20 de xan. de 2011

HOXE FALAMOS DE: FESTA DO ALBARIÑO 2011, A BUXAINA, AS NOVAS INGLESAS E CONTACONTOS

AS ACTUACIÓNS DO ALBARIÑO 2011 DÉBENSE CONSENSUAR CO PSOE E BNG
O Alcalde de Cambados , José Manuel Cores Touris, perdón Luis Aragunde ven de presentar en Fitur a Festa do Albariño definíndoa como “Un Gran evento dinamizador do sector vitivinícola”, só lle faltou engadir ademais de “celebrar a festa anual do Partido Popular”. Nos coidamos que este ano é ben distinto toda vez que no vindeiro 22 de maio os cambadeses temos unha cita nas urnas para decidir quen nos vai seguir gobernando catro anos mais, polo que entendemos que todo orzamento da festa do Albariño 2011 debe consensuarse coa oposición , é dicir, co PSOE e BNG, porque supón unha partida de gastos moi importante dentro do orzamento do Concello de Cambados , e un partido que mellor ten que deixar de gobernar non pode hipotecar o futuro do noso pobo. É necesario este consenso.

REVISTA DIXITAL DO I.E.S. FRANCISCO ASOREY
Esta publicación nace como un proxecto interdisciplinar dirixido desde os departamentos de ciencias coa intención de que teña continuidade e unha periodicidade mensual.
Escolleron o nome Buxaina por ser este un elemento que ten que ver coa ciencia (a física do movemento, a acción) e coa tradición (un xogo que aínda pervive no noso entorno, aínda que cada vez máis escaso).
Queren que revista responda a un criterio científico de busca de información, investigación, sentido crítico, capacidade para comunicar, pero tamén que se entronque na realidade cotián do seu alumnado. Queren tamén, como o seu nome indica, que sexa activa, que amose as inquedanzas do profesorado e o alumnado e que se meta nas casas a través das pantallas dos ordenadores.
Pero, tamén, e non menos importante, queren que sexa un compromiso permanente coa nosa língua, o medio ambiente a a sostenibilidade.
Dedicarase un apartado especial ao cambio climático, dentro do proxecto Climántica, no que o departamento de Ciencias está implicado desde hai varios anos.
O traballo de coordinación correrá a cargo do equipo de profesores e profesoras de Ciencias e na edición participará o alumnado. Dende hoxe pasa a engrosar a nosa lista de amigos de Unha Grande Chea.

CAMBADOS SORTE DE EFECTIVOS O EQUIPO DE RUGBI “OS INGLESES”
O pasado sábado pasará á historia do Os Ingleses como un día moi destacado. Por primeira vez, cinco mozas cambadesas participaron nun encontro de competición oficial. Foi nun encontro da liga galega cadete, e Jéniffer, Noelia, Tamara, Tania e Iria, as protagonistas da fazaña.
Foi o primeiro paso do que no club vilagarcián esperan que se converta nun gran camiño. E cun lugar de partido, cando menos curioso. Nove son as xogadoras que están a se adestrar desde hai uns meses ás ordes de Marcos Rodríguez; cinco son da categoría cadete e catro infantís. A súa chegada á escuadra inglesa xestouse nunha das charlas que os responsables da entidade afán dar nos centros educativos da comarca buscando novos xogadores para os seus equipos das categorías inferiores. E nun dos institutos de Cambados calou a mensaxe, talvez porque o que sería o seu futuro técnico cursa alí tamén os seus estudos e talvez, tamén, porque un dos profesores xogou ao rugbi en Ferrol.
O certo é que sete valentes se decidiron a probar sorte co balón oval. A elas uníronse unha caldense, máis familiarizada con este deporte porque os seus curmáns o practican, e unha vilagarciá, irmá dun integrante do conxunto xuvenil.
E puxéronse ao choio. Con toda a ilusión do mundo. A súa esperanza é poder elevar o número de inglesas, aínda que formar un equipo sería unha tarefa absurda porque en Galicia non hai competicións federadas femininas nas categorías de formación. A cambio, os equipos poden ser mixtos, o que permitirá a todas elas medirse cos mozos do seu mesma idade.
Juanmi Doval explica que a estas idades as diferenzas físicas apenas se notan porque os corpos aínda están en plena formación. «Si, talvez, a partir de xuvenís, onde xa hai rapaces moi desenvolvidos», explica. O certo é que o equipo de Ferrol tiña tamén a un par de mozas na súa formación e ambas xogaban na dianteira.
Desde Os Ingleses, animan a todas as mozas que queiran probar este deporte a que se acheguen polo campo de Fontecarmoa os mércores ou venres a partir das oito da tarde. Aínda están a tempo de pórse en forma para afrontar a atractiva tempada de rugbi-praia que lles espera este verán, neste caso si que con rivais integramente femininos.
Por certo, que a presenza das mozas non lles veu mal posto que o equipo gañou 24-56.

MAÑA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL SESIÓN DE CONTACONTOS
Mañá venres 21 de Xaneiro haberá sesión de contacontos e ilustracións na Biblioteca Municipal “Polo correo do vento”. Haberá duas sesións, unha as 17 horas para nenos de 3 a 5 anos acompañados de pais ou titores (ate completar o afoto), a sesión dura 40 minutos. E as 18 horas para nenos a partir de seis anos, sesión dunha hora aproximadamente.


Ningún comentario: