28 de abr. de 2015

PARA O BNG AS PARROQUIAS TAMÉN FAN CAMBADOS

PROPÓN A TRANSPARENCIA E A ÉTICA COMO BASE PARA A XESTIÓN DO NOSO CONCELLO.
Para o BNG a participación social sempre foi un dos eixos  para realizar unha axeitada xestión municipal. O noso
sempre foi un proxecto colectivo e, como tal, require da participación de toda a cidadanía. Esa é a razón pola que o noso programa propón fórmulas que fagan sumar xente ao proxecto de concello que debe ser Cambados. Establecer canles de
participación significa actuar en diferentes eidos da vida municipal que acheguen o cidadán á xestión.  Nesa liña o BNG propón a creación de diferentes organismos de participación  ou consellos sectoriais. Referímonos a organismos formados por grupos de persoas que aporten os seus coñecementos na materia e os seus intereses polo colectivo que representa. 
Dentro dos consellos sectoriais, consideramos de especial
importancia a creación dos Consellos Parroquiais, que estarían formados por unha representación dos veciños e veciñas dunha parroquia. Os Consellos Parroquiais non so serían órganos de dinamización da vida na parroquia  senón que, ademais, terían a capacidade de decisión sobre prioridades en investimentos nas parroquias, é dicir, serían
verdadeiros órganos de xestión, pois ninguén mellor ca eles coñecerían a realidade e as necesidades do seu contorno. Ninguén mellor caos veciños/as dunha parroquia poden saber o que necesitan.
O BNG é coñecedor dalgunhas das necesidades das parroquias e as comparte, como pode ser a creación dunha
rede de transporte colectivo municipal entre parroquias e centro de Cambados, rematar as redes de saneamento ou de auga potable, crear un regulamento municipal para a instalación de estacións eléctricas, redes de alta tensión e antenas de
telefonía móbil, promover a ampliación do cemiterio  de Vilariño, realizar o soterramento de liñas eléctricas na costa de Tragove, Castrelo ou xunqueiras do Umia, restaurar e poñer en valor o patrimonio cultural e natural das parroquias, promover escavacións arqueolóxicas no Monte do Castro (Castrelo) e en Sete Pías (Vilariño) e, en xeral, fomentar o asociacionismo cultural e promover a acción sociocultural desde a base coa  participación activa dos veciños e veciñas. 
Debe quedar claro que as propostas do BNG, en canto a actuacións parroquiais concretas, podería enriquecerse coas aportacións destes novos Consellos Parroquiais. Debe quedar claro que na actualidade nunha sociedade xusta e democrática non hai cabida para alcaldes presidencialistas ou mesmo ditatoriais, modelo PP. Un concello debe se xestionado entre todos e todas e coa responsabilidade de todos e todas; “Concello do Pobo ao servizo do Pobo”.
O BNG PROPÓN A TRANSPARENCIA E A
ÉTICA COMO BASE PARA A XESTIÓN DO NOSO CONCELLO.
Está claro que a forma continuada de actuar do  BNG apórtalle credibilidade, e que de cara ás próximas eleccións municipais se presenta como a alternativa que, sen dúbida, actuara con transparencia; un concepto que o PP non acaba de comprender. A pasada semana dabamos a coñecer as nosas  propostas para realizar unha xestión municipal  con transparencia, pois a consideramos un  compromiso prioritario na xestión que o BNG fará ao fronte do concello de Cambados; un concello dominado actualmente por unha xestión escurantista.  
Semella que para o PP a transparencia é un conto e, como consecuencia, o BNG leva anos agardando resposta para moitas das súas demandas. E cando recibimos respostas sempre gardan un certo engano; como cando falamos de convidados ao xantar do Albariño ou os gastos que nos supón o despilfarro do PP nesta festa; pois sempre ocultan información. O BNG está farto de agardar que o PP non dea contestación ás súas preguntas, o que, repetidamente, nos leva a insistir para conseguir a información solicitada. Así que, nesta ocasión, nos vemos obrigados a repetir a petición que realizamos, alá, polo mes de febreiro cando enviabamos ao concello unha serie de preguntas  sobre as obras do Plan E que o Ministerio de Facenda está a investigar no concello de Cambados para comprobar se no seu momento o PP fixo un uso correcto das inversións en referencia ás axudas recibidas por este  plan.
Queremos deixar claro que este tipo de situacións xamais se darían co BNG, por ser unha opción política comprometida co cidadán, cos principios do xogo limpo e que considera a ética como a base prioritaria na que se debe sustentar calquera actuación na vida. Por certo, a ética e outro dos conceptos que non existe no dicionario do PP.

Ningún comentario: