A parroquia cambadesa de Castrelo garda un prezado estudo de pedra que
perdurará no tempo. Gañador do Premio da Cultura Galega 2011, Manolo Paz
continúa falándolle ás pedras e picando como outrora, apostando pola cultura
autóctona e pola simbiose coa natureza.
-A súa obra pasou do «satélite ao
monólito» e agora decántase pola pedra, por que?
-Porque forma parte do noso lugar, de onde estamos. Vivimos case dentro dela,
porque case todos nacemos nunha casa de pedra. É algo que tes a man e se lle
deron forma os antepasados, por que non darlla tamén a xente que estamos agora?
Dunha forma respectuosa e ao mesmo tempo creando novas formas.
Centrándose entón na cultura autóctona...
Se, e potenciando o mellor da propia natureza. Tamén depende da situación
xeográfica onde nos atopemos. Estiven en Xapón e en América e a pedra, dun modo
ou outro, sempre está presente. Cando viaxo vexo os materiais dos sitios, o que
me axuda a saber onde estou e se se parece á nosa terra. Cada sitio ten o seu
material e en función diso, a xente construíu a súa propia historia.
![]() |
Manolo Paz e Chon. |
-De que forma afectaron as súas estancias
en Nova York aos seus traballos posteriores?
-Cando estiven en Nova York vin traballos feitos con outros materiais (con
metal, con cristal), reflectindo a arte contemporánea. Saín e vin que cambiara
o mundo, porque en Europa o máis alto eran os campanarios e alí era a banca. Aí
é onde cambia a fe, xa hai outros poderes á beira. Segundo vai cambiando o
tempo, dáselles unha utilidade diferente aos materiais, outra cousa distinta é
o que queiras transmitir á xente.
-Cando deseña as súas obras, sente dentro
da propia natureza?
-É como entrar dentro da alma de algo que está aí, gozar diso e podelo
transmitir á xente despois.
-Vostede viaxou por todo o mundo e parece
que é máis recoñecido no estranxeiro que na súa propia terra...será que non
sabemos apreciar o propiamente noso?
-Moitas veces, cando tes as cousas á beira, están aí e non se valoran, pero
cando non as tes, pensas que é unha novidade. Isto pasa ás veces coa pedra; a
xente de aquí quería mármore, pero en Galicia non o temos. Sempre se valora o
que un non ten, o foráneo.
-Pero aparte, tamén ten recoñecementos
aquí como o Premio Cultura Galega 2011 ou pertencer á Real Academia de Belas
Artes. É difícil consolidarse no mundo artístico?
-Antes que eu xa había certos casos recoñecidos e agora hai moita xente. O
único que hai que facer é ser agradecido e non deixar de seguir traballando,
que é o que un pode achegar, para que a xente, o xurado e a propia terra
recoñeza os valores que un ten.
-E como se podería potenciar aos mozos
que entran no sector?
Xa me estás chamando vello...(risas). Creo que teñen unha ferramenta que nós
non tivemos: a comunicación. Cando nós estabamos empezando sempre nos chegaban
as cousas con moito atraso, pero agora hai museos virtuais e traballos en
Internet. Antes só tiñamos a alguén que nos contaba algo. Pero tamén é certo
que canta máis información, máis se borra a memoria.
![]() |
Manolo Paz con parte da desaparecida Unha Grande Chea |
-Como afecta a crise ao campo dos
artistas plásticos?
-Nós antes non tiñamos nada, nin museos nin nada. Hoxe en día hai traballos
virtuais, traballos novos que se amoldan aos cambios que experimenta o mundo.
Un intenta adscribirse á época na que estamos vivindo, que realmente presenta
dificultades. O mundo dinos que hai que ser austeros; antes non se valoraba
nada, agora tampouco. En definitiva, este mundo non hai quen o entenda. Pero a
arte, cando é arte, é eterno. O gran crítico da arte sempre será o tempo, que
borra algunhas cousas e logo hai outras que as mellora. A crise ás veces afecta
ata a alma, ata o frío, pero se seguimos falando da crise non arranxamos nada.
Non se trata de esquivar as bólas e tiralas a outros, porque as bólas son para
todos e cada un ten que coller a súa. Temos que coller o futuro coas mans, con
toda a potencia que nos corresponde. Temos que unirnos un pouco pero a
solución, quen a ten?
-Agora que fala de futuro... na súa casa
alberga moitas das súas obras e ata ten un documental sobre a súa vida,
recordos que quedarán para que Manolo Paz non se esgote co paso do tempo...
O único que tratamos de facer coas nosas obras é ser respectuosos coa natureza,
cos antepasados, e axudar a que os nosos netos e bisnietos herden un futuro e
unha historia da nosa terra. Que vexan que Galicia é xenerosa, que debemos
axudala porque ela dános, continuando co que fixeron os nosos antepasados. Creo
que iso é cultura, iso é a arte e é o mellor que se pode transmitir cando un
está na terra. Os que veñen detrás teñen que darse conta disto.
-Dixo unha vez que «a arte permite gozar
dalgunhas cousas que pensabas que non estaban aí e que outra xente non ve».
Nácese sendo artista ou se fai?
-Creo que son as dúas cousas. Un nace e despois, segundo vai crecendo, ve de
forma diferente as cousas que o resto da xente e non sabe o porqué. Esas cousas
axudaban, porque a opinión dun artista antes era válida, como a de Rafael,
Miguel Anxo, Leonardo... pero agora xa non.
-No seu haber ten obras importantes como
a Familia de Menhires da Torre de Hércules ou a cruz do altar de Benedito XVI
cando estivo en Santiago, xa ten algún proxecto en mente?
-Temos pendente un traballo na Cidade da Cultura para o 2012. Para o ano que
vén a Cidade da Cultura terá un espazo dedicado a grandes exposicións e
documentación, o que permitirá un maior coñecemento das obras dos artistas.
-Para rematar, como se definiría como
escultor?
É cultura ou non é cultura?
UN TRABALLO DE CRISTINA PICHEL
Para unha mellor navegación por
este blog usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.
Ningún comentario:
Publicar un comentario