28 de abr. de 2015

A CANDIDATURA POLA REXENARIÓN DOMOCRÀTICA “SOMOS CAMBADOS” CREE QUE A CONFRARIA DE CAMBADOS E O MELLOR EXEMPLO DE QUE SE PODE DERROTAR AO PP

O CANDIDATO TINO CORDAL E VARIOS MEMBROS DA CANDIDATURA VECIÑAL SOMOS CAMBADOS MANTIVERON NO DÍA DE ONTE UNHA REUNIÓN COA CONFRARÍA DE CAMBADOS 
A Candidato a Alcaldía, Tino Cordal, e varios membros da Plataforma veciñal Somos Cambados mantiveron no día de onte unha xuntanza con varios membros do cabildo e o Patrón Maior da Confraría de Cambados. Esta reunión foi a primeira das distintas xuntanzas que vai celebrar a candidatura veciñal Somos Cambados coas distintas organizacións sectoriais existentes na nosa vila, co obxecto de coñecer de primeira man as súas problemáticas. Non é casualidade que a primeira reunión de membros da candidatura SOMOS CAMBADOS fose na Confraría, pois entenden que existe certo paralelismo entre a anterior
Confraría e o Concello actual (ambos gobernados polo PP e salpicados por casos de corrupción). Cabe lembrar que, en xuño do ano pasado, a xente do mar formou unha candidatura xoven, preparada, con ideas e ilusión, e foi quen de derrotar a un Patrón Maior (presidente das confrarías de Galicia) apoiado pola Xunta e respaldado por Luis Aragunde e o Partido Popular de Cambados. A candidatura que gañou as eleccións á Confraría demostroulles que, a pesar da utilización por parte do PP de todos os recursos humanos e materiais, é posible derrotalos. 
Dentro desta rolda de contactos na que  se van  reunir con todos aqueles sectores, asociacións e entidades que os queiran recibir, Somos Cambados vai analizar todas as propostas incluídas no seu Programa de Goberno que poidan influír nestes sectores, así asumir como súas todas as inquedanzas e problemas de cada sector.
Na reunión coa Confraría tratouse a situación que está a atravesar un dos principais sectores, e motor, da economía cambadesa. Así,trasladouselles as alarmantes conclusións do informe de viabilidade do sector realizado polas confrarías de pescadores da Ría de Arousa. Os altos custes que están a sufrir para poder manter a súa actividade produtiva e, en contraposición, o alarmante descenso de capturas e a baixada dos prezos na lonxa, o que levou a solicitar a prestación por desemprego a máis de 70 empresas nos primeiros meses deste ano, xunto cos traballadores destas mesmas.
Dende Somos Cambados consideran  urxente a erradicación dos vertidos ao mar, pois están a danar os distintos bancos
marisqueiros e pesqueiros de Cambados, así como a elaboración de análises periódicos da contaminación non só nas principais zonas extractivas, senón tamén nas desembocaduras dos ríos, e que estes análises se fagan públicos con periodicidade. Tamén se falou dos servizos que se prestan aos nosos mariñeiros nos peiraos de Cambados, e as altas taxas que impón Portos de Galicia pola utilización das mesmas; xa que non só se repercute por metro cadrado, senón que tamén se abona o canon en función das vendas de cada armador. Estas taxas son as mesmas para cada peirao en tódolos portos de Galicia, pero, pola contra, os servizos que se prestan non son os mesmos no peirao de Tragove que noutros portos próximos a Cambados, polo que consideran preciso que os servizos que se prestan sexan equiparados entre si.
Por ultimo tamén estiveron comentando a pésima situación na que se atopa o peirao de amarre da Illa das Goritas, e a necesidade de instalar un novo peirao flotante en paralelo ao de Santo Tomé, para facilitar o amarre de moitas embarcacións de artes menores nunha zona de abrigo. Dende Somos Cambados queren expresarlle o seu agradecemento a Confraría de Cambados por atendelos nesta reunión e trasladarlles as carencias e propostas dun dos principais sectores de Cambados.

Ningún comentario: