30 de xuño de 2011

CAMBADOS DESPIDE OS SEUS PROFESORES

Toda unha xeración de profesores despídese este ano das aulas cambadesas. Son os de toda a vida. Os que levan ao pé do canón case trinta anos ou algo máis. Os que formaron a xeracións e xeracións de veciños desde o colexio Magariños, primeiro, e máis tarde desde os institutos. Os que trataron de transmitir todos os seus coñecementos. Son sete mestres, con todos os significados que esa palabra implica, que decidiron que lles chegou o momento de pasar á reserva. Lucía Soto, Luci Monge e Encarna Castro, do colexio Magariños, e Mari Carmen Durán Teresa Cao e Chani Montero, do instituto Asorey. Todas elas quixeron acompañar onte a Manuel Núñez, do Cabanillas, na súa festa de despedida das aulas.
O homenaxeado
Manuel Núñez comezou a dar clases no ano 64 e fai máis de trinta anos chegou a Cambados. Estivo primeiro no Magariños e, máis tarde, pasouse ao instituto Cabanillas. En ambos se dedicou a impartir leccións da súa gran paixón, a lingua e a literatura galegas. Onte, os seus compañeiros organizáronlle unha comida ao grande e regaláronlle un poema, obra de Ramón Caride, e un facsímil do Beato de Liébana do que só existen 400 exemplares. Os que un día fomos os seus alumnos tamén queremos sumarnos á festa e dicirlles, a todos, grazas.
Un artigo de Maruxa Alfonso, ex alumna de Manolo Nuñez e periodista de A Voz de Galicia.

Ningún comentario: