20 de set. de 2014

“IN MEMORIAN” A RAFAEL BLANCO GUERREIRO “RAFA”

UNHA DEDICATORIA DE MIGUEL PEREZ OSORIO
Existen persoas que, dende o primeiro instante en que as coñeces, sabes que son especiais. Persoas que entran a formar parte da túa vida dende o minuto 1. Esas persoas mudan por completo a túa forma de ver as cousas, a túa forma de enfrontarte á realidade.
Ó longo da túa vida podes atopar moi poucas persoas así. Tendo moita sorte, podes contar cos dedos dunha man esa xente coa que enrolas, e na que confías pase o que pase, porque che transmiten algo que non se pode explicar con palabras, pero que ó fin e o cabo é algo que sentes no máis profundo.
Hoxe fai dous anos que nos deixou unha desas persoas tan especiais. Foise antes de tempo, deixando un enorme
baleiro en todos os que tivemos a inmensa sorte de coñecelo. Unha sensación de orfandade que é imposible describir. Poderán pasar os anos, pero o recordo de Rafa seguirá sempre aí, inesquecible. Porque cando alguén che deixa unha unha pegada tan profunda, sabes que esa pegada quedará aí para sempre.
Dicían os antigos romanos que as persoas alcanzaban a inmortalidade cando o seu recordo permanecía para sempre na memoria colectiva. Pois ben, o recordo de Rafa permanecerá por sempre aí, unha parte del seguirá vivindo por sempre nos corazóns de todos os que tivemos a inmensa sorte e privilexio de poder compartir tantos e tan bos momentos con él.
Esteas onde esteas, Rafa, os teus amigos botarémoste sempre de menos.
Miguel Pérez Osorio.

Ningún comentario: