A CIG-ENSINO GAÑA AS ELECCIÓNS SINDICAIS NO ENSINO PÚBLICO NON UNIVERSITARIO NA COMARCA DO SALNÉS, CELEBRADAS O 9 DE DECEMBRO DE 2010
A CIG-Ensino Salnés quere agradecer publicamente a confianza e o apoio, moi maioritario, que, unha vez máis, o profesorado da comarca nos vén de outorgar, xa que significa un recoñecemento explícito ao traballo desenvolvido durante estes anos e unha adhesión ás reivindicacións e propostas defendidas pola CIG-Ensino, así como un aval ao único modelo sindical galego, participativo e próximo ao profesorado que aposta por un ensino público galego, democrático, laico e coeducativo.
O Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, no mes de Setembro vía con preocupación un posible avance electoral da CIG-ensino, pois iso podería interpretarse como unha valoración negativa das actuacións da propia Consellería.
![]() |
Xabier Rodriguez |
Pois ben , velaquí os resultados. O Sr. Conselleiro de Educación debe tomar boa nota do apoio maioritario do profesorado á CIG-Ensino que significa unha reprobación á política educativa da Consellaría, fundamentada na aposta polo ensino privado concertado en detrimento do público, na desconsideración e recorte de profesorado nos centros, o ataque permanente ao noso idioma e nunha actitude autoritaria e antinegociadora da Consellaría de Educación.
O apoio á CIG-Ensino é a aposta por un sistema educativo galego, baseado na equidade e igualdade de oportunidades, na prevención do fracaso escolar e na revalorización da función pública docente e o rexeitamento ao decreto 79/ 2009 de plurilingüismo no ensino e no restabelecemento do consenso acadado no plano xeral de normalización.
A CIG-Ensino exixirá a apertura de negociacións para acadar unha lei galega de educación, un estatuto do profesorado galego, maiores orzamentos para o ensino público, o restabelecemento dos nosos salarios e das pagas extras, a consecución do dereito indefinido a nos poder xubilar anticipadamente, a redución do número de alumnos/as por aula, o restabelecemento da xornada reducida de xuño e setembro, a redución horaria aos maiores de 55 anos, amplas ofertas públicas de emprego, a dotación de profesorado suficiente nos centros, a dotación de administrativos/as en todos os centros e a estabilidade do profesorado interino, etc.
Nos centros de Cambados conseguimos 126 votos o 67,74% dos votos.
Finalmente, aproveitamos a ocasión para agradecer de maneira especial a todos os compañeiros e compañeiras docentes que desde a candidatura da CIG, co seu traballo nos centros, contribuíron ao logro deste éxito.
Fco. Xabier Rodríguez – Secretario Local da CIG-Ensino Salnés.
BULE E PARTICIPA!
Anímate a construír unha presentación de Nadal electrónica, para felicitar estas festas. Coas presentacións máis xeitosas elaborarase unha galería, para que este Nadal rule en galego na rede.
Envía a túa proposta antes do 20 de decembro de 2010 e poderás gañar un lote de produtos de lecer.
1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca un CONCURSO DE PRESENTACIÓNS DE NADAL EN FORMATO DIXITAL, para promover o uso da lingua galega na comunicación propia destas festas e no ámbito das novas tecnoloxías.
2. As presentacións (en formato .ppt, .pptx ou .odp) deben incorporar texto e este ha ser redactado en lingua galega. Evitarase incorporar audio, a non ser que este sexa de autoría propia. A extensión máxima da presentación é de dez diapositivas.
3. O tema das presentacións debe estar vinculado ao Nadal (para felicitar o Aninovo, Día de Reis, Festas de Nadal en xeral, etc.).
4. As presentacións deben ser orixinais e non poden estar publicadas previamente nin premiadas noutros certames.
5. Os traballos seleccionados formarán parte dunha galería de presentacións que estará dispoñible no espazo web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega
6. O envío das presentacións farase por correo electrónico ao seguinte enderezo secretaria.xeral.politica.linguistica.web@xunta.es, indicando no asunto “Concurso Nadal 2010”.
A mensaxe non debe vir asinada, senón que debe anexar, xunto coa presentación, un documento de texto no que conste o nome e apelidos do/a autor/a e, opcionalmente, un teléfono de contacto.
A conta de correo remitente será o contacto co autor ou autora. A data límite de envío de presentacións é o 20 de decembro de 2010.
7. O xurado estará formado por persoal técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que escollerá as tres mellores presentacións que obterán premio, así como a selección de traballos que formarán parte da galería exposta na web de Política Lingüística. O xurado dará a coñecer a súa decisión antes do día de Nadal.
8. Outorgaranse tres premios consistentes nun lote de produtos de lecer en galego (libros, cómics, cds e dvds) para cada un dos gañadores ou gañadoras. Non se entregará máis dun premio por participante.
9. As fotografías, imaxes, mensaxes e, en xeral, calquera contido empregado, así como calquera reclamación en relación cos mesmos, son responsabilidade exclusiva dos autores das presentacións.
10. A participación neste concurso implica a autorización automática á Secretaría Xeral de Política Lingüística para publicar a presentación. Así mesmo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística reserva para si o dereito de corrixir os erros lingüísticos que poidan aparecer no texto, co fin de evitar a difusión de presentacións incorrectas.
11. A participación neste concurso supón a aceptación destas bases e do ditame do xurado.
CURSO DE MANIPULADOR DE ALIMENTOS
O Centro Comarcal do Salnés, con sede no Paseo da Calzada, s/n, Cambados, acollerá o próximo día 17 de decembro, un curso orientado á obtención do carné ou certificado de manipulador de alimentos. Será impartido entre as 17:00 e as 20:00 horas do venres desta semana. Organizado pola empresa Enatop, será impartido por entidade de formación autorizada pola Xunta de Galicia, con número de Rexistro 101/Ga. O curso vai dirixido a calquera persoa que traballe ou queira traballar no sector da alimentación: hostelería, panaderías, pastelerías, pescaderías, carnicerías, comercio minorista, supermercados, distribución, venta ambulante, sector vitivinícola, industrias agroalimentarias, etc.

Centro de Desenvolvemento Comarcal do Salnés, Paseo da Calzada s/n, 36630 Cambados (Pontevedra), Tl.: 986 52 60 13 - Fax: 986 52 40 12, Correo electrónico: ccsalnes@comarcasdegalicia.com
RECITAL POÉTICO EN O GROVE
A popular Carmen Castejón organiza o vindeiro 22 de Decembro ás 20.30 horasun espectáculo poético Baixo o titualo “Cantos de Amor e Poemas desesperados para un Nadal esperado”. O Ricital terá lugar na Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey de O Grove.
Carmen Castejón Cabeceira. - Pontevedra, Galicia, 1964. Poeta , Escritora e artista multidisciplinar. Embaixadora Universal da Paz En España, designada polo Circulo Universal De Embaixadores da Paz de Xenebra
Carmen Castejón |
Formou parte do consello de redacción da revista Auca, sendo o seu representante en prensa. prestou a súa colaboración a medios de comunicación e diversas revistas de creación literaria. Escribe nas súas dúas linguas: castelán e galego. puxo en escena os seus versos en numerosas ocasións e ofrecido conferencias na Fnac e ámbito cultural do Corte Inglés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario