14 de maio de 2014

TODOGROVE EDICIÓNS PRESENTA ESTE VENRES "O GROVE, ACUARELAS/WATERCOLOURS", DE EDUARDO BAAMONDE

UN EXHAUSTIVO RETRATO DAS PAISAXES DA PENÍNSULA MECA
O Grove, 14 de maio de 2014
Preto de noventa acuarelas conforman o exhaustivo retrato da paisaxe do Grove que o pintor Eduardo Baamonde realizou para o novo libro de Todogrove Edicións, O Grove acuarelas/watercolours. Este traballo, con textos en galego, castelán e inglés, será presentado este venres 16 ás 20.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, nun acto que contará coas intervencións do alcalde, Miguel Ángel Pérez; o pintor e responsable da Galería Besada,  Carlos Álvarez
Besada; o editor, Miguel Muñiz, e o do propio autor. 
Profesor de Debuxo no IES Vilalonga (Sanxenxo), Eduardo Baamonde (Vilalba, 1962) desenvolveu unha extensa traxectoria como pintor ao longo das últimas tres décadas, nas que a súa obra protagonizou máis de cincuenta exposicións individuais. A súa actividade artística abrangue tamén campos como o deseño gráfico ou a ilustración, terreo no que cobran especial importancia os cadernos de viaxe nos que Baamonde retrata aquelas vilas e comarcas que percorre. Esta última faceta deu pé nos últimos anos a diferentes publicacións sobre Santiago de Compostela, A Mariña luguesa ou Cambados, ás que agora se engade o libro que este venres presenta nun acto que se completará coa actuación musical de Marusela Outeda e Juan Sieira.
As máis destacadas paisaxes da península meca conviven en O Grove acuarelas/watercolours coas coloristas ilustracións que Baamonde realizou de diferentes recunchos do municipio, cuxa beleza pasa en moitas ocasións inadvertida para a propia veciñanza e aos que Baamonde impregna dunha máxica atmosfera. Co ánimo de que esta publicación serva tanto para ofrecer á veciñanza unha nova visión do Grove como de carta de presentación da vila aos seus visitantes, as ilustracións complétanse con breves textos en galego, castelán e inglés. Neles combínanse as referencias informativas sobre os múltiples lugares retratados con breves comentarios nos que o autor reflicte as sensacións que cada paraxe lle transmite.
Coa publicación deste libro, que se poderá adquirir a partir de este venres a un prezo de 16 euros, Todogrove Edicións suma un novo capítulo a un proxecto editorial estreitamente vinculado á realidade da vila que lle dá nome, e á que previamente dedicou títulos como As colareiras do Grove, de Antón Mascato e Patricia Arias, ou o conto ilustrado Os Mequiños e a lenda do Meco, de Juan Sendino e Pepe Carreiro.

Ningún comentario: