25 de abr. de 2014

ESTE DOMINGO TODOS SOMOS “INGLESES”

POR RICARDO DOMINGUEZ  “CADI”
      Este domingo “Os Ingleses Rugby Club” xoga, o que, quizais sexa un dos partidos mais transcendentais da súa
historia: o  partido de volta da eliminatoria de ascenso a División de Honra B  contra o equipo valisoletano de “El Salvador”. 
      Os que xogamos no pasado  a este bendito deporte e neste equipo, non
podemos, cando menos, mandarlle todo o noso alento e animo ante tan transcendental encontro e, aproveitando a ocasión, falar, un pouco,  dun dos  deportes mais nobres que existe. 
      A alguén  pode estrañarlle que
dende un blog cambades se fale dun equipo vilagarcián pero, si temos en conta que este club foi pioneiro en introducir un deporte, ata entón sen ningunha tradición, no lugar e que  cada vez conta con mais seguidores e
xogadores non soamente de Vilagarcía, senón  de  comarca e, como non, tamén de Cambados e por dicir algúns cambadeses que militan, actualmente, no club: Luís Charlín, ou, en categoría feminina,  Jennifer Oubiña, Iria Vázquez ou Noelia Fandiño; pois  por
todo iso,    vaia dende aquí a nosa pequena homenaxe a un club que, por méritos propios está a facerse un sitio entre os grandes deste deporte en Galicia e que xa non representa,
soamente a Vilagarcía senón a todo o Val do Salnés.  
      Como dicía anteriormente falar de Rugby é falar dun dos deportes mais nobres que existe; para o profano na materia pode parecer que se trata, unicamente, dun grupo de homes que se mata por atrapar
un balón con forma de melón   pero nada mais aloxado da realidade; ás veces, téndense a confundir este deporte co fútbol americano, mais aínda, cando nas dobraxes das películas  insisten en chamar ao
deporte ianqui por excelencia co nome de Rugby; para un purista deste  deporte comparalo  co fútbol americano  é como comparar a Brad Pitt  co  feo dos irmán  Calatrava, nada que ver  un deporte co outro. 
      Aínda que sexa un deporte de contacto, prima, sobre
todo a deportividade e do mesmo debería aprender moito o chamado “deporte rei”; nun partido de Rugby case nunca veredes que se monte unha “tangana”, protestando unha
xogada todo o mundo,  ó redor do arbitro, no Rugby  se dirixirá exclusivamente o capitán de cada equipo e sempre co termo de “señor”; cando remata o partido o primeiro que fai o equipo vencedor e facerlle o “pasillo de honra” ao equipo derrotado, recoñecendo, así,  o seu esforzo  e loita,  e,  despois de ducharse, ambos equipos disfrutan conxuntamente do chamado  “terceiro tempo” onde comparten   unhas cervexas amigablemente.
 
      Como dicía é un deporte de contacto pero o regulamento deixa ben claro por onde se pode ou non  suxeitar ó contrario para evitar lesións e, a mellor proba de que é un deporte apto
para todos os públicos, e que, cada vez ten maior aceptación entre as  mulleres; de feito “Os Ingleses R. C.”, como xa  comentamos anteriormente,  dende fai uns anos, conta  con equipo feminino.
      Os “Ingleses” non o terán nada fácil este domingo contra o equipo  pucelano, un dos mais potentes de Castela León pero, de seguro, que se van a deixar a pel de cara a defender a
vantaxe de dez puntos acadada no partido de ida.
      Para falar do que representa o espírito de   Os Ingleses podería nomear a moita xente que estivo e que  está implicada con este equipo, con algúns do cales tiven a sorte e a honra de compartir algunha
que outra “melé” ou “touch” pero a lista seria interminable:  Mandinga, Parada, Yako, Pepe, Labra, Ju, Cachopo, Gamba, Pajarito, Boliche,  Dani Prieto,
Oso,  etc.  e, como non,  o  seu presidente: Adolfo Brea “Fito” e ao seu adestrador, David Losada “Loso”, probablemente este club ten un pouco de todos eles,   pero penso (e seguro que moitos coinciden comigo) que un bo representante do  espírito deste club é o seu  actual
capitán, Jairo Torres Lezcano, cun dato que o di todo: dos 26 anos que ten o club de historia, Jairo leva mais da metade dese tempo xogando no primeiro equipo, o que amosa o grao de implicación e paixón  que ten este xogador  con “Os Ingleses”. Por certo, Jairo, desgraciadamente,  non tivo a sorte que tivemos moi poucos no mundo como é a de ter  nacido en Cambados aínda que si ten familia política cambadesa, en concreto o seu sogro é un cambades de pura cepa, o gran Joaquin Aguiño........  como di o refraneiro popular: “Deus os da e eles se xuntan”. 
      Falando co adestrador de “Os Ingleses”, o anteriormente nomeado David Losada, pregunteille como vía este partido de volta e o que me contestou foi ( e cito textualmente): “Con moita ilusión e ganas de facelo, atópoo moi, moi, difícil pero pase o que pase darémolo todo para que os afeccionados estean orgullosos”. Non teño a menor dúbida de que os afeccionados de “Os Ingleses” xa estamos mais que orgullosos da traxectoria acada ata agora e, sen dúbida,  ninguén pode botarlle nada en cara. 
      Soamente queda desexarlle sorte este domingo e,  como dixen ao comezo, todos os que en algunha ocasión vestimos a camiseta azul e negra de “Os Ingleses” estaremos dándolle alentos e ánimos (aínda que no meu caso a moita distancia)  ante tan transcendental encontro.  

       UN SAUDO A TODOS E ¡VAMOS INGLESES!
        RICARDO DOMINGUEZ “CADI”
 
   

Ningún comentario: