30 de mar. de 2015

“SOMOS CAMBADOS” UNICO GRUPO POLITICO QUE LEVA A DEMOCRACIA ATA AS SÚAS ULTIMAS CONSECUENCIAS.

"SOMOS CAMBADOS" ABRE O PRAZO ATA O 10 DE ABRIL PARA A PRESENTACIÓN DE CANDIDATAS E CANDIDATOS A ENCABEZAR A LISTA ELECTORAL NAS VINDEIRAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS
A plataforma cidadá, Somos Cambados, acordou o venres pasado abrir o prazo para que os veciños e veciñas de
Cambados que o desexen poidan presentar a súa candidatura para encabezar a lista electoral nas vindeiras Eleccións Municipais. O único requisito é cumprir o Código Ético aprobado por unanimidade na asamblea de onte, e presentar a súa candidatura a través das redes sociais ou ben do correo electrónico somosmaioriacambados@gmail.com.

Dende Somos Cambados pensan que os veciños e veciñas da nosa vila estamos ante un proceso histórico na política local de Cambados, xa que por primeira vez se abre un proceso no que tódolos cambadeses van poder escoller o candidato ou candidata á Alcaldía, sen que este veña imposto dende unhas siglas ou dende pactos entre cúpulas de partidos.

Tamén aprobaron un Código Ético de obrigado cumprimento
por parte dos veciños e veciñas de Cambados que queiran presentarse neste proceso, no que se define a participación política en Somos Cambados, que vai chegar máis aló das vindeiras eleccións. Esta plataforma non nace só para este proceso electoral, senón que o fai para establecerse en Cambados como unha ferramenta de rexeneración democrática e participación cidadá. Queremos ser a alternativa dos veciños e veciñas despois de 28 anos de goberno do Partido Popular.

Dentro do Código Ético, acordáronse por unanimidade entre outras cuestións as seguintes: igualdade de todos os cambadeses diante do Concello; eliminación dos privilexios dos concelleiros; transparencia absoluta e declaración de bens e patrimonio; cumprimento do programa electoral; sometemento á asamblea cidadá; compromiso de atención aos veciños, de traballo e de información publica; atención ás necesidades e prioridades dos cambadeses; non á duplicidade de cargos (como pasa en outros partidos de Cambados); compromiso dunha campaña informativa e respectuosa co medio ambiente.

Acordouse ademais que non poderán figurar entre os
candidatos persoas que se atopen nos supostos seguintes: imputados ou condenados xudicialmente por casos de corrupción, financiamento ilegal ou calquera outro delito relacionado coa administración pública; imputados ou condenados por delitos de violencia de xénero, violación dos dereitos laborais, homofobia ou xenofobia; persoas que na actualidade estean desempeñando cargos de representación política ou pública noutras administracións (non á duplicidade de cargos), a non ser que previamente renuncien aos mesmos. Tampouco poderán ser candidatos ou candidatas aqueles que non acepten cumprir este Código Ético, así como os principios do manifesto Somos Maioría, ou someterse á avaliación dos seus cargos por parte da Asamblea de Somos Cambados.

Por último, tamén se acordou abrir un espazo dentro da web e das redes sociais de Somos Cambados para que os veciños e veciñas aporten ideas para a elaboración do noso Programa Electoral, para o cal xa se recolleron onte suxestións de arredor de medio cento de persoas, e que se denominará: “Que queres que faga o teu Concello”. Agardamos pola participación dos cambadeses e das cambadesas para que unha vez elaborado o Programa Electoral na súa totalidade este sexa sometido á súa aprobación na vindeira Asamblea de Somos Cambados.

BLOG SOMOS CAMBADOS

FACEBOOK SOMOS CAMBADOS

ENVIAS AS PROPOSTAS PARA O PROGRAMA

Para novas en xeral de Cambados, preme AQUI.

Para novas de deportes de Cambados, preme AQUI.

Se queres ver os nosos videos de novas en xeral, preme AQUI

Se queres ver os nosos videos de deportes, preme AQUI



Ningún comentario: