16 de out. de 2013

O VENRES ACTUACIÓN DE "ALDAOLADO" NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

CO GALLO DO  TERCEIRO ANIVERSARIO DO ENTE PÚBLICO, AS 20.30 H.
A Biblioteca Municipal está de aniversario. Cumprimos tres anos neste novo emprazamento
da Casa dos Fraga e para celebralo estamos desenvolvendo un programa de actividades do que desexamos que sexan partícipes todos os veciños e veciñas de Cambados.
Para o público xuvenil, especialmente para o alunado de bacharelato, e para o público está programada a actividade do vindeiro venres, (18 de outubro, ás 20:30 na propia Biblioteca) consistente no singular e humorístico recital poético de ALDAOLADO (María Lado e Lucía Aldao) titulado "Con dez poemas por barba".
Estades convidad@s a asistir a este espectáculo que as protagonistas presentan asÍ:
“Con dez poemas por barba
un espectáculo de poesía, historias e cancións
para emocionar a aqueles que odian a poesía”
Como é un espectáculo de poesía, o título non é outra cousa máis ca unha metáfora. Relamente son menos poemas cada unha e nós non temos barba, non só hai poesía e hai moitas historias, algunhas que nos pasaron e teñen que ver cos poemas e outras que nos contaron e veñen a conto dalgún verso. Tamén hai cancións, as nosas preferidas e moitas ganas de compartir co público, de xogar, de emocionarnos e divertirnos. Un recital de poesía que non é eso que cres que é un recital de poesía de señores con barba.
Con dez poemas por barba, pretende chamar a atención daqueles que miran a poesía de reollo. Porque para Lucía Aldao e María Lado alectura de poesía non pode ser algo que adormeza o espectador. 
Partindo deste presuposto Aldao e Lado presentan un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo. Durante o recital hai música en directo, xogos, historias, momentos de reflexión… pero sobre todo hai comunicación poética pura e verdadeira.
Con este e outros dous espectáculos anteriores (“Onde estea un cubata que se quite un soneto “ e “Moita poesía, pouca diversión”), Aldao e Lado levan xa seis anos circulando por teatros, salas, festivais de poesía, museos, casas da cultura, institutos, bares e outros moitos sitios insospeitados dentro e fóra das fronteiras galegas. O seu recital adaptase a cada circunstancia e a cada público porque a súa esencia é o directo, a inmediatez.
Os textos que compoñen o recital son poemas propios, creados polas dúas poetas, algúns inéditos e outros recollidos en libros ou revistas. A música, parte substancial do espectáculo, pona a guitarra e a impresionante voz de Lucía.


Aquí podedes ver como mais videos:




Ningún comentario: