2 de maio de 2019

PERDERSE NAS POZAS E NO SOLPOR. QUE VEÑA O AXEXO DO DÍA


Hai quen cre que en política vale todo, e cando digo todo é todo. Nunca me valeu. Quen sae perdendo con ese pensamento é o cidadán mais débil, menos preparado, máis feble á economía caseira dependente de todo o mundo e que cala por non chorar axexando nas redes sociais preguntándose ata onde é verdade e que é falso do que se escrebe e se comenta nas páxinas adicadas á política local. Non son iñocentes as análises que se fan interesadamente do persoal que estivo vinculado a un ou outro partido político sen necesidade de estares nunha lista municipal ou mesmo estando nelas coma o meu caso. Maior responsabilidade se cabe. Xa non che conto se o partido crea unha páxina, inventa perfís falsos e opinan sen dar a cara. Como se os fosen levar á cárcere. Saben que se cometen algún delito, non lles vai valer o seu anonimato, pois as forzas e corpos de seguridade do Estado rastreará esa conta ata chegar a ese ordenador, ao seu dono. Logo por que actúan cun perfil falso? por covardía de se saber lido e non render contas dun pasado que todos temos.

-Vostede terá moito dereito; pero eu teño moita razón. (Cousas da Vida. Caciques)

Pero iso non é o mais grave. Se me dades a elixir, prefiro a opinión de Moncho Daporta coa que discrepo profundamente, as mais das veces, pero que ten a honradez de se pór diante de calesquera partillamento, opinión ou post que considera afín ao que segundo el, lle representa. E mira que ás veces faino por provocar, entrándolle o persoal de esquerdas a trapo. El tamén opina. Ti decides.

E o mais grave? cando se minte no persoal, cando se fai dano sabendo que é mentira, cando te metes con familias alleas ou non á política, cando es un troll sen tan sequera algo de puta gracia. Por? por que a min me fixeron os contrarios, por que sei que lle saca votos aínda que se "foda quen se foda" por que todo vale se eles o fixeron antes. A onde nos leva isto? como a violencia terrorista ou ás veces a lexítima do Estado, a máis xenreira contida, a unha espiral de violencia dialéctica sen ollar o final.

Hai catro anos houbo xente que non entendeu que eu saíse en defensa da muller do ex alcalde do PP. Calquera cun mínimo de decencia debería telo feito se coñece a verdade, e menos cun tufo de machismo abafando ao lonxe.

O cidadán é mais listo do que moitos cren, aínda que tenten confundilo. Programa? propostas, propostas e que se vexan diferentes puntos de vista decidindo o pobo soberano.

Un artigo de Xan Galbán Galiñanes

Ningún comentario: