19 de maio de 2015

SOMOS CAMBADOS REALIZARÁ UNHA AUDITORÍA DO CONCELLO ANTE AS CONTINUAS IRREGULARIDADES COMETIDAS POLO PP

- ARAGUNDE ADXUDICA ILEGALMENTE MÁIS DE 300.000 € NUN ANO.
- O ASESOR DO ALCALDE PERCIBIU EN HORAS EXTRAS 5 VECES MÁIS DO PERMITIDO POLA LEI.
- ARAGUNDE SEGUE SEN FACER PÚBLICOS OS CONTRATOS CO CONCELLO DA EMPRESA QUE FIXO A SÚA WEB E O SEU VIDEO ELECTORAL.
- SEGUNDO A INTERVENTORA, ARAGUNDE ADXUDICOU A ESTA EMPRESA CONTRATOS IRREGULARMENTE.
A primeira medida da acción de goberno de SOMOS CAMBADOS será a realización dunha auditoria económica
externa do Concello de Cambados. Esta decisión xustifícase polas reiteradas irregularidades e corruptelas cometidas polo goberno do PP e denunciadas polo departamento de Intervención municipal.
Así, segundo a Intervención do Concello de Cambados, mediante un
procedemento irregular nun só ano foron contratados obras e servizos por un total de 307.380,12 €. A pesar das continuas advertencias da Intervención municipal, Aragunde négase ano tras ano a cumprir coa legalidade e persiste en adxudicar a dedo obras e servizos que polo seu importe deberían contratarse mediante concurso
público, tendo que soportar as arcas municipais un sobrecoste que, de realizarse mediante procedementos legais, suporía un importante aforro para o Concello.
Aragunde tamén incorre en ilegalidades no que respecta á xestión do persoal municipal, reiteradamente denunciadas
polo departamento de Intervención, chegando incluso a formular un reparo suspensivo ao abono das nóminas polas continuas ilegalidades no pago de horas extras, produtividades e gratificacións. Por citar só un caso, a cantidade que cobrou por horas extras o asesor do alcalde, nomeado a dedo por Aragunde, multiplicou por 5 o máximo permitido pola lei.
Estes abonos  realizáronse a aqueles traballadores máis afíns a Aragunde sen que existise ningún expediente que xustificase ditos pagos.
Por outra banda, SOMOS CAMBADOS vén demandando insistentemente desde hai varias semanas que Aragunde faga públicos os contratos do Concello coa empresa ContaLocal, S.L. que, ademais de xestionar o dominio da web municipal, tamén xestiona o dominio da web electoral de Aragunde e foi a empresa encargada da realización do seu video electoral nas pasadas eleccións municipais. ContaLocal, S.L. é citada pola Intervención municipal como unha das empresas beneficiadas en varias ocasións polos contratos irregulares realizados por Aragunde.  SOMOS CAMBADOS reitera unha vez máis a esixencia de información sobre o número de contratos realizados polo Concello con esta empresa, a súa contía e a duración dos mesmos.
SOMOS CAMBADOS considera que nunha situación económica e social como a que están padecendo a maioría de familias é inadmisible que nesta lexislatura os salarios do equipo de goberno e dos seus asesores nos costen aos cambadeses un millón de euros. SOMOS CAMBADOS comprométese a reducir este importe o non ter que contratar ningún asesor político como fai o Partido Popular, co que a cantidade aforada se destinaría a incrementar o gasto social e de promoción do emprego.
SOMOS CAMBADOS sinala que a ultima fiscalización externa do Concello de Cambados foi feita polo Consello de Contas no ano 2002. Daquela o Concello de Cambados negárase a facilitar a información que lle solicitaban alegando que lle roubaran documentación.
Despois de 28 anos de maioría absoluta do PP, SOMOS CAMBADOS terá como unha das súas prioridades de goberno un Concello que avogue pola transparencia e a honradez na xestión, no que a información estea a disposición de todos os veciños e veciñas, e na que todos os cidadáns teñan igualdade de trato e de oportunidades.

Ningún comentario: