26 de nov. de 2020

A XUNTA REBAIXA IMPOSTOS A CASINOS, BINGOS E CASAS DE APOSTAS MENTRES CONDENA Á HOSTELERÍA A UN PECHE INDEFINIDO

  • A Xunta perdoa entre o 20% e o 30 % do que debera pagar o sector do xogo en 2020 e rebáixalle os impostos durante 2021.

 

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hai 3 semanas o congreso da patronal do xogo cun discurso no que felicitaba a este sector por ser responsable coa Covid e xerar riqueza.

 

  • Pío Cabanillas (ex ministro de Aznar), Rafael Catalá (ex ministro de Rajoy), Alberto Núñez Feijóo (presidente da Xunta), Alfonso Fernández Mañueco (presidente da Junta de Castilla y León) e Andrés Ayala (deputado no Congreso durante 16 anos e ex consejero do Goberno autonómico murciano) son as principais conexións do PP cos grandes empresarios do xogo.


A Lei de acompañamento dos presupostos para 2021 da Xunta xustifica a rebaixa de impostos ao xogo nos casinos, bingos e casas de apostas pola necesidade de establecer un beneficio fiscal que axude a este sector a paliar os efectos que tivo no ano 2020 a pandemia. Esta rebaixa de impostos para o sector do xogo chega despois de que  Feijoo facilitara a actividade nestes locais durante a pandemia cunhas restricións moito máis leves que as aplicadas á hostalaría co argumento de que neses establecementos a xente non “interactúa” como nos bares.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou o 29 de outubro en Santiago, hai menos dun mes, un encontro coa patronal do sector do xogo baixo o título “Vuelve el juego” cun discurso no que eloxiou ao sector por xerar riqueza e pola responsabilidade demostrada “polo voso cumprimento das medidas ante a pandemia, sen que se dese un só contaxio nos locais de xogo“. Nese mesmo evento comprometeuse a reflexionar sobre “todo o que ten que ver coa fiscalidade” do sector porque “é moi difícil esixir que se tribute por ganancias cando non se están tendo”.

Durante a pandemia, a regulamentación deste sector estivo no centro da polémica, xa que a Xunta permitiu que casinos, bingos e demais espazos de apostas gozaran dun horario de peche máis amplo que os bares, o que facilitaba que a clientela da hostalaría puidese continuar consumindo en espazos de xogo ata as 4 da madrugada.

Esta boa relación do PP cos grandes empresarios do xogo non é nova. Segundo unha reportaxe do dixital Huffington Post, publicado a finais do pasado mes de setembro, Pío Cabanillas (ex-ministro de Aznar), Rafael Catalá (ex-ministro de Rajoy), Alberto Núñez Feijóo (presidente da Xunta), Alfonso Fernández Mañueco (presidente da Junta de Castilla y León) e Andrés Ayala (deputado no Congreso durante 16 anos e ex-consejero do Goberno autonómico murciano) son as principais conexións do PP cos grandes empresarios do xogo.

Por citar só un exemplo, o ex-ministro de Aznar, Pío Cabanillas, foi nomeado conselleiro de Codere, obtendo importantes contratos desta operadora para a súa empresa particular. En só dous anos, e sen contar a súa retribución anual como directivo, facturou 708.000 euros a Codere por servizos de “asesoría institucional, comunicación, marketing y otros”. Hai uns días ElDiario.es informaba que Codere mantivo a remuneración de todos os seus conselleiros, incluído Pío cabanillas, que percibiu só entre xaneiro e setembro deste ano 150.000 €.

Desde que o goberno de Rajoy aprobara en 2011 a Ley de Ordenación del Juego este sector non fixo máis que medrar, intensificándose as relacións entre o PP e as grandes empresas do xogo. Desde ese ano a propagación das casas de apostas foi exponencial, cunha incidencia maior nos barrios máis pobres das cidades. Así, no distrito de Puente de Vallecas (Madrid) xúntanse 10 locais de apostas en apenas 250 metros.

Por desgracia xa son moitas as familias que coñecen os efectos das casas de apostas. O que en principio parecía un mal dos barrios obreiros das grandes cidades, estase estendendo con rapidez por vilas e pobos de calquera tamaño e condición ata converterse na chamada “heroína do século XXI”.

O presidente da Asociación de Vecinos de Tetuán y Cuatro Caminos de Madrid, Antonio Ortiz explica a orixe deste problema: “Neste mesmo barrio, nos anos oitenta, vimos unha xeración destruída pola heroína, que ao principio se pensaban que era como tomar “cubalibres” e logo resultou devastadora. Vimos mortos, vimos afectados de por vida, vimos máis delincuencia. Agora estamos vendo algo parecido, as apostas son a heroína do século XXI, é menos evidente á vista pero tamén cremos que pode ser moi prexudicial. Non queremos que isto se repita”. Alí esta situación xa é unha realidade palpable.

Pero ante esta realidade, cal é a resposta que nos atopamos por parte do partido que goberna aos galegos e galegas? O PP é parte do gran negocio que se está a erixir da man das casas de apostas, e así ex-ministros dos gobernos de Aznar ou de  Rajoy utilizaron a porta xiratoria para situarse nos consellos de administración de grandes empresas do sector. A conivencia da Xunta co sector do xogo queda clara nesta publicación.

Seguro que é o tratamento que queremos os galegos e galegas para un sector que pode traer ás nosas vilas e barrios problemas moi similares aso vividos na década dos 80?

Esta publicación foi elaborada coas seguintes informacións:

https://praza.gal/economia/a-xunta-rebaixa-impostos-ao-xogo-en-casinos-bingos-e-maquinas-para-paliar-os-efectos-da-covid?fbclid=IwAR1gntllHtxfKp0NXEc6hpGYIqMHn-yEVLdbGYJ2M94KtNFqgHBqL5rtM2o

https://www.huffingtonpost.es/entry/empresarios-del-juego-y-politicos-del-pp-una-relacion-mas-alla-del-azar_es_5f68b5e5c5b6b9795b144777?fbclid=IwAR3feLJO4UDKOxqHTfRe6UNhWouMqlFJ5Tx5O7PZezddt8FAQcB_gx4hLFY

https://www.xataka.com/especiales/apuestas-heroina-siglo-xii-asi-como-apuestas-online-han-conquistado-espana?fbclid=IwAR0-i90pYtCJV9OEv9gMbonXhsyy40UkYPKcYxKsI1KA0nFUFfpNGo6nGFQ

Ningún comentario: