3 de mar. de 2015

UN CONXUNTO ESCULTÓRICO SOBRE O XOGO DO "ESCONDITE" DECORA O PARQUE DE SAN ROQUE EN CAMBADOS.

Traballadores e monitores do obradoiro de emprego Turismo Sostible III veñen de rematar o acondicionamento do parque situado na confluencia das rúas San Roque e Olmos, instalando un conxunto escultórico en pedra que
representa a catro nenos xogando o tradicional “escondite”.
Este conxunto, integrado por catro figuras infantís esculpidas en pedra, complementa a alegoría escultórica do mundo do ensino que se estableceu na rotonda reguladora do tráfico na rúa Olmos. Os operarios instalaron alí diversas pezas pétreas, que representan libros, lápices, un afialápiz, canicas e cubos referentes á actividade escolar.
Un monitor e alumnado das seccións de canteiría e xardinería do obradoiro de emprego tamén remataron recentemente a renovación e posta en valor do lavadoiro de San Roque, que incluiu tarefas de mantemento e mellora no xardín urbano da zona.
Os traballos efectuados neste lavadoiro consistiron na
impermeabilización do estanque pétreo; canalización das augas pluviais e das propias do estanque; mellora de accesos; construcción de escaleiras en canteiría, e retirada de elementos non acordes, como por exemplo un muro perimetral de bloques.
O alumnado deste obradoiro tamén levou a cabo traballos de mellora da senda fluvial na desembocadura do Río Umia e nos principais espazos verdes do casco urbano, como A Calzada, parque de Torrado, paseos e prazas, así como nas áreas recreativas dos centros culturais das parroquias e núcleos rurais.
O obradoiro de emprego remata a actividade nas vindeiras xornadas. Xunta e Concello están a investir case 200.000 euros nesta acción formativa. O obxectivo destes cursos é formar a 19 persoas, ás que haberá que sumar o persoal contratado para impartir formación en canteiría e forestal: un director, un titor, unha administrativa e dous monitores.
Para novas en xeral de Cambados, preme AQUI.

Para novas de deportes de Cambados, preme AQUI.

Se queres ver os nosos videos de novas en xeral, preme AQUI

Se queres ver os nosos videos de deportes, preme AQUI

Ningún comentario: