17 de xuño de 2019

ALGUNHAS (NECESARIAS) ACLARACIÓNS POSTELECTORAIS

Como parece que nos últimos días hai algúns interesados en enlamar o terreo de xogo , imos tentar aclarar, na medida das nosas posibildiades, a situación postelectoral:
  • 26/05. Resultados das eleccións: PP 7, PSOE 4, SOMOS CAMBADOS 3, BNG 2, CAMBADOS PODE 1.
    • Con respecto ao 2015, baixan un concelleiro o PP (de 8 a 7) e o BNG (de 3 a 2), e suben PSOE (de 3 a 4) e SOMOS (de 2 a 3).
    • Das 4 forzas do cuatripartito todas gañan votos menos o BNG, que perde 190.
    • As 3 forzas de esquerdas suman 9 concelleiros (maioría absoluta), feito que non sucedía desde o ano 1983.
  • 26/05. Tras coñecerse os resultados, o candidato de Somos Cambados chama á candidata socialista para felicitala e amosarlle a vontade de chegar a un acordo de goberno que facilite a súa investidura.
  • 27/05. O PP anuncia que vai recurrir uns votos nulos, a pesar de conter insultos contra esa organización política e o seu candidato. As posibilidades de que prospere ese recurso son absolutamente inexistentes.
  • 27/05... Víctor Caamaño di q non esperaban a baixada electoral porque "traballamos moito", e plantearanse se estar ou non no próximo goberno.
  • 31/05. A asamblea de Somos Cambados acorda como única condición para votar a investidura de Fátima Abal como alcaldesa a existencia dun pacto de goberno.
  • 02/06. O PSOE comunica que empraza as negociacións sobre o goberno municipal para despois de coñecer a resolución do recurso presentado polo PP, “momento no que xa se perfilará de forma definitiva a composición do futuro goberno”. Ademais, o PSOE di que “non acepta imposicións de datas nin de contido”, e que “non cederá a ningunha chantaxe nin amenaza”... Onde están esas “chantaxes” e “ameazas”?
  • 07/06. Ás 11:00 h., a Xunta Electoral Central, como era totalmente previsible, rexeita o recurso do PP sobre os votos nulos.
  • 09/06. Dous días despois da resolución da XEC, Somos Cambados comunica que a 6 días da investidura non recibíu ningunha chamada do PSOE, e engade que “Somos Cambados non entende porqué se está a adiar tanto a celebración de reunións que favorezan ese pacto”.
  • 10/06. O BNG lamenta a “inxeplícavel actitude” do PSOE por convocar “conversas bilaterais que non conducen a nada”, en vez de convocar “a reunión de negociación”. Din que apostan por un “goberno de esquerdas e nacionalista” e que non asistirán ás reunións bilaterais.
  • 10/06. A candidata do PSOE reúnese con Cambados Pode, que non é decisivo para configurar a maioría, e di en TV Salnés que non convocou reunións de negociación do pacto de goberno porque sería un “ridículo espantoso” facer un pacto de goberno antes de saber o resultado da reclamación presentada polo PP.
    • Durante toda esta semana comezan a asinarse en moitas cidades e vilas galegas pactos de goberno entre as forzas de esquerdas, mentres en Cambados aínda non está nin convocada a primeira reunión entre as 3 forzas que teñen a maioría no Pleno municipal.
  • 11/06. O PSOE convoca unha reunión PSOE-Somos Cambados. Para deixar clara a súa vontade de diálogo e de avanzar no pacto de goberno, Somos Cambados anuncia que asistirá á reunión, pero insiste en que tamén debería estar presente o BNG. Insta a Fátima Abal a convocar canto antes unha reunión entre as 3 forzas. o BNG é citado no día seguinte por ambas forzas, pero decide adiar as negociacións o xoves 13/06 por "problemas de axenda".
  • 13/06. A menos de 48 horas para a investidura celébrase a primeira reunión entre as 3 forzas.
  • 13/06. Trala reunión, o BNG comunica que se reafirma na idea de conformar un “goberno municipal de esquerdas e nacionalista”, e lamenta que “non todas as forzas actuaran con igual rapidez”.
  • 14/06. Na tarde do venres, a poucas horas da celebración do Pleno de investidura, celébrase a segunda reunión entre as 3 forzas.
  • 14/06. Trala reunión e despois de ser aprobado polo organos locais do PSOE e pola asamblea de Somos Cambados, asínase o pacto de goberno entre estas dúas forzas. O BNG rechaza sumarse a este pacto. Por iniciativa de Somos Cambados, respéctanse todas as áreas de goberno que xestionaba o BNG a pesar de perder representación.
  • 15/06. Fátima Abal é investida alcaldesa cos votos das 3 forzas da esquerda.
  • 15/06. O BNG califica de “reparto de botín” o acordo entre PSOE e Somos. Curiosa forma de ver as cousas..., cando non me gusta/interesa o pacto falo de “reparto do botín”, cando estou eu no pacto falo de “pacto que dá cumprimento á vontade da veciñanza”.
Nos últimos días é sorprendente a cantidade de comentarios nas redes sociais de destacados militantes de forzas políticas da esquerda cambadesa, xeralmente ben informados, aludindo a unha suposta avaricia de Somos Cambados nas negociacións. Segundo estas persoas, Somos quería “a alcaldía”, “deixar ao Bloque sen as áreas que xestionaba”, “repartir co PSOE a alcaldía por un período de dous anos cada un”, ou “xestionar Obras, Urbanismo e máis algunhas áreas dos nacionalistas”... Como poderedes comprobar, nada máis lonxe da realidade...
Na primeira reunión coas 3 forzas, Somos Cambados presentou un documento coas súas “propostas para debatilas co resto de forzas progresistas e asinar antes da sesión de investidura un pacto que configure un goberno municipal forte e estable”.
A primeira desas propostas é que, como non podía ser doutra forma, a alcaldía lle correspondía a Fátima Abal. Tamén se propoñía a representación proporcional de cada grupo político na Xunta de Goberno local, na Mancomunidade e nos outros organismos onde está presente o Concello de Cambados (Campo de Golf de Meis, Fondo Galego de Cooperación, etc.), así como a distribución das tenencias da alcaldía en función da representación obtida por cada forza.
Nese documento, Somos tamén propoñía que no caso de que as tres forzas quixesen participar no goberno manterían as mesmas áreas do pasado mandato, aínda que tiveran unha representación menor na nova Corporación. Por tanto, onde está esa suposta avaricia á que se alude interesadamente nas redes sociais...? De avaricia, nada. Máis ben , xenerosidade: Somos Cambados propón que todos os grupos manteñan a xestión das mesmas áreas que no mandato anterior, incluídas as do BNG, a pesar de contar menos representación.
Somos Cambados propoñía que as áreas xestionadas por Cambados Pode fosen xestionadas polas dúas forzas que incrementaron representación... Acaso non é lóxico que aquelas forzas políticas que conseguiron maior respaldo dos veciños e veciñas de Cambados teñan máis áreas de goberno en proporción á súa nova representación?
Outra das propostas presentadas por Somos Cambados nas negociacións foi a redución dun 15 % do coste total dos salarios da corporación, tendo en conta que no goberno municipal haberá un grupo menos que no mandato anterior.
Ademais, nese documento Somos Cambados falaba dunha serie de medidas para garantir un goberno municipal transparente, como o libre acceso de todos os membros do goberno aos expedientes de todas as áreas, ou, tal e como se recollía no pacto de goberno anterior, establecer uns mecanismos de seguimento do pacto para garantir o seu cumprimento.
Nese documento de debate presentado a PSOE e BNG, Somos Cambados propoñía a elaboración dun Programa de Goberno onde se recolleran as principais propostas dos grupos políticos para executar nese mandato. Ao parecer, este é un dos apartados que xerou menos problemas, porque máis alá dun par de matices, a sintonía entre os 3 grupos sobre as propostas que se incluirían no progrma de goberno é practicamente total, como así quedou demostrado nas reunións entre as 3 forzas.
Agora quedan días duros de negociacións onde o resentimento o único que vai facer é poñer paus nas rodas da formación do futuro goberno de esquerdas e nacionalista de Cambados. Señorxs a remangarse e a traballar e non boten órdagos que despois non sexan quen de defender na rúa.

Ningún comentario: