7 de ago. de 2014

“O CAMBADÉS”

UN TRABALLO DE XAIME PILLADO.
Contanos Xaime que todo empezou un día tomando un café co seu amigo  Cantero ,  e tentando explicarlle (explicarñe en cambadés) a Xulio Gayoso (profe do Cabanillas) o siñificado dalgunhas cousas que diciamos. Pasou a escribilas, pero pouco a pouco foise estancando, porque algunhas repetíanse, outras necesitaban "matices", "precisións",....., outras danse en outros sitios que non son Cambados,... O listado queda aberto para todo o mundo... e que rule. Incluso podería ter unha coletilla "clásica" do tipo: "se non reenvías este email a todos os que pensen que están orgullosos de ser cambadeses, non volverás a oir falar do Chupadoiro, da praia da Ostreira, da taberna de Alsira, do taller de jamelas de señor Isaac, da academia de don Nasario, da jasolinera de Tinita,........ en fin de moitas cousas. 

O CAMBADÉS
* O cambadés non toca, nin soba, ...o cambadés “majarea”
* En Cambados non se abre a fiestra de par en par, … ábrese “de lais a lais”
* Cando un cambadés disfruta é que está “fasendo majas”
* O cambadés é capaz de ter un “chocho” en calquera parte do corpo
* En Cambados non interveñen costureira nin xastre para un “cosido”
* No caso que un cambadés teña que comparar ou asemellar, …. di “hai cada…”
* O cambadés come pataca ou pescada “cosida”  e non colle o VIH
* Un cambadés non é pelotillero, … é “valixero”
* O cambadés non reta nin desafía, … contesta “ti a min”, “non te apuro”, … (tamén existe a variante “qué medaso”, anque algún violento de Santomé pode amenazar con “darche un xarduaso”)
* O cambadés non desconfía nin é incrédulo, … contesta “á tarde” ou “que me jisan”
* O cambadés cando coñece a un temerario accidentado está ante un “tomapolocú”
* Cando o cambadés se apea dun coche … “salta en terra”
* Cando o cambadés sente vergoña allea ….. pensa “que me lapan os bichocos”
* Cando o cambadés está despistado ou indeciso … está “aboiado”
* Cando algo é abundante …. haino “a maso”, pero se xa está cheo entón … está “de bote en bote”
* Se hai que recoñecer a valía ou trunfos de alguén … “tíralle da brensa”
* Se lle gustan moito os pasteis a un cambadés é un “julicheiro” (ou “julichas”)
* O cambadés non está desorientado, é que … non “ve a boia”
* O cambadés non tén referencia temporal con Atapuerca, tena …. coas “Joritas”
* Se lle das moito a lata a un cambadés, mándate …. a xunto “Balboas”
* O cambadés dáse conta dunha trampa cando di “patacas da Chata”
* Cando o cambadés se converte nun impresentable pasa a ser un “chaca”
* O cambadés casa de penalti cando lle vai “o aparello á hélise”
* Un cambadés non dí mentiras, “mete bojas”
* En Cambados os mecanismos artesans, sen maquinaria, funcionan “a pan de millo”
* Cando un de fóra protesta polo mal tempo, o cambadés dille “esto abre” 
* Cando a un cambadés o collen nunha situación comprometida, está “antro millo”
* O cambadés non sabe o que é un flechazo amoroso, pero si ...”chejar e encher”
* Se queres ir máis rápido en Cambados ... “dalle calor”
* Se un cambadés se quere desinteresar de algo ... “faise de Cobas”
* Cando o cambadés empeza a exaxerar hai que dicirlle... “apaja a moto”
* Cando a un cambadés queren botalo dun sitio ... “chímpateme fóra”
* Se o cambades quere asegurar algo ... “amarra o chicote”
* Un ximnasta en Cambados non fai volteretas ... fai “chumbalajatos”
* Se o cambadés xa non cre o que le din ...advírteche ”fala pa un menos”
* O xuramento dos cambadese de boa familia é ... “arre carolo”
* Cando o descontrol e o caos é moi grande en Cambados ... “arde o mundo!”
* Se non queres verte involucrado en algo ...”sáfate Marín que eu xa me safín”

Xaime Pillado foi profesor ate a súa xubilación de Xeografia e Historia no I.E.S. Ramón Cabanillas de Cambados.

1 comentario:

Unknown dixo...



Ja Ja Ja moi bo e real