27 de out. de 2020

AMIZADES PERIGOSAS

Vimos de presenciar atónitos nas dúas últimas semanas como o BNG e o PP se daban a man para defender a sanidade pública. Si, os de: “A culpa de quen é, dos que votan ao PP” non tiveron ningún reparo en que os Populares participasen de sendas concentracións, é máis, na de O Grove nas súas Redes Socias mentres por un lado lle agradecían a presenza, polo outro lle botaban a culpa a Xunta de Galicia.

Vendo esta situación tan... tan sorprendente (por dicir algo) venme a cabeza a cara que poría o meu vello se tivese oportunidade de que lle contara tal suceso, seguramente non daría crédito e me diría que si non o vía, non o cría, que podía ser que o PP se prantase de xeito cínico a apoiar unha concentración en favor dunha sanidade pública, pero de que o BNG lle dese as grazas... eso non o vería posible.

E é que a política a miúdo fai estraños compañeiros de cama, pero non tanto. E a un, que non quere ser mal  pensado, véñenlle reflexións de amigos e coñecidos en conversas de sobremesa, nas que dicían aquilo de que o BNG agradece ser o primeiro partido da oposición de un PP forte, porque se produce unha especie de retroalimentación entre ambos. Pero como ben acabo de dicir, non quero ser mal pensado, máis agora que o Bloque e Ana Pontón son a gran esperanza dos que queremos que o mandato de Feijoo finalice en 4 anos.

Vendo estas cousas neste 2020 que nos veu de cu dende o inicio, pois a un dáselle por pensar nese electorado fiel do BNG que agora ve como os seus “deixan” participar aos “peperos” dunha concentración para defenderen a sanidade que o propio PP se ocupou de trocear e repartir entre amigos e coñecidos. E tamén se me dá por pensar naqueles grandes referentes da UPG que sempre estiveron en primeira liña para dar a batalla pola sanidade e que agora se ven compartindo “manifa” con Luis Aragunde e compañía.

Xa non che sei que pensar, ao mellor o raro son eu ao pensar que manifestarse da man daqueles que están a matar a sanidade pública non é a mellor opción, sonche tempos de cambio e un pode quedar en fora de xogo con moita facilidade, aínda que sempre nos quedará o VAR para a revisión da xogada, porque o Bar para comentala tamén está a pasar malos momentos... pero esa xa é outra historia

Ningún comentario: