2 de xul. de 2014

GARCIA M.C., UN ESPECTÁCULO DE LUXO PARA A CAMBADESA PRAZA ALFREDO BRAÑAS

A LERIA, BALOCA BAR, BROTHERS E PENKITO PRESENTANOS A GARCIA M.C. “O RAPEIRO GALEGO”
O vindeiro venres 4 de xullo a iso das 23.30 horas imos a ter a sorte de gozar dun verdadeiro espectáculo de luxo que ningúen se pode
perder,  a espectacular actuación de “GARCIA M.C.”, espectáculo que nos achegan A Leria, Baloca Bar, Brothers e Penkito.
QUEN É “GARCIA M.C.” 
Comeza rapeando letras propias con 13 anos, directamente influenciado por unha das bandas fundacionais do Rap en galego: 5 Talegos. Ao pouco, aínda na adolescencia, pasa a formar parte do proxecto musical rapeiro Ghamberros, editando un traballo discográfico en 2004 ao remate desta
aventura. Existía xa sen embargo dende o 2003 o Colectivo Hip Hop Dios Ke Te Crew, García é un dos seus fundadores, intégrano Ghamberros así como boa parte de 5 Talegos, sumándose nos seus espectáculos tódalas vertentes da Cultura Hip Hop: Breakdance, Graffiti, Dj´ing, Beat Box...
Con DKTC editáronse ata o momento catro traballos discográficos: Xénese 2006, Adianto/Maxi: Chove 2010, Humanose 2011 e Dez 2013. No 2013 reciben o Premio ao mellor Proxecto Musical na Categoría de Hip Hop e músicas urbanas dos I Premios Galegos da Música.
Actualmente participa activamente tanto en Dios Ke Te Crew como no proxecto de "Foliada Rap and Punk" Labregos do Tempo dos Sputniks, leva ademais case unha década impartindo Obradoiros e Cursos sobre Cultura Hip
Hop/Rap principalmente para adolescentes, sobre todo para equipos de Normalización Lingüística en centros formativos pois García entende o Hip Hop como ferramenta de transformación social, de empoderamento.
Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira. Formou parte da Radio Kalimera (a radio libre de Compostela) ou da Banda Fura Fura (Homenaxe ao Zeca Afonso) ten
participado ademais en diferentes mesas redondas e coloquios como defensor da Cultura Libre. A título individual levou o seu Rap en Galego a lugares como Copenhangue, Guiné-Bissau, Portugal e México. Ou a Cuba e
boa parte do estado español con DKTC. Participa así mesmo en ducias de discos de grupos eclípticos da música galega contemporánea.
Recentemente edita ABAIXO E DE PÉ (García Mc. VIR. 2012) Neste EP García mostra amor e rabia nunha mirada rebelde e
zapatista que conduce a través dos ciclos naturais: a expresión das loitas de abaixo, as apegadas á terra. É un traballo de artesanía feito localmente e que respira globalmente. Todas as letras son propias, agás o poema “Amor e sangue en Chiapas” de Lois Pereiro. Colaboran ademais neste disco curto entre outros Lengualerta o artista mexicano, amigo
persoal de García, con quén compartiu travesías musicais por México, Galiza ou as Illas Azores.
En Decembro de 2013 lanza “Abaixo e de Remix” remesturas do seu Abaixo e de Pé a cargo dos productores musicais máis destacados do País.
A finais do mes de decembro do 2013, despois de ser recoñecidos co premio ao mellor grupo
galego de Hip Hop e músicas urbanas nos I Premios Galegos da Música con Dios Ke te Crew, o ordense percorreu México durante dous meses, nunha xira de presentación do seu último traballo.
“Rúa arriba e rúa abaixo faise o
camiño” di o García, co oficio da palabra consciente expresándose arredor da alegría e o amor, do sangue e de Chiapas que influencia claramente o seu último traballo. E con toda a xente anónima que fai a digna historia dos pobos, a que non sempre está escrita e todo isto cun posicionamento claro: Abaixo, e de pé.

Ningún comentario: