26 de set. de 2013

O CONCELLO DE CAMBADOS DESTINOU NO 2012 MÁIS DO DOBRE DE CARTOS EN BOLSAS DE ESTUDOS PARA FILLOS DE EMPREGADOS MUNICIPAIS QUE EN AXUDAS PARA FAMILIAS CON POUCOS RECURSOS

ANOVA CAMBADOS DOCUMENTA ESTE "PARTICULAR" FEITO
Mentres o gasto en becas e axudas en material escolar para familias con poucos recursos baixaba en case un 70% dende o 2010 (de 6.999 € a 2.250 € no 2012) a de bolsas de estudos para familiares de empregados subía de 3.774 € a 4.549 €.

Dende a Agrupación local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Cambados xa levan tempo denunciando a falta de sensibilidade que amosa o Goberno do PP de Cambados coas familias e veciños que peor o están pasando e sufrindo os efectos da crise económica.  Nesta ocasión queren demostralo analizando as axudas municipais relativas a bolsas de estudos, becas e axudas para material escolar durante estes últimos anos.

No ultimo pleno puidemos escoitar presumir o Alcalde do PP de Cambados de ter uns orzamentos nos que se manteñenas partidas en asuntos sociais, cultura e deporte, cando a realidade é que logo podemos comprobar que ao final o gasto realizado nestes conceptos si variou e bastante nos últimos exercicios… Tamén presumiu de que se ía crear unha comisión para modificar a ordenanza das bolsas municipais, pero a pesar de que o curso escolar xa comezou, e de que a proposta é do mes de Agosto, aínda non se fixo nada neste senso.


En canto ao gasto realizado, si lles botamos un ollo ás gráficas que se achegan, podemos ver que a pesar de manter a mesma partida orzamentaria nos últimos tres exercicios de 7.000,00 € (PartidaOrzamentaria 323.481.00), en troques, o gasto real cae ano tras ano, chegando, no exercicio pasado, a gastar soamente un 32,14 % da partida orzamentaria de bolsas públicas de estudo (2.250 €).  Esto significa que dende o ano 2010 reduciuse o investimento por este concepto en case un 70%, pasando de 6.999 € a 2.250 €. Xusto cando máis afecta a crise económica e cando máis axuda se precisa o Concello reduce esta partida.

Sen embargo, podemos comprobar como a partida orzamentaria para bolsas de estudos aos fillos de empregados municipais (Partida Orzamentaria 221.162.04), dispuxo nos últimos tres exercicios dunha cantidade orzamentaria de 3.500,00 €, pero tivo un gasto real no 2012 de  4.549,00 €, 1049€ por  riba do orzamentado e máis do dobre dos 2.250,00 € que se destinaron a bolsas públicas.

Este tipo de axudas ao estudo para os fillos de empregados municipais teñen a súa orixe no Convenio Colectivo do Concello de Cambados, no cal se especifica que todos os empregados municipais que teñan fillos que están cursando estudos teñen dereito a este tipo de axudas, con independencia do salario que perciban e, sen que importen as rendas do empregado municipal. Deste xeito é posible que un empregado do Concello, con salario fixo, poida acadar un importe superior ao que se lle concede a unha familia sen recursos e que solicita as bolsas públicas municipais.

O que é evidente é que esta redución no importe das bolsas públicas non se debe a que non existan rapaces que precisen o diñeiro para os seus estudos. Non hai que esquecer que, como fixo público Amigos de Galicia hai uns días na prensa, axudóuselles a un total de 21 escolares na adquisición de material escolar, e fíxose a través das colaboracións dos veciños e das librerías cambadesas. Parece que no Concello de Cambados non interesa axudarlles a estas familias e así dispoñer dun exceso de crédito nos orzamentos para destinalo ás axudas para o estudo dos fillos de empregados aínda que se exceda a partida orzamentaria.

Dende Anova cren que urxe a creación dunha comisión municipal para crear unha nova ordenanza de bolsas, e instan dende aquí, ao alcalde de Cambados, o señor Aragunde, a que canto antes se poña mans á obra con este asunto e que mentres tanto dende o Concello se lles preste atención a todas as familias con poucos recursos para que non teña que ser os servizos sociais e a boa vontade dos libreiros quen se ocupe de axudarlles a eses nenos.

1 comentario:

MANUEL dixo...

¿OS FILLOS DOS EMPREGADOS MUNICIPAIS SON MAIS GUAPOS, MAIS LISTOS, MAIS MERECEDORES DAS AXUDAS COS DEMAIS NENOS DE CAMBADOS? Sempre as voltas cas prebendas por ter a sorte de ter un traballo de este tipo, a lei é para tod@s, os convenios colectivos son cojonudos para quen se bebeficia deles pero son unha verdadeira inxustiza en certos casos ( por non decir todos) pola desigualdade que perxudica os mais desfavorecidos e que pagan os seus impostos como calquera. Ter un traballo sempre foi unha sorte, mais nos tempos que corren, pero fomentar as "clases" a según o traballo que teñas... Nunca comprenderei como os mais favorecidos no ámbito laboral se lle estende o seu radio de prebendas os seus familiares, así nos vai, non hai cartos que cheguen para pagar matrículas "gratis", viaxes "gratis", comedores "gratis"...equí o que non corre voa.