6 de nov. de 2010

XIX FESTIVAL DE BANDAS DE MÚSICA POPULARES EN CASTRELO

Cento vinte anos non se cumpren todos os días. Por iso a banda de música de Castrelo quixo festexar a ocasión ao grande. Farao durante o seu xa tradicional festival de bandas, que se celebrará o domingo nas instalacións da adega Condes de Albarei. Polo escenario pasarán tres agrupacións de música: a de Castrelo, a de Beade e a de Ribadumia. Tamén, decenas de fotos que tratarán de contar a historia dunha entidade que superou o centenario en moi bo estado de saúde.
«É un orgullo ter durante tantos anos un festival desta calidade», explicou o alcalde de Cambados, Luís Aragunde. E é que, ademais de cumprir 120 anos, a banda de Castrelo festexa tamén a decimonovena edición do seu tradicional festival de bandas. A cita será o domingo, a partir das catro e media da tarde, en Condes de Albarei. A entrada, como xa é habitual, é libre e gratuíta. Se o tempo permíteo, o espectáculo comezará cun pequeno desfile de todas as agrupacións participantes polos arredores da adega. Posteriormente, subiranse ao escenario as agrupacións de Beade e Ribadumia, ademais da banda anfitrioa. «Queremos invitar a toda a xente a que veña ao festival», explicou onte José Padín, presidente da asociación Manuel Padín Sotelo. «Temos que animar aos veciños dá comarca a que veñan a desfrutar desta tarde de música», engadiu Xaquín Xesteira, integrante da banda, a quen nos gostaria ver dando clase de instrumentos tradicionais nese Auditorio de Cambados, a ver cando se entera o Alcalde Luis Aragunde que ten a súa disposición o mellor gaiteiro de Galicia.
Xaquin Xesteira e os seus fillos Anxo e Roi nunha actuación
da Banda de Castrelo no Auditorio de Cambados.
Cada banda interpretará un total de tres pezas, «e un tema de composición galega que vai gustar moito», explicou Xesteira. Ademais, a agrupación de Beade interpretará o popular A pedra dá serpe , «que sen dúbida será do agrado de todos». A banda de Castrelo, pola súa banda, terminará a súa actuación cunha peza galega, que estará acompañada por unha gaita, por suposto, interpretada polo propio Xesteira.
Os responsables da banda non quixeron esquecerse dos máis pequenos da casa e animaron a todos os pais a levar aos seus fillos a este concerto. De feito, publicitaron o certame nos colexios. Tamén animaron aos pais a matricular aos escolares na escola de música e no conservatorio. Só así se garantirá «que haxa máis músicos para a banda», explicou Javier Cousido, directivo da agrupación de Castrelo. Da dirección da banda encárgase actualmente José Bugallo, que tamén dirixe a escola de música e o conservatorio cambadés. «Queremos que esta colaboración que se inicia entre escola e banda siga adiante», concluíu. Por outros 120 anos.
Nova extraída de "A Voz de Galicia".

Ningún comentario: