25 de maio de 2015

“CAMBADOS PODE” OU O DILEMA DO PRIMEIRO PLENO

UN ARTIGO DE OSCAR PARDO PLANAS
A de onte, foi unha noite histórica. En todo o país, cos trocos de goberno tan significativos como o de Compostela (logo de catro anos de indecencia e vergoña allea provocada pola corrupción
do PP) ou o d’A Coruña. En todo o Estado, coas vitorias en Madrid, Valencia ou Barcelona. Vitorias, a maioría delas, impulsadas por agrupacións electorais non tradicionais, por algo novo, chámense Mareas, candidaturas de unidade
popular, candidaturas veciñais...que poñen nas principais cidades do país e de Estado alcaldesas e alcaldes que non son políticos de traxe e gravata, senón “xente normal”. Xente normal, chámense Colau, Martiño, Manuela, Xulio...que poñen o primeiro chanzo dunha mudanza no goberno de España a finais deste mesmo ano, e do goberno galego o ano que vén. Neste novo tempo
político todo son retos: o reto de gobernar en defensa dos cidadáns –e non en contra deles como até o de agora- pero sobre todo o máis grande: o reto de estar á altura das expectativas.
Na nosa terra tamén chegou aire novo. Histórico: O PP queda sen a Deputación, que gobernara desde sempre –con xeito máis ben pouco democrático e máis ben caciquil-. En Cambados, os veciños puxéronlle fin a 28 longos anos de maiorías absolutas do Partido Popular nun reconto que tivo o noveno concelleiro bailando até escrutadas as últimas mesas. As claves: o rexeitamento cara un partido que goberna en
beneficio propio –alí e aquí-, e na miña humilde opinión a irrupción dunha candidatura veciñal con dous meses de vida (Somos Cambados) que permitiu que o descontento que seguramente non serían quen de recoller BNG e PSOE se canalizara de xeito útil.  BNG e PSOE mantiveron máis ou menos os resultados das últimas municipais (moi leve mellora do PSdeG e descenso duns cinco puntos do Bloque). Outra sorpresa da noite foi a irrupción de Cambados Pode, unha forza da que se algo sabemos dela é que non sabemos moito. Sabemos que por unha banda, nace no seo da familia Abal, intimamente ligada ao Partido Popular no pasado e que xa lle organizara escaramuzas ao PP como a que en 2003 rematou coa entrada dun edil independente na Corporación. Por outra banda, Cambados Pode dixo durante a campaña que se presentaban para facilitar “o cambio”, e incluso se presentaron aos veciños nos seus repartos afirmando que era tempo de “botar ao PP”. 
Cambados Pode merece un capítulo aparte neste pequeno relato. Primeiro, porque co seu único edil ten a chave do vindeiro goberno de Cambados. E segundo, porque é a única forza que, faga o que faga, vai ter que incumprir parte do seu programa na sesión de investidura dentro de dúas semanas.  E porque digo que terán que incumprir? Segundo a lexislación vixente, Cambados Pode só podería evitar un goberno do Partido Popular se vota a un candidato/a alternativo que teña o apoio dos outros tres grupos (PSdeG, BNG e Somos) na primeira ronda da sesión de investidura.
Só con votarse a si mesmos, daríanlle o goberno a Aragunde por ter sido a forza máis votada. Curiosamente, o primeiro dos catorce compromisos que Cambados Pode repartiu entre a veciñanza reza “Non haberá pacto de goberno (...) nin votaremos ao candidato de outro partido á hora de elixir o Alcalde”. É dicir, se deciden cumprir este compromiso, gobernaría o PP de Luís Aragunde en minoría (ou con Cambados Pode, quen sabe). Iso me leva aos outros 13 puntos do seu programa, que inclúen compromisos como transparencia, tolerancia cero á corrupción, redución salarial de cargos electos, eliminación de asesores, defensa de sanidade e ensino públicos, etc... Está claro que os trece últimos puntos da lista dos catorce compromisos son
radicalmente contrarios á forma de facer do PP de Cambados. Por non dicir que esta nova formación se presentou ao veciños como unha ferramenta para rematar co goberno do Partido Popular. Entón, aí está o dilema. ¿Que parte do programa vai incumprir Cambados Pode no primeiro pleno da nova lexislatura, cando o seu representante levante a man na votación de Alcalde? Incumprirá o primeiro punto e permitirá un goberno de progreso en Cambados, ou incumprirá todo o resto do programa e permitirá gobernar ao PP novamente? A resposta, moi pronto.
Polo de agora, gustaríame enviar parabéns colectivos á veciñanza de Cambados por abrir a fiestra e deixar pasar un raio de esperanza e permitir, cando menos, algo de xogo político nos vindeiros días. Tamén parabéns a militantes e simpatizantes dos partidos que hoxe son alternativa de goberno, ao PSdeG-PSOE de Fátima Abal, que se perfila como potencial alcaldesa de Cambados, ao BNG de Cambados, e particularmente a Víctor Caamaño pola súa seriedade e compromiso constantes, a Somos Cambados por devolver a ilusión a unha parte importante da cidadanía, e en particular a Xurxo Charlín polo traballo incansable contra reloxo (serás un magnífico concelleiro). Tamén a Cambados Pode por obter o edil que deixa nas súas mans, nin máis nin menos, o futuro de Cambados. Agardo que estean á altura de tal responsabilidade.
OSCAR PARDO PLANAS

Ningún comentario: