro” de Vilariño para tratar un tema de interese común para ámbolos colectivos, como é o das suxestións e observacións  ao Informe de Avaliación Ambiental do PXOM de Cambados, pois recordemos que mañá día 5 remata o período de exposición pública no cal era posible  incorporar as distintas aportacións de persoas ou asociacións interesadas facelo.
O BNG considera que este é o momento axeitado para introducir no Informe Ambiental do PXOM do noso concello, un regulamento que tivera en conta as consecuencias ambientais e sobre a saúde das estacións e liñas eléctricas. Recordemos que, ademais, está é unha das principais preocupacións da Asociación “O Batuqueiro”.
O BNG, ente as súas observacións, enviou as seguintes suxestións con respecto a temática de interese para a asociación de Vilariño:
Regulamento Estacións e Liñas eléctricas.
Consideramos que este documento, tratándose do Informe de Avaliación Ambiental do PXOM de Cambados, debería incluír un Regulamento sobre a construción e instalación de estacións é liñas eléctricas, xa que é un tema que afecta directamente á saúde das persoas e que está a preocupar a moitos dos nosos/as veciños/as. Concretamente, a preocupación polo recente anuncio de ampliación da subestación eléctrica do Pardiño, na parroquia de Vilariño, creou unha alarma social que debería mitigarse coa inclusión no PXOM, dun claro regulamento sobre este tipo de infraestruturas, no que se definiran claramente cuestións de vital importancia como son as posibles ubicacións, as distancias ás vivendas ou as características dos trazados de liñas de media e alta tensión, entre outras cousas, de xeito que a saúde das persoas fora o criterio prioritario á hora de  situar e construír este tipo de instalacións.
Apuntamos, igualmente que nesta mesma liña de actuación, onde se dea  prioridade á saúde das persoas por riba dos intereses económicos, tamén sería necesario a creación doutro regulamento que incluíse os criterios para a instalacións de antenas de telefonía móbil; tema, por certo, que tamén preocupa aos veciños e veciñas de Cambados.

Ningún comentario: