28 de out. de 2014

MARABILLOSO HOMENAXE AS PEIXEIRAS NA PERSOA DA SÚA NAI

Añadir leyenda
“UNHA VIDA ENTRE PEIXE E SALITRE DO MAR DA AROUSA”
POR FRANCISCO FERNÁNDEZ REI
Xenxa Rei Cores naceu en 1925 no barrio mariñeiro da viliña medieval de Fefiñáns, que coas antigas viliñas
Xenxa (1ª esq.) e outras peixeiras esperando polos barcos no peirao de

Cambados. 1945 aprox. Arquivo Xenxa Rei
de Cambados e San Tomé do Mar forman actualmente a parroquia de Santa Mariña de Cambados, unha longa e estreita poboación urbana deitada no costado de leste do mar da Arousa. De Fefiñáns, onde viviu e segue a vivir, era tamén súa nai, mentres que seu pai era un mariñeiro de San Tomé, de sempre a zona máis mariñeira do concello de Cambados.
Como as súas avoas, a súa nai e as súas irmás, e como tantas mulleres cambadesas, Xenxa foi peixeira -ou reghateira, termo que tamén usa para designar a súa profesión-, primeiro en aldeas do Salnés e logo na praza de abastos da vila ata que se xubilou nos anos 80, cando a lonxa e a maioría dos barcos se trasladaban ó tan arelado porto de Tragove, onde está o pinal cantado por Cabanillas. Un Fefiñáns mestura de fidalguía e pobreza.
Da infancia Xenxa lembra a pobreza en que vivía a xente do seu barrio e, en xeral, a xente mariñeira de Cambados. Na rúa do Vimbio onde naceu e se criou había algún veciño que non quería andar ó mar, daquela tan farturento, e vivía de pedir polas portas para poder comer. A só uns pasos estaba o outro Fefiñáns, o dos vellos fidalgos e o da nova fidalguía, a poderosa curia xudicial e eclesial cambadesa.
En Fefiñáns estaban moitos dos servizos públicos, e tamén a praza do peixe -a actual das Rodas- e a da leña e mais a praza do palasio que os vellos chamaban O Eirado e que para a xeración de Xenxa e dos seus fillos era O Mercado, porque diante do monumental pazo barroco desa praza se facía cada mércores un gran mercado, ata que en 1947 se trasladou a Cambados, onde estaba a Casa do Concello, o cinema e o muelle novo de comezos do século XX. O Cambados daqueles anos da posguerra era, fundamentalmente, veighas de pudientes e casas nobres.
De nena nunca se pasou fame na casa: Comíamos papas, comíamos pan... Miña nai, miña nai andaba a esto, a traballar ó muelle... e comíamos patacas cosidas... e traía ela peixe e fasía unhas xouviñas ou unhas... e traía bolos da plasa e todo, traía... É o que se comía, mais verdura. E fasíase o caldiño. Miña nai sempre fasía o caldo.
Se había mal tempo, ás veces comían raia, que o pai secaba para a casa e non para vender. E nunca faltaba o pan de millo: Tiñan un forno así metido, pequeno, na parede, así; e sempre amasaba el, que se ñe1 daba moi ben. Aquelaba moi ben (...).Fasían pan na casa, que meu pai amasaba moi ben, sempre fariña milla.
Axiña comezou Xenxa a ir de noite coa nai a comprar marisco na lonxa de Cambados: Cando empesín a traballar fun eu e mais miña irmán Lola, fomos a, a... miña nai, xa na lonja, axudarñe... de pequena. Éramos pequenas, daquela teríamos des anos ou máis... Á lonja, a colle-lo marisco, a xuntarño, a terño, a levarño ó coche ou a un carro... a levalo na cabesa. 
No outro día súa nai mandábao para a venda ou levábao a propia nai: Ela traballaba en Santiagho, en Villagharsía... ten ido á Curuña ela. Como traballaba co marisco (...). Vendía moito marisco, vendía nos hoteles, neses que aquelan... Ela xa o levaba encarghado. Anos despois a propia Xenxa iría ás veces a Pontevedra cun saco cheo de vieiras, sentolas e outro marisco para llo entregar a remitentas da súa nai.
Aínda que aquela vida dos anos 30 e da posguerra franquista era unha miseria, polo visto ninguén pasaba fame no barrio mariñeiro de Fefiñáns.
Cando había mal tempo, se nunha casa non había peixe salgado nin seco para comer, agardábase a que baixase a marea e cun bicheiro ou cun arame íase ás pedras para coller uns lorches, un anguiacho ou outros peixes. Mesmo había quen vagaba polos cons rascando nas lapras, aínda que andar a elas para comer disque xa era o último que se podía facer.
Salitre nas mans e no corpo
Xenxa (á dereita) coa irmá Lola (no centro). 1950 aprox. Arquivo Xenxa Rei
Xenxa coñece moi ben o salitre do mar da Arousa de tanto cargar peixe na cabeza, de tanto escabechalo e lañalo e de tanta moira que fixo para salgar e secar xurelos; pero tamén de facer cordas de mexilón para a batea, de andar ós lingueiróns (ou caralletes) na Vía do Grove e ó birbiricho no areal do Serrido da desembocadura do Umia e na zona do Castilete de Fefiñáns, illó sepultado pola estrada que leva ó porto de Tragove.
De mociña traballaba coas súas irmás no serradero de Lorenzo Fraga na parroquia veciña de Corvillón:
Encastillábamos madeira, tablilla e enfardábamola. Eu andaba ós recados. Vendíase para faseren caixas de marisco. Miña irmán Valentina estaba na máquina, ela e mais Lola, estábamo-las tres na máquina aghuantando tablas.
Xa moza, mañá e tarde, estibaba sardiña na salga que na ribeira de Fefiñáns tiña Casimiro Blanco "O Cangrexeiro". A sardiña que se sacaba dos píos, colocábana en víos en pandaretas que logo ían á prensa: Á sardiña que estibábamos, eso non se ñe quitaba nada. Sardiña enteira, que é o toro que hai aora. Non ves que vén coa cabesa e con todo? (...). Teñen a pilla. Eu nunca fun capás a comer un toro daqueles (...). Saladísimos! Saladísimos! Non sei como tal come a xente.
E tamén preparaban sardiña fresca para exportar, que lañaban e salgaban, en caixiñas de tres ou catro ducias:
Salábamos sardiñas para salar, que despois viñan estes fresqueros e disían: -"Que gente, que gente más esclava! Mucho trabajan, mucho trabajan. Nuestras señoras... no hacen nada!
Anos despois, cando de mañá vendía peixe na praza de abastos de Cambados, pola tarde traballaba no mexilón das bateas que "O Cangrexeiro" tiña na zona das Sinas de Vilanova: Había que escolle-lo mexilón todo e limpialo ben, o ghrande; o pequeno xa quedaba para dispois faser cordas. Casimiro Blanco fora o primeiro que en Cambados construíra bateas reciclando barcos vellos.
Antes de casar traballou nas dúas fábricas de conserva que se crearan na II República en Cambados. De 1934 era a de Amador Mouriño, que nos anos 60 pasou a ser “Conservas Galbán” cando a mercou o comerciante de Vilagarcía Silverio Galbán; e de 1935 era "La Cambadesa", de Montero Rivas, que logo se chamou "Conservas Alasá":
Traballín na de Alasá e traballín na de Amador, na de Amador tamén (...). Daquela non estaba casada (...). Traballaba sardiña, traballaba bonito, traballaba mexilón, traballaba espadín, traballaba ameixa, traballaba... de todo (...). Alí traballara miña irmán tamén. Eu daquela alí andaba a dar servisio; sin embargho na do outro xa empacaba eu, xa estaba sentada (...). Traballaban máis de 50 [mulleres], alí era un mundo; e despois inda había unhas a estajo, por hora. E cando en outubro se abría a veda do marisco, Xenxa ía nun dos barcos de Amador Mouriño á Illa da Arousa para comprar ameixa ás mulleres que andaban á seca e ós homes que mariscaban a flote.
As carrexonas, "traballaban como esclavas!"
No primeiro terzo do séc. XX Cambados non tivo a industria conserveira do Grove, Vilanova, Vilaxoán ou A Illa; pero desenvolveu a comercialización do peixe fresco e do marisco, o que facía que barcos de toda a ría viñesen vender á súa lonxa, antes e despois do 1936, sobre todo para o mercado do mércores. Nunca faltaban trasmalleiros de Aguiño e de Artes nin barcos de Ribeira que andaban ó cerco de xareta nin motoras da sardiña do Grove, entre elas o "Nuevo Emden", antes de que en 1937 se fugase a Bretaña con mariñeiros mecos que non querían enrolarse no exército franquista ou que fuxían de posibles represalias. E na motora de pasaxe que diariamente unía O Grove con Cambados chegaba peixe ghordo, pero tamén as primeiras verduras e as primeiras patacas que apañaban os labregos de San Vicente.
Xenxa (á dereita) vindo da praza coa irmá Catalina. No fondo o paseo da Calsada co monumento a Cabanillas. 1965 aprox. Arquivo Xenxa Rei
Era a mellor plasa da ría da Arousa, asevera Xenxa: Xente así! Paresía un Berbés... Viñan arrieiros desde moitos lugares para comprar peixe fresco: Os arrieiros son eses coches que veñen de fóra, que veñen comprar e despois marchan a vender por aí. Chámanñe arrieiros. Despois foron a Marín e foron a Ribeira.
Xenxa cun sobriño, co peirao de Cambados ó fondo. 1960 aprox. Arquivo Xenxa Rei
 
Desde os barcos atracados no muelle novo ata os camións dos fresqueros o peixe portábano en cestas á cabeza as carrexonas, que tamén vivían de levárllelo ás peixeiras a Fefiñáns, cando aquí se facía o mercado semanal, e de subírllelo ós coches de liña cando ían vendelo polas aldeas do Salnés: Non eran peixeiras, non tiñan cartos. Elas non compraban no muelle, elas estaban ás que ñe daban a sesta para vender. E andaban a correr coa cesta á cabeza, xa que canto máis carrexasen máis gañaban.
Xenxa manifesta auténtica admiración polo duro labor das carrexonas, algunhas eran veciñas do seu barrio: 
Que lástima! Aquela mulleriña... se a ves subindo (...), unha escaleira, pero nesa escaleira non te podías agharrar, se non íbache a sesta para abaixo, para atrás. Tiñas que ir collendo a sesta así, subindo pola escaleira, así... e collía a sestiña e iba arrimada ca barregha a aquel, porque non podía. Tiña que colle-las escaleiras e non podía meter... malo se metía, caíañe a sesta pa baixo; e si iba así, dereita, dereita, dereita... (..). Tiñan que ir así, bailando, non sabes? Coa sesta na cabesa subindo as escaleiras, así, así. Ai! A min díghoche a ti que me cortaba! (...). Traballaban como esclavas!
"O que era o da aldea... mellor non o contar!"
Moito do peixe descargado en Cambados vendíano todo o ano polo Salnés as peixeiras de Fefiñáns e de Cambados. En San Tomé a maioría das mulleres andaban á seca mentres se podía mariscar no Serrido, pero a partir de maio ían vender peixe polas aldeas. De Santa Mariña, núcleo orixinario de Cambados, baixaban labradoras para limparen peixe para os arrieiros, ás veces só pola magha coa que estercar as veighas.

Xenxa (sentada á esq.) escollendo nas ostras na ribeira de Fefiñáns. De pé, súa nai(esq.) e seu pai (dta.) 1960 aprox. Arquivo Xenxa Rei


De moza, Xenxa comezou a vender peixe na súa vila, de mañá; pero cando a venda era cativa, ela e a súa irmá Lola, con cadansúa patela á cabeza, percorrían a pé os sete km. que separan Fefiñáns de Vilanova da Arousa onde había praza pola tarde. Logo pasaría máis de vinte anos indo vender peixe á aldea, tódolos días e ás veses o domingo, cando ía barato. Asevera que ir á aldea era traballar como esclavas, andando horas e horas, verán e inverno, mesmo cando chovía, sempre cunha patela á cabeza con 30 ou 40 quilos de peixe; e á volta, desandar o camiño, tamén a pé, coa cesta cargada coa limosna -dúas ou catro espigas, mesmo un cacho de pan, que a peixeira nunca pedía- e con patacas, ovos ou millo a cambio do peixe:
Primeiro collíamos o peixe. Íbamos á lonja que abrían e vendíase o peixe daquela, na de de noite; e íbamos á lonja, preparábamo-las sestas, nós inda ñe axudábamos a mamá a ir a... a coller despois á noite as vieiras e axudarñe a traelas pá casa; e preparábamos... e despois xuntábamos aí unhas 15 ou 20 ou 30, polo menos, siii! Porque era pa moitos sitios. Íbamos pola carretera, pero cada unha... Salíamos ás catro da mañán, pa estar nós, pa estar no Mosteiro ás sete, cando empesaba a vi-lo día. Andando... porque... tiñas que parar no camiño e descansar un pouco -son tanto como de aquí a Villagharsía-, e despois inda colle-la aldea. Esto astra Sacande, e despois nós tíñamos que ir asta San Lorenso, xa sabes onde é. E despois cando nos sobraba a min e mais a Lola collíamos e por non baixar abaixo íbamos a Ghudelo, que íbamos caír alá, esto, á Portela, á estasión da Portela. Baixar e subir un monte, e baixar (...). Non había máis que fame.
O domingo ía cobrar en diñeiro o peixe vendido:
E inda costaba traballo cobrar... Habíaos que tiñan e habíaos que andaban ó xornal, e se tiñan un buraquiño dunha terra, unha casa... Unha miseria!... O labrador que tiña defendíase ben, pero os outros era unha miseria. Unha pena. O que era o da aldea, mellor non o contar! Despois de anos de iren á aldea andando, as peixeiras pasaron a ir nun coche de liña cun apartamento para elas: Íbamos máis de 25 ou 30 todas acabalo alí diante. Xa non se iba tan sedo, salíamos ás oito ou nove de aquí. Antes todo o mundo iba á aldea, de San Tomé, de Cambados, de Fefiñáns. O peixe que se adoitaba levar era sardiña e xurelo, pero tamén trancho, especies daquela moi abundantes e moi baratas. Cando empezaron a abrir pistas no rural, as reghateiras tiveron que ir deixando, porque os coches particulares chegaban antes e elas xa non tiñan a quen vender: Cos cochitos acabáronse as peixeiras. peixeiras.
Hai uns anos morreu en Fefiñáns a derradeira peixeira do concello de Cambados: miudiña ela, con 90 e tantos anos aínda seguía indo á aldea cunha patela de envasar. Nunca vendera peixe na praza.
A salga e o secado do xurelo
Cando se instalou fixa na praza de Cambados, Xenxa ía vender todos os días, mesmo os domingos despois da misa de alba, porque había praza e mercado ata que se cambiou para o sábado: Levantábame ás seis da mañán e mais ás sinco, sendo do vran.
No día das súas vodas de ouro de casada. 1999. Foto: F. Fdez. Rei
E acudía ó lavadero da punta do peirao de Cambados onde se ía descargando o peixe para a poxa: Tiñas que da-lo mío7 e dalo... outras, ó mellor viñan primeiro ou ti... paresíache caro e quedabas ó mellor sin o peixe (...). E no inverno inda había que madrughar tamén, había que ir a... polo día, iríamos por aí ás oito da mañán. Morríase [co frío], asta anduvemos vestidas de sacos, no inverno... xa hai anos, cando foi do Movimiento. Tinguían de azul sacos do azucre para saias e vestidos, mesmo facían sabas: Con esa roupa de saco andaba todo o mundo, todo de reghateiras e peixeiras da nosa clase.
Peixeiras de Cambados na feira do Mosteiro. No fondo, a irmá Valentina, Xenxa e unha sobriña. Diante, á dta., a irmá Catalina. Xuño 1960. Arquivo Xenxa Rei
As reghateiras tiñan que pesar todo o peixe e pagar un patacón -10 cts. de peseta- por quilo, que logo foron dous patacóns, ademais de pagaren polos postos ocupados. Cando o Concello se fixo cargo da praza xa non tiveron que pagha-los patacóns, pero si un arrendamento mensual fixo e mais os postos ocupados. Os días 9 e 24 de cada mes Xenxa ía vender ás concorridas feiras do Mosteiro, como case todas as reghateiras da vila. Foi unha das derradeiras peixeiras que en Cambados secou xurelos para vender. Empezou de nena a facelo coa súa madriña e coa súa nai, que os poñían ó sol no malecó da ribeira de Fefiñáns onde estivera o muelle vello construído para servizo dos fidalgos do pazo. Secou moitísimo xurelo, que vendía na praza cando non había peixe, ou á xente que llo viña comprar á casa, e non precisamente cando escaseaba o peixe: Había que lañalos. Hai que abrirñe a cabesa toda e se son ghrandes tes que lañar primeiro coa uña e despois co cuchilo. Daban un traballo! Secábanse coa cabesa, sin ela a xente pensaba que estaban podres. Ai, tiña unha venda! (...). Sequín sempre arriba, no tellado. Non fasíamos outro ofisio. Traballamos como neghros!
Considera que é fundamental facer ben a moira e non tocala coas mans: Seghún os xurelos a cantidá que sea, tes que poñer bastante sal, bastante aghua. Colles unha pataca, unha pataca ghrande, seghún a moira que sea, e estás revolvendo sempre cun pau, sempre a unha man, porque se revolves así córtase a, córtase a moira, entendes? Tes que estar dándoñe sempre a unha man, sempre a unha man, sempre á man, sempre. Cando a pataca estea nadando é que a moira xa sirve. No-ñe pode tocar cas mans á moira, mentras non estea o peixe xa curado para quitar. Colles, metes despoilo xurel, así, tíra-lo xurel, valo botando, pero sin tocarñe ti á moira pa nada. Cando estea xa todo o xurel, que estea así arrasado, cóllesñe unha manadiña de sal pa aquel da riba, que no-ñe toque moito, tápalo e déixalo dun día pa outro, á tarde, asta outro día, á mañán. E dispós quítalo da moira. Dispois xa podes mete-las mans xa,
porque esa moira xa non sirve. Lávalo ben na misma moira pa que non leve sal, porque ten que queda-lo sal ben desfeito; pero como dispois ñe botas inda alghún, non sabes? Porque se non colle ben, ben moira e non está ben feita, despois críanche bichos.
Os xurelos cumpría secalos ben e gardalos en caixas con palla: Déixalos decorrer un pouco, lévalos e bótalos a secar polo malecó ou como fasíamos nós arriba, en tablas ou así. Hai que deixalos secar ó sol. Cando vaian secando, dispós vasñe dando voltas... e estean ben sequiños, ben sequiños, colles unha caixa, bótasñe unha pouca palla por abaixo e dispois, vas poñendo os xurelos, ben colocadiños así, todos pa riba, e despois outro vío de palla. E énche-lo queixón e dispois clavas ese, ese queixón e está así asta que sea para vender. Que non che chova por el nin nada. Despois aghuántache todo o ano. Máis dun ano póñense xarrentos8, vai sabendo máis a aquela ghrasa... e eso doutra maneira está riquísimo, como se fora bacalau (...). Que traballos! Que traballos!
Na praza de abastos de Cambados. 1983. Arquivo Xenxa Rei
Xenxa ri mentres fala da particular loita contra as gheivotas, das que cumpría estar moi pendente: E despois as putas das gheivotas! Unha ves botino a secar, e vin abaixo, e atopín as tablas namais. E segue a rir mentres conta anécdotas dalgún siareiro emigrante que devecía polos xurelos secos e que os levaba para Alemaña.
Memoria dun mundo que xa se foi
Xenxa é memoria viva dun Cambados mariñeiro que non existe e que se transformou, como tamén o é o seu home, de Fefiñáns como ela, que ten na cabeza a carta mariña da ría da Arousa de tanto andar ó mediomundo, ó vedrín e a outras artes en Sálvora, en San Vicente do Mar e noutras postas, e de andar á ameixa, á ostra ou ó espadín no Vao da Illa, nas Meáns, no Lombo Blanco e en tantos sectores desa aínda farturenta ría.
Xenxa é testemuña viva dunha xeración de mulleres da beiramar galega que tiveron unha vida "escrava" -adxectivo que tanto usa nas entrevistas- nos duros e escuros anos 40 e 50, ata que o peixe e o marisco empezaron a valorizarse. Son mulleres que traballaron tanto ou máis cós homes; e ademais, moitas delas tiveron que facer de nai e de pai, sobre todo cando a finais dos anos 50 os seus maridos comezaron a embarcarse en mercantes e petroleiros estranxeiros. Foi o caso dela, que aínda sacou tempo para aprender a bordar e a cortar e a confeccionar roupa para gozo propio. Cando eu era pequeno, na súa casa non había libros; pero Xenxa gardaba como ouro en pano -e non esaxero nada- un de Caamaño Bournacell sobre Cambados. Un día mostroumo porque disque tiña un poema de Ramón Cabanillas que falaba das súas avoas reghateiras. Anos despois puiden ver que ese poema, "A rebeira de Cambados", era de Caamaño Silva, de 1885, escrito cando Cabanillas era un neno. Ese longo texto non ten valor literario pero si etnolingüístico e, sobre todo, onomástico, pois nel deben estar todas as peixeiras e carrexonas cambadesas de finais do séc. XIX cos seus alcumes. Nel está a Tartarexa e a Codusa, avoa paterna e avoa materna de Xenxa.
Xenxa (na proa) con familiares no “recú” do seu pai en Fefiñáns. 1954.
Arquivo Xenxa Rei
Poida que ela nunca lera un poema de Cabanillas; pero se nun libro de Cambados aparecía unha poesía, para ela tiña que ser do único poeta que coñecía fisicamente. De mociña, se cadra, Xenxa viuno na súa casa da rúa Real, de Fefiñáns, cando aí ía mercar leite que vendía Siña Eudosia, a muller de Cabanillas; e de maior víao baixar pola da rúa das Rodas camiño da ribeira: (...) delghado, unha persona moi seria... Cando morreu levou tanta xente como de aquí a San Tomé. Xente que tal veu de fóra! Un mundo de xente!
Co seu home na praia do Carreiro de S. Vicente do Mar. 1997. Foto: F. Fdez. Rei
As mulleres da clase mariñeira de Cambados, que tan decisivo papel tiveron no desenvolvemento económico do concello, incomprensiblemente aínda non teñen o seu monumento. Xa que hoxe se conta cun longo e transitado paseo que une pola beiramar os barrios de Fefiñáns, Cambados e San Tomé, non estaría de máis pedir que se levante nese paseo unha galería de personaxes que representen esas abnegadas mulleres mariñeiras: a atadora de redes do cerco e doutros aparellos, a muller que traballa na conserva, a mariscadora, a reghateira, a carrexona... Sería unha boa maneira de os cambadeses mantermos acesa a lembranza de xente que nos precedeu e que nos transmitiu a vida e a fala, a lembranza de tanta xente humilde que viviu con orgullo e con moita dignidade.
POR FRANCISCO FERNÁNDEZ REI



Ningún comentario: