30 de set. de 2013

A XUNTA DÁLLE DE NOVO MEDIO MILLÓN AOS XORNAIS DOS GRANDES GRUPOS MEDIÁTICOS

A VOZ DE GALICIA LEVASE A PALMA CON MAIS DE 230.00 EUROS.
A Secretaría Xeral de Medios destina máis de 361.000 euros aos xornais escritos para
fomentar a lectura e case 169.000 as súas edicións dixitais para o fomento do uso das novas tecnoloxías.
Case 530.000 euros. Iso é o montante total de tan só dous dos diferentes convenios de colaboración que a Secretaría Xeral de Medios subscribe ao longo de ano cos principais grupos mediáticos de Galicia, aínda que neste caso son os do segundo cuadrimestre do ano 2013. Repítese, así, a mesma práctica que realizan outras institucións, como a Deputación de Pontevedra durante La Vuelta que é repartir só o diñeiro público entre as seis principais familias da comunicación instaladas no país.
SEMPRE OS MESMOS MEDIOS
Así, neste caso, a Secretaría Xeral de Medios asinou un convenio de colaboración para o fomento da lectura da prensa escrita entre os alumnos de centros docentes públicos non
universitarios de Galicia no ano 2013 cos xornais La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Progreso, La Opinión, La Región, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Dirio de Pontevedra, Atlántico Diario e Diario de Arousa. En total, 361.051 euros. 

Un convenio que, segundo fontes consultadas, non se cumpre na práctica porque, realmente, o que buscan os mestres son, precisamente, material de medios escritos en galego, para traballar nas aulas. De feito, novas publicadas polo propio Galicia Confidencial teñen servido de material escolar e, curiosamente, ningún medio de comunicación escrito en galego é partícipe de ningún destas axudas que se sufragan con diñeiro de todos os galegos.

Nesta ocasión, e a diferencia doutras, o segundo deses convenios é para sufragar as versións dixitais destes grupos mediáticos. Deste xeito, a Secretaría Xeral de Medios asina un convenio de colaboración para o fomento do uso das novas tecnoloxías de información e
comunicación tamén entre os alumnos dos centros docentes públicos non universitarios de Galicia cos mesmos medios pero nas súas versións dixital. En total, 169.000 euros.
CANTO LEVA CADA UN
O reparto que fai a Xunta para os xornais escritos é o seguinte: Editorial La Capital, S.L. (Diario de Arousa), 9.339,97; Editorial La Capital, S.L. (Diario de Ferrol), 11.524,50;  Editorial La Capital, S.L. (El Ideal Gallego), 9.339,97; Editorial Compostela, S.A. (El Correo Gallego), 22.932,62; Rías Baixas de Comunicación, S.A.
dependente do Grupo La Región (Atlántico Diario), 8.126,34; La Región, S.A., 24.146,25; Lérez Ediciones, S.L. pertencente ao GrupoEl Progreso (Diario de Pontevedra), 15.650,84; El Progreso de Lugo, S.L., 25.602,60; La Opinión de La Coruña, S.L., 15.650,84 e Faro de Vigo, S.A.U.; 69.293,26, os dous do Grupo Prensa Ibérica e  La Voz de Galicia, S.A., 149.392,80.

No tocante aos medios dixitais o reparto é: Editorial La Capital, S.L., a través do seu xornal dixital www.diariodeferrol.com, 4.031,33; Editorial La Capital, S.L., a través do seu xornal dixital www.elidealgallego.com, 5.190,13; Editorial Compostela, S.A., a través do seu xornal dixital www.elcorreogallego.es, 11.112,88; Rías Baixas de Comunicación, S.A., a través do seu xornal dixital www.atlantico.net; 5.190,13; La Región, S.A., a través do seu xornal dixital www.laregion.es, 5.962,66; El Progreso de Lugo, S.L., a través do seu xornal dixital www.elprogreso.es, 10.082,83; La Opinión de La Coruña Media, S.L.U., a través do seu xornal dixital www.laopinioncoruna.es, 12.657,94; Faro de Vigo Media, S.L. a través do seu xornal dixital www.farodevigo.es, 31.584,98 e  Canal Voz, S.A. a través do xornal dixital www.lavozdegalicia.es, 83.087,12.
NON HAI RESPOSTA DA XUNTA
Galicia Confidencial púxose en contacto hai máis dunha semana e media coa Secretaría Xeral de Medias para coñecer os críterios de reparto destas axudas, especialmente, na dos medios dixitais, e tamén para coñecer o contido deses convenios. Sen embargo, non houbo resposta.

Na actualidade, xa existe un medidor de audiencia público e de gran prestixo como éAlexa. Sen embargo, a Xunta optou por un sistema privado non accesible para todos os medios dixitais, o ComScore. De feito, moi poucos medios en Galicia están auditados por este sistema sendo o GC un deles. 
GALICIA CONFIDENCIAL, O SEXTO XORNAL DIXITAL GALEGO
E é que o Galicia Confidencial, segundo o ranking que elabora o xornal tecnolóxico Código Cero con datos de Alexa, é o sexto xornal dixital máis lido de Galicia. Atópase no posto 31 das 100 webs máis lidas de Galicia, superado por lavozdegalicia.es, farodevigo.es e elcorreogallego.com. Tamén por laopinioncoruna.es e galiciae.com --que xunta nunha soa web aos xornais El Progreso, Diario de Pontevedra e a axencia AGN-- , pero a tan só cinco e dous postos de diferencia, respectivamente, no 26 e 28 do ranking.

De feito, xornais dixitais subvencionados pola Xunta como laregión.es, no posto 33; elidealgallego.es, no 53; diariodearousa.com, no 58; atlántico.net, no 68 ou diariodeferrol.com, no 74 están moi por debaixo do GC.

Artigo recollido íntegramente de GALICIA CONFIDENCIAL. FOTOS:  GOOGLE IMAXES.
NOTA DO ADMINISTRADOR :Agora entendedes cando dicimos “PRENSA DO RÉXIME”, “PRENSA SUBSDIADA” OU “MERCAR VONTADES, con estas cantidades quen é o guapo que  fala mal do PP.

Ningún comentario: