2 de set. de 2014

O TIO BENITO

Queridos lectores, unha das primeiras cousas que che ensinan nos cursos sobre mercadotecnia
turística é que o "boca a boca" -séntoo pero négome a cambiar esta expresión por máis que se empeñen os
seguidores do "boca a orella" -, é o instrumento eficaz por excelencia para que o teu negocio ou destino suba como a escuma. E non o poño en dúbida! A opinión dun amigo que coincide en gustos contigo, dun crítico
do que te fías ou de calquera outra persoa afín, adoita ser o empurrón definitivo que necesita o noso body para trasladarse a un lugar.
O caso é que me pasei anos recomendando un restaurante ao que non fora nunca. É o que chamei o "boca a boca e tiro porque
me toca". Imos, que me saltei o de ir ao sitio para recomendalo e descabalei a teoría marketiniana deixándoa feita un carbón. Pero se estou a escribir isto, é porque xustamente, hai poucos días,
rompín coa maldición e funme a coñecer "O Tío Benito" (teño probas!), un mítico restaurante de Barrantes -Pontevedra-, que me fixo vulnerar as normas da sinceridade que habitualmente cumpro rigorosamente.
Non se me preocupen as vítimas do engano. Acertei co farol
e, a pesar da miña falta de pudor mentindo, estou máis que segura de que non causei ningún dano. Riquísima comida tradicional, trato amable e sorrinte, clientes VIP -o noso Presidente do Goberno adóitase deixar
caer por aquí- e unha acertada localización avalan a boa e merecida fama desta casa.
E todos estes motivos únense agora á miña modesta opinión que, por fin, ten sólidos alicerces en forma de fabes con ameixas, polbo á feira, pementos de Padrón e cañitas
cremosas de sobremesa.
Se vos pasa como a min, que vivides por aquí preto pero non vos deixastes caer, xa vai sendo hora. Non son eu quen para metervos présa, que tardei uns cantos anos en vir, pero agora volo podo recomendar sen pestanexar.
Ademais celebran o seu 40 aniversario e é a escusa perfecta para vir a celebralo con eles.
Como é habitual, recomendable acudir con reserva que podedes tramitar no 986 71 02 87 para evitar sorpresas. E preferible, tamén, vir co estómago baleiro e desexoso de gozo para gozar máis intensamente de todo o que aquí se coce e se frite.
E xa só me queda mostrarvos a proba documental, moi necesaria neste caso, que acredita o meu paso por esta institución.
Bicos, apertas e boas dixestións!
SYLVIE TARTÁN
ARTIGO RECOLLIDO DE PONTEVEDRA VIVA



Ningún comentario: