16 de nov. de 2013

O GRUPO AFINCADO EN CAMBADOS, TREIXADURA, NOMINADO OS PRIMEIROS PREMIOS DE MÚSICA MARTIN CODAX

NA CATEGORIA DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
Esta noite Treixadura recolleu a nominación de Finalista aos Premios Galegos da Música
MARTÍN CÓDAX, na categoría de Música Tradicional Galega, xunto con Davide Salvado e Cantigas e Agarimos. O día 13 de decembro saberemos quen é o gañador.
Os Premios Galegos da Música Martín Códax están promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, e nacen nun contexto que reborda creatividade musical pero adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado –asunto nada sinxelo-, moi probablemente se rebelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura
galega.
Os galardóns que propoñen teñen, xa que logo, uns obxectivos que van moito máis aló da autocomplacencia e o autobombo dos músicos, para sumarse a esa idea de ‘facer país’ na que tantos axentes traballan a diario. Estas son as principais metas dos premios:
RECOÑECER a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas. Revelar novos talentos da escena musical galega e achegar a música e o seu proceso de produción ao público.
FACER RENDIBLE O POTENCIAL DA NOSA MÚSICA. Músicos ao Vivo é consciente do
tremendo potencial que a Música Galega ten. E teñen presente que a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia non chega a tódolos sectores da poboación tal e como debería. Músicos ao Vivo entende a música galega dun xeito aberto, universal e inclusivo, sen poñer cotas estilísticas ou doutra índole. Aí reside a nosa riqueza. Cremos que é momento de facer sentir a presenza do sector produtivo con máis potencial dentro da cultura galega, e de tirar del toda a rendibilidade que é quen de producir. Os premios axudarán a promover a música creada en Galicia non so dentro do país, senón tamén a nivel estatal e
internacional, ampliando deste xeito a actividade económica deste sector no exterior.
FACER VISIBLE TODO UN SECTOR. Os Premios Galegos da Música Martín Códax darán visibilidade á Música Galega. Con carácter xeral, poñendo nos medios a todo un colectivo de creadores, a toda unha industria, e a toda unha comunidade comprometida coa cultura musical galega; e de xeito particular, resaltando 3 proxectos concretos por cada unha das 13 categorías premiadas, ademais da mención honorífica a toda a carreira artística de un/unha músic@ galeg@. Os Premios Galegos da Música botarán luz sobre 39 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo.
CATEGORÍAS
1. Mellor Proxecto Musical Galego de Pop e Indie.
2. Mellor Proxecto Musical Galego de Rock, Blues, Funk e Soul.
3. Mellor Proxecto Musical Galego de Metal.
4. Mellor Proxecto Musical Galego de Hip Hop e Músicas Urbanas.
5. Mellor Proxecto Musical Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe.
6. Mellor Proxecto Musical Galego de Electrónica.
7. Mellor Proxecto Musical Galego de Música Clásica e Contemporánea.
8. Mellor Proxecto Musical Galego de Jazz e Músicas Improvisadas.
9. Mellor Proxecto Musical Galego de Música Tradicional Galega.
10. Mellor Proxecto Musical Galego de Folque.
11. Mellor Proxecto Musical Galego de Músicas do Mundo. (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas, etc...)
12. Mellor Proxecto Musical Galego de Música Infantil.
13. Mellor Proxecto Musical Galego de Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena.
PREMIO HONORÍFICO Músicos ao Vivo. En cada edición dos Premios Galegos da Música entregarase un Premio Honorífico a un/unha músico galeg@, que pola súa traxectoria artística e dedicación á música ao vivo, constitúa un referente para as novas xeracións de músicos. O premiado ou premiada de cada edición decidirase en Asemblea Extraordinaria de Músicos ao Vivo.

TREIXADURA, MEU AMOR
TREIXADURA constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita. TREIXADURA é sinónimo de música tradicional, ritmos, cantigas e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romarías máis populares coma nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce bailando, cantando e escoitando a música dos seus 15 compoñentes que, provindo de propostas musicais variadas, teñen en común o gusto e o respecto pola música tradicional, motivo abondo para que hoxe representen e dignifiquen este proxecto. 20 anos de gravacións e concertos, 5 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas, e vida en común. Dúas décadas compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do
canto colectivo. O NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO: “Esa si que é muiñada”. (Treixadura, 2011) é un traballo que pretende revivir a música e os cantos populares que aínda se agochan no substrato dun pobo que garda con celo o seu patrimonio cultural. Para desenvolver toda esta declaración de intencións o grupo conta coa colaboración dos coros decanos galegos “Cantigas e Agarimos” (Santiago de Compostela) , “Cántigas da Terra” (A Coruña), “Real coro Toxos e Froles” (Ferrol), a “Coral De Ruada” (Ourense) e a “Agrupación Musical de O Rosal” (O Rosal, Pontevedra) “Esa si que é muiñada” é hoxe unha lúa crecente, case chea, que albisca a fin dun ciclo e, ao tempo, o inicio dun novo. Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas, que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e a música. O grupo Treixadura está formado por: Toniño López: Tambor César Longa: Acordeón Pablo Nogueira: Gaita Magoia Bodega: Gaita e bombo Xaquín Xesteira: Gaita Orfeón Treixadura (10 voces): Alberte Raposo, Delio Domínguez, Toño D. Fontenla, Moncho Marín, Álvaro Lamas, Gustavo Cuntín, Mingos Lorenzo, Antón Cabaleiro, Xurxo Raposo e Pablo Rei.


Ningún comentario: