31 de xan. de 2021

O AXEXO DO DÍA. Por Xan Galbán


 O SALNÉS,UNHA COMARCA SEN ESTRUCTURAR

Non hai moito, no Concello de Meis, no alto do val do Salnés, apareceu nunha escavación arqueolóxica, a marmita ritual dos castrexos, esmagada supostamente polas sandalias do novo colonizador da área, os romanos. Rapidamente veu ao meu maxín as aventuras de Astérix e Obélix de Goscinny e Uderzo das que tanto disfrutei cando preadolescente na biblioteca do Colexio Salesianos de Cambados.

Os castros da comarca son ben deles, máis que en outras comarcas do país e parece que ben poboados. Tiñan  a organización do territorio ben pensada, cos Castros rodeados por balados defensivos en lugares estratéxicos e militares, campos de cultivos primixenios, con arbolado para as necesidades perentorias do día a día. Habíaos nos cumios altos do val, e os máis a rente do mar. Pero o novo imperio que entrou por terra e xa comerciaba por mar, crearon a vía barrosa -non é que antes ninguén viñera por aquí, o asentamento de Adina, en Sanxenxo, borrado por Cuíña Crespo, e as Sete Pías en Vilariño, borrado pola iñorancia e a especulación cambadesa, son exemplos do nomadismo precastrexo- para acarretar as mercancías dos derradeiros confíns do imperio. Ao Salnés, esencialmente chegaron por dúas materias primas que diron nome á comarca, o sal, e a vía que comezaba en Caldas de Reis e remataba en Meaño, o barro. Ladrillos e tellas para as novas cidades cuadriculares e con casas rectangulares saían dos barros e fornos na ensenada da desembocadura do Umia. Ata hoxe chega esta industria en Dena, inda que hoxe  son verdadeiramente almacéns. En todo caso, o ouro da época era o sal. O Grove e a  ensenada de novo, xunto co poder eclesiástico en Cambados e as naves cheas de ouro salgado na idade media  son claros exemplos da preindustrialización.

Daquela, ata mediados do Século XIX, case todo o transporte non era a terra o seu medio de distribución de materiais, senón a ría. Dende un buque nodriza anclado  no medio da ría saían dos diferentes portos pequenos de toda a costa, barcos, chamados Galeóns, pensados para entrar o máis dentro posible da praia, axudados polo vento arousán, para arramblar co material  o máis preto posible á terra. Xa sei, sóavos dos anos 80 do Século pasado. Non hai nada novo. O primeiro carcamán ou contrabandista datado foron os Mariño de lobeira de onde Castelao se inspirou para o novo blasón de Galiza.

Moito mudou a ría dende hai milenios, non só pola presenza humana, senón por que a tectónica de placas fai que Galiza se funda, sendo as rias baixas onde máis se intúe esta transformación da paisaxe. O glacial do Ulla, as terras asulagadas hoxe, do que foron terras de labradío dende Vilanova á illa da Arousa, dende Cambados ata O Grove, de Vilagarcía ata Cortegada. Todo muda, todo. Pero o maior cambio coa intervención do home dáse no século XX. O territorio vai estar máis humanizado ca nunca. A aparición do novo réxime capitalista en todo o Estado, máis tarde que nas nación veciñas e máis aínda en Galiza, agás os primeiros intentos da burguesía catalana coa transformación dos salgadoiros de peixe por Conserveiras, fan que entendamos o custo do avanzo do progreso. Así chegou o futuro en forma de locomotora ao Salnés, a Vilagarcía máis ben.

Tanto na ría norte coma na do sul, só chegaba o progreso do que falaba Curros Enríquez a un punto, Vilagarcía.

Hoxe, con todo o que pasou no século XX, mesmo agasallándolle a illa de Cortegada a Vila de Carril a El rei Alfonso XIII para que construíra un palacete de verán coa intención de traguer turismo e inversións á comarca, só trunfou o Grande Hotel da Toxa e o único Casino de xogo da comarca.

Mais foi o tren, as inversións no Porto de Vilagarcía, o que industrializou un pouco o val.

O demais, despois do desastre da guerra civil, escapando do control estatal en Vigo, cando apostaron as industrias conserveiras en todo o Salnés.

Con todo o que levo escrito, o Salnés segue a ser unha comarca viva, emprendedora, que rebasa os 100.000 habitantes, e outros tantos no Barbanza. A ría de Arousa segue a ser conxuntamente, unha grande cidade en Galiza, unha zona que se fixo a si mesma pese a todo. Pese a que un cambadés se quere ires á Arousa á illa, ten un autobús, só un autobús que "pasa" pola Arousa. Pese a que se tentou comarcalizar os servizos públicos, témolos duplicados. Que O Grove nunca foi tan istmo como o é agora. Segue alonxada de todo. Fíxose unha vía de alta capacidade a Sanxenxo para que os da Xunta chegaran antes ao chalet, cando se tería que chegar antes á Vilagarcía industrializada. Fanse as cousas pensando no político de turno, na contra de ter un concepto de país na "cachola". Xa só nos fai falla que alguén pida un aeroporto internacional ao carón da Illa da Toxa. Non entendemos que a eficiencia está en que un viaxeiro dende A Coruña ten que estar en Lavacolla en dez minutos nun tren que chegue directamente ao aeroprto, e nunha hora máximo dende Vigo.

O Salnés precisa coa máxima urxencia  dun transporte que una O Grove con Vilagarcía cada hora. Gañaríamos todos. Precisa que a ría non se contamine máis do que está. Aquí o PP debería responder, onde están as obras con fondos europeos para o saneamento? Non podemos construír en calquer lado, nin promover todos os sectores produtivos en todos os lugares.

Así, querido cidadán, non se vai máis que a perder todos os trens. A Xunta debería ser o máximo garante disto pero pérdese hai tempo en non gobernar, por que gobernar a curto prazo é perder votos. A longo, é a Gloria e ela, como o corno da abundancia hai que lle soprar moito e entre todos.

Tamén poderiamos cair na marmita sagrada de Meis, pero esto só lles está permitido aos grosos coma Luis, Xurxo ou eu.

Ningún comentario: