6 de xul. de 2015

CONTESTANDO A JOSE BENITO VÁZQUEZ CASAIS “JOSE PEPE”.

(Montaxe foto: Montadictos
Monta Camba2)
UN ARTIGO DE JOSÉ NORBERTO UZAL TRESANDI
Malia a cordial relación que mantiven co autor desas malfadadas liñas, véxome na obrigación de mostrar a miña absoluta indignación pola publicación dun artigo de opinión que constitúe un completo despropósito tanto no fondo
como na forma, á vez que ofende a unha parte respectable da poboación. Sinceramente, considero que a dirección do “Diario de Arousa” fai un fraco favor a este medio ao publicar un artigo que carece da máis elemental calidade e que ofende aos sentimentos profundos dunha parte dos seus lectores.
Opinións desta clase, vertidas desde unha tribuna pública, contribuiron no pasado á estigmatización e á discriminación que sufriron e continúan sufrindo en moitos lugares as persoas que teñen unha inclinación diferente da heterosexual.
Considero, ademais, que a escasa argumentación que se pretende invocar é absolutamente falaz.
Por unha banda, a alusión ás “Sagradas Escrituras” está absolutamente fóra de lugar, descoñecendo o que subscribe os méritos que concorren no autor do artigo para arrogarse a facultade de interpretalas. En calquera caso, nula ou escasa relevancia pode outorgárselle a un texto de carácter relixioso á hora de lexislar nun estado como o español, que se proclama constitucionalmente aconfesional.
Por outra banda, o resto dos argumentos que se pretenden utilizar son sinxelamente falsos. Afortunadamente, en España, a definición de matrimonio foi modificada para adaptarse á realidade social do noso tempo e incluír ás parellas do mesmo sexo. A constitucionalidade desta reforma foi avalada polo noso Tribunal Constitucional que se pronunciou sobre esta cuestión como consecuencia do recurso interposto por diversos representantes do Partido Popular, recurso que moitos consideramos absolutamente desacertado. Tampouco acerta o señor Vázquez Casais cando pretende utilizar como argumento de autoridade o Dicionario da Real Academia Española na medida en que a vixésimo terceira edición do Dicionario da Real Academia Española xa inclúe unha nova definición de matrimonio que dá cabida ás parellas do mesmo sexo.
As referencias aos perigos da adopción por parte de parellas homosexuais considero que o autor, unha vez máis volve a incorrer en tópicos ben manidos e absolutamente desmentidos pola realidade máis teimuda que se empeña en demostrar que eses traumas aos que fai referencia o señor Vázquez soamente existen na súa mente.
Polo que respecta á soberbia da que fala o autor, dicimos que o Dicionario da Real Academia Española defínea, entre outras acepcións como a “Satisfacción e envanecemento pola contemplación das propias pezas con menosprezo dos demais.”. Isto é precisamente o que, a xuízo do que subscribe, define o modo de actuar do señor Vázquez Casaís á vista do contido do artigo en cuestión.
En definitiva, achámonos ante un artigo de pésimo gusto e de contido nitidamente homófobo e irrespectuoso cos lectores e que, por iso, nunca debeu de ser publicado.
JOSÉ NORBERTO UZAL TRESANDÍ
AVOGADO

Ningún comentario: