No último Albariño, vendo un home cunha vida plena a
tantos niveis e tan feliz, era difícil imaxinar que un par de meses despois
iamos ter que acostumarnos a vivir sen el.
Non vos minto se vos digo que ser fillo de Chon era ben
fácil, un pai sempre disposto a todo polos seus fillos, un pai atento, un pai
que puxo todo o necesario a nosa disposición para que a nosa vida fose pouco
menos que un camiño de rosas.
Realmente a decisión que tomei de continuar con esta
bitácora, non foi unha decisión en si mesma, máis ben foi unha obriga de
fillo... como se no momento do seu pasamento adquirira unha débeda co pobo de
Cambados.
Dende outro punto de vista pódese dicir que algunhas
persoas cando morren deixan en herdanza as súas familias: casas, coches, motos,
barcos... No caso do meu pai a parte de todo o inmaterial que nos deixou,
deixounos algo de moito máis valor que os bens que enumeraba... un legado en
forma Blog, que é un referente na Rede Cambadesa. E o igual que a xente vive
nas casas, conduce os coches e motos ou traballa e navega nos barcos que herda,
eu, e tamén a miña familia, considerámonos no deber de continuar con este legado.
Imos a levar a cabo a tarefa tendo na cabeza e no corazón
todo aquilo no que el cría e todo aquilo que el defendía: os valores da
tradición e a cultura galega, o seu Cambados do cambio polo que tanto loitou e
que polo menos tivo a oportunidade de ver, a loita por todas aquelas causas que
a maioría dan por perdidas e... A FESTA... creo que a todos nos é imposibel
pensar no meu pai sen telo relacionado con algún tipo de celebración.
Para rematar dicir que nas vindeiras semanas iremos dando
a coñecer os diferentes colaboradores cos que imos contar e recordarvos que o
fin último deste blog será o que sempre foi... remover conciencias sen intentar
adoutrinar a ninguén.
Música: Ama, ama, ama y ensancha el alma de Extremoduro
2 comentarios:
Noraboa rapaz el sentirase moi feliz
Adiante, con forza, como a él lle apetecía, como él sabía facer. Unha aperta meca.
Publicar un comentario